BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié recupera e dixitaliza material inédito de Manuel María, poeta homenaxeado neste ano

13-05-2016

  • O Portal das Palabras, forma parte dunha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización do léxico da nosa lingua e os contidos son responsabilidade da RAG, mentres que o desenvolvemento técnico faise conxuntamente coa Fundación Barrié.
  • O Portal das Palabras é a plataforma na que se dá a coñecer documentación inédita de Manuel María.
  • A documentación inédita componse de gravacións sonoras inéditas do poeta recitando os seus propios poemas e os doutros autores así como o audio da estrea da obra As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, estreada en Monforte de Lemos, Praza de España nº 19 (a piques de entrar no verán de 1976).
  • Estas gravacións son posibles grazas á cesión da familia de Lutgarda González González e Alfonso Rodríguez López.

Alfonso Rodríguez, Lutgarda González, Saleta Goi, Manuel María e Darío Xohán Cabana nos anos 70
© Foto cedida pola familia de Alfonso Rodríguez

A Coruña, 13 de maio de 2016. – A Fundación Barrié recupera a gravación histórica de As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. Trátase dunha gravación sonora para o teatro de monicreques para o que a obra foi creada e onde foi estreada nos últimos meses do curso escolar de 1976. Ademais desta gravación que se pode escoitar desde hoxe na web do Portal das Palabras, proxecto común coa Real Academia Galega, a Fundación Barrié dixitalizou e poñerá a disposición de todo o mundo a gravación inédita dunha pequena escolma de poemas de Manuel María e doutros poetas recitados por el mesmo. Estas gravacións son posibles grazas á cesión gratuíta da familia de Lutgarda González González e Alfonso Rodríguez López, avogado de Monforte de Lemos con quen Manuel María compartiu, durante duros e ao mesmo tempo ilusionantes anos, amizade, traballo profesional e a arela dunha Galicia mellor. Eles e mais Nati Rodríguez López e Carlos Rodríguez Otero foron os improvisados actores que puxeron voz á obra que se representou por primeira vez en Monforte de Lemos no número 19 da Praza de España.
 
Manuel María e o teatro

A produción dramática de Manuel María foi cumprida, con máis de vinte pezas publicadas –premiadas en repetidas ocasións–, varias que quedaron inéditas e mesmo unha adaptación ao teatro dun poema de Blanco Amor. Comezou en 1957 co Auto do taberneiro e incluíu varias obras dirixidas aos rapaces, entre as que destaca, polas súas moitas representacións no ámbito escolar, As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.

Nesta peza breve podemos ver temas como a liberdade do individuo, a denuncia do autoritarismo e o abuso de poder ou a discriminación do diferente, sen perder por iso un ton idóneo para o público infantil, acorde coa concepción xeral do teatro que tiña Manuel María, quen vía neste xénero un instrumento dunha enorme potencialidade educativa.
 
Como xorde a historia de Berenguela?

Así como fixera Lewis Carroll coa súa Alicia, Manuel María escribiu a peza da Berenguela pensando nos fillos da familia monfortina Rodríguez González, coa que tiña unha estreita relación, para ofrecérllela como agasallo. A Manuel María chamáballe a atención un teatriño de monicreques, feito por Alfonso para entretemento e ilustración dos seus catro fillos, e prometeulles unha obra orixinal que puidesen representar naquel escenario artesanal. Aí naceron as Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, na volta do ano 1975, que se estrearían no verán seguinte naquela casa.
 
Así nolo contan os irmáns para os que Manuel María escribiu a obra

“Cando o maior de nós contaba cinco anos e a máis pequena inda había nacer, o pai fíxonos un agasallo marabilloso: un teatriño de monicreques construído por el mesmo para a galería que chamabamos do Sol e que era moitas veces o único refuxio posible naqueles invernos de Monforte. Dixéranos que se trataba dun televexo que ten a gran vantaxe de que alí podes dicir o que che peta, pero cun único límite: nel as mentiras feden.

Foi nese mesmo ano cando Manuel María, que se fixera procurador no despacho do noso avó e pasou a maior parte da súa carreira a carón do noso pai, amante como el do teatro, ofreceu un novo agasallo:  As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, escrita especificamente para aquel teatriño.

Á volta do ano, en 1976, e rematando o curso escolar, catro persoas, que eran os nosos pais e os nosos tíos, puxéronse mans á obra e cun magnetófono de bobina aberta, un tocadiscos que daquela recibía normalmente o nome de picú, toda a discografía dispoñible na nosa casa e mais algún disco prestado para a ocasión, gravaron a banda sonora que serviría para a estrea nos días posteriores.

Esa porción de verdade que é a Espiña de Toxo, nada allea aos autos e oficios que o Manuel e o Alfonso manexaban acotío, estreouse finalmente, con todos os amigos e compañeiros do instituto onde traballaba a nosa nai e, por suposto, con Manuel María e Saleta, naquela casa da Praza de España número 19 de Monforte de Lemos, onde a creatividade podía alcanzar todas as escalas e formas, os xoguetes podían ser máquinas de escribir ou magnetófonos e todo o mundo podía reclamar para si a condición de neno”.