BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, lanza o estudo “Videoxogos, apostas e adiccións sen substancia entre os mozos e adolescentes galegos: análise da situación actual e claves para a prevención”

21-09-2021

  • A Fundación Barrié, dentro da súa área social, lidera en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela un estudo sobre o uso que os adolescentes galegos fan da Internet, os videoxogos e os xogos de apostas e o seu impacto após a pandemia.
  • O obxectivo do estudo é obter un mellor coñecemento desta incipiente problemática e identificar as claves para levar a cabo accións de prevención baseadas na evidencia empírica e desde unha perspectiva construtiva e comunitaria, implicando as familias, o sector empresarial e as institucións.
  • Trátase do traballo empírico de maior envergadura feito até o de agora sobre o tema en Galicia; un estudo pioneiro que non ten precedentes deste calibre en ningunha outra comunidade autónoma. Participarán 10.000 mozos galegos de idades comprendidas entre os 12 e 20 anos que se atopen cursando Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato e Ciclos de Formación Profesional en centros públicos, privados ou concertados da comunidade.
  • O responsable científico da investigación será o Dr. Antonio Rial, profesor da Facultade de Psicoloxía e director técnico da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC-PSICOM).
  • O estudo, que se desenvolverá entre os meses de outubro de 2021 e marzo de 2022, combinará un enfoque cualitativo –a través da celebración de Focus Groups con mozos, nais e pais, educadores, técnicos de prevención e policy makers– cun enfoque cuantitativo, a través dunha enquisa en liña, con centros educativos da comunidade galega e co soporte técnico do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela
© Fundación Barrié

A Coruña, 21 de setembro de 2021: José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, e Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, asinaron hoxe, na sede da Fundación Barrié na Coruña, un acordo polo cal a Fundación Barrié pon en marcha, dentro da súa área social, o estudo “Videoxogos, apostas e adiccións sen substancia entre os mozos e adolescentes galegos: análise da situación actual e claves para a prevención”, co obxectivo de obter un mellor coñecemento desta incipiente problemática e identificar as claves para poñer en marcha as accións preventivas axeitadas e adaptadas á realidade existente.

Na presentación participou Antonio Rial, profesor titular da área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento da USC e responsable científico do estudo, quen ofreceu os detalles deste.

O estudo persegue non só coñecer e describir polo miúdo o uso que os adolescentes galegos fan da Internet, os videoxogos e os xogos de apostas, senón tamén entender o “por que”, incorporando un enfoque cualitativo a través da colaboración de Focus Groups. O fin é deseñar estratexias de prevención baseadas na evidencia empírica e desde unha perspectiva construtiva e comunitaria, que implique tamén as familias, o sector empresarial e as institucións.

Na súa intervención, José María Arias, presidente da Fundación Barrié, sinala: “O artellamento dunha resposta eficaz e integral ao problema debe vir precedido por un coñecemento obxectivo e preciso da realidade social, que só se pode acadar mediante a obtención de datos fiables da prevalencia do problema e a identificación das variables que están na súa base, os contextos e as motivacións, así como os perfís e actores sociais”.

O estudo realizarase entre os meses de outubro de 2021 e marzo de 2022 a 10.000 mozos con idades comprendidas entre os 12 e 20 anos, que estean a cursar estudos de ESO, FP ou Bacharelato en centros públicos, privados ou concertados da comunidade galega.

Trátase do traballo empírico de maior envergadura realizado en Galicia até o de agora sobre o tema, xa que, a pesar da súa relevancia social, son aínda moi poucos os estudos que teñan abordado esta temática en España. No caso dos videoxogos, por exemplo, desde o ano 2010 non se informa sobre os hábitos de uso por parte de menores, nin se achegan cifras oficiais sobre do seu posible impacto a nivel emocional, de saúde mental e saúde en xeral ou de convivencia. Tampouco se coñece que porcentaxe de nenas e nenos poderían estar a incumprir o PEGI (Pan European Game Information), ou o que é o mesmo, xogando a videoxogos non recomendados para a súa idade, segundo a normativa europea.
O estudo estará liderado polo Dr. Antonio Rial, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC e director técnico da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario (USC-PSICOM), grupo de referencia en España tanto na investigación no ámbito dos adolescentes como na avaliación e xestión sociosanitaria.

En palabras de Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, "Na Universidade de Santiago de Compostela estamos concienciados da importancia de analizar e previr calquera tipo de práctica que poida derivar en adicción entre a xuventude. Neste caso, no eido dixital están a conformarse escenarios onde se dan as condicións potencialmente idóneas para que as apostas ou xogos en liña poidan supor un problema para a nosa mocidade. O feito de demostrar habilidades, competir e chegar a sentirse gañadores pode supor que unha práctica habitual se converta nunha adicción, polo que é importante observar, de xeito constante, analizar, detectar perigos, sinalalos e traballar cos colectivos potencialmente máis expostos".

Antonio Rial, pola súa banda, sinala que o estudo non pretende en ningún momento demonizar os videoxogos (a día de hoxe a principal canle de lecer e entretemento de boa parte dos adolescentes galegos e españois), senón achegar datos que axuden a mobilizar as institucións (comezando polas propias familias), para velar por un uso saudable e responsable destes. “O xogo constitúe, sen dúbida, unha das ferramentas máis potentes de aprendizaxe e desenvolvemento persoal das que dispón o ser humano. Pero non é menos certo que un uso intensivo de determinado tipo de videoxogos, a determinadas idades, con determinados contidos e sen a debida supervisión parental, pode ter serias implicacións tanto a nivel de saúde como de convivencia. Tanto é así que a propia Organización Mundial da Saúde advirte dunha nova forma de adicción, outorgándolle un papel prioritario”. No caso do xogo e as apostas en liña este investigador galego reclama un papel máis valente e activo por parte da Administración na protección dos menores e un maior compromiso coa prevención.
 
Metodoloxía da investigación
A metodoloxía de traballo elixida no desenvolvemento da investigación baséase no desenvolvemento dunha estratexia mixta, combinando un enfoque cualitativo e un enfoque cuantitativo, segundo se detalla deseguido.

1ª Fase – outubro de 2021
Na primeira fase do estudo, exponse a aplicación de metodoloxías cualitativas que permitan orientar os contidos sobre as que construír o instrumento de medición (cuestionario ad hoc). Nesta liña, realizaranse tres Grupos de Discusión ou Focus Group cos seguintes participantes: (Grupo 1) Mozos entre 12 e 20 anos; (Grupo 2) Nais e pais; (Grupo 3) Expertos – educadores, técnicos de prevención e policy makers. Cada grupo estará formado por 6-8 participantes e a duración de cada sesión será de aproximadamente 2 horas.

2ª Fase – novembro de 2021 a xaneiro de 2022
Posteriormente, procederase á análise cuantitativa, a través da distribución en liña do cuestionario construído nos centros públicos, privados ou concertados da comunidade galega.

A ficha técnica do estudo recóllese deseguido:
Ámbito: Comunidade autónoma de Galicia
Universo: Infinito. Mozos e adolescentes con idades comprendidas entre 12 e 20 anos, que estean a cursar estudos de ESO, FP ou Bacharelato en centros públicos, privados ou concertados da comunidade galega (N aprox.: 140.000 adolescentes)
Tipo de mostraxe: Bietápica. Por conglomerados para a selección das unidades de primeiro nivel (centros educativos) e por cotas, segundo o nivel educativo, provincia, sexo e titularidade do centro, para a selección das unidades de segundo nivel (individuos).
Tamaño da mostra: 10.000 adolescentes
Hipótese peor: p=q=0.50
Nivel de significación: α= 0.05
Erro máximo de mostraxe: ±1%
Instrumento de recollida de datos: cuestionario ad hoc, que incluirá algunhas preguntas da última edición do ESTUDES (Ministerio de Sanidade e Consumo), xunto a ítems de elaboración propia e escalas de screening específicas (como o BAGS ou o GASA), para o cribado de posibles condutas aditivas.
Procedemento: cuestionario online mediante plataforma propia de USC-PSICOM, aloxada no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), con todas as garantías requiridas en materia de protección de datos e garantindo aos participantes a confidencialidade da información e o anonimato das súas respostas.
 
3ª Fase – febreiro de 2022
Finalmente, interpretaranse os resultados, mediante a realización de tres novos Focus Group. Os resultados e conclusións deste estudo presentaranse publicamente nun informe global (mar.22). Ademais, entregaranse informes individuais confidenciais para cada un dos centros colaboradores e participantes no estudo[1].
 
A Fundación Barrié e a prevención social
A Fundación Barrié, no ámbito da acción social, desenvolve accións dirixidas a reducir riscos e potenciar medidas de protección para previr o desenvolvemento de situacións consideradas socialmente problemáticas, tratando con iso de eliminar as causas que as xeran. Para iso ten deseñado e implantado programas e actividades de prevención do consumo de drogas; de prevención de condutas infractoras ou de prevención de comportamentos antisociais como o vandalismo ou de incendios forestais, nos que, desde 2011, participaron máis de 47.500 menores de toda Galicia.
 
O Dr. Antonio Rial e a Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC
O Dr. Antonio Rial é profesor titular da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Director técnico da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario (USC-PSICOM) e experto en metodoloxía de investigación en ciencias sociais e da saúde. É autor dun centenar de artigos en revistas científicas nacionais e internacionais e responsable de diferentes proxectos de investigación no ámbito dos adolescentes.
A Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario (USC-PSICOM) desenvolve un importante labor de investigación e apoio os profesionais da prevención da comunidade galega, así como de asesoramento ás diferentes administracións, quer coa elaboración de estudos e instrumentos de avaliación, quer a través do seu esforzo de divulgación e sensibilización social. O seu labor nos últimos 25 anos revela unha aposta decidida pola I+D+i, que se viu reflectida en máis de 130 artigos científicos publicados en prestixiosas revistas nacionais e internacionais, así como nun centenar de proxectos de investigación aplicada, contratos e convenios. A USC-PSICOM conta ademais cunha ampla experiencia no ámbito da saúde, a prevención e a xestión de programas, con numerosos traballos de consultoría para a propia Administración. Na área dos menores e as novas tecnoloxías, en 2010 liderou o primeiro estudo de “Adolescentes e Internet en Galicia”, promovido polo Valedor do Pobo e a Consellería de Educación da Xunta, que continuou en 2014 co proxecto “Mocidade Online”, cuxos resultados foron publicados en revistas como Cyberpsychology ou Computers in Human Behavior. En 2019 realizou un dos maiores estudos feitos en España sobre o problema do xogo en liña en menores, publicado no prestixioso Journal of Gambling Studies. Os seus membros foron os autores do libro “Adolescentes y Nuevas Tecnologías: una responsabilidad compartida”, así como do libro “Entre selfies y Whatsapps. Oportunidades y riesgos para la infancia y la adolescencia conectada”, elaborado por expertos europeos do proxecto EU Kids Online. Actualmente forman parte do grupo de expertos encargados de asesorar a Xunta de Galicia na elaboración da nova Lei do Xogo. Así mesmo, dirixen un proxecto de investigación financiado polo Plan Nacional sobre Drogas para a detección precoz e intervención breve nas adiccións con e sen substancia en Pediatría e, paralelamente, dirixen o Estudio sobre el impacto de la tecnología en la adolescencia, levado a cabo por UNICEF en España.



[1] Ningún centro terá acceso aos resultados doutros centros, pero terá a oportunidade de compararse co conxunto de Galicia.

RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes

Videos