BUSCAR
Memoria Anual 2022
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
A Fundación Barrié outorga bolsas a 10 mozos para a realización de estudos de mestrado en centros académicos de todo o mundo
-
A Fundación Barrié entregou hoxe as credenciais aos novos bolseiros da súa 32ª edición do Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro correspondente ao curso académico 2021-2022.
-
As 10 bolsas para a realización de estudos de mestrado reflicten o compromiso da Fundación Barrié coa educación e capacitación do activo máis valioso de Galicia: as persoas.
-
O Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro é unha das achegas máis salientables da Fundación Barrié á comunidade, con 714 bolsas concedidas desde 1990 e cun investimento acumulado de máis de 43 millóns de euros.
A Coruña, 18 de xuño, 2021.- A Fundación Barrié entregou hoxe as credenciais da súa 32ª edición do Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro para a realización de estudos de mestrado en centros académicos de todo o mundo, nun amplo abano de especialidades de interese e impacto para Galicia.
O acto foi presidido por José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, a quen acompañaron Consuelo Castro Rey, abogada xeral do Estado-directora do Servicio Xurídico do Estado e vogal do Padroado da Fundación Barrié; Darío Villanueva Prieto, académico da Real Academia Española e vogal do Padroado da Fundación Barrié; e Óscar Rama, presidente da Asociación de Bolseiros da Fundación Barrié.
En palabras de José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié: “Desde a súa creación, en 1966, a Fundación Barrié ten feito unha importante aposta por investir na educación como impulsora para o desenvolvemento de Galicia en todos os niveis. Cos programas de bolsas, como coas restantes actividades da Fundación, procurouse abrir camiños novos para a solución de demandas sociais non cubertas polas administracións públicas ou entidades privadas. Isto non só nos afaga, senón que nos permite seguir avanzando, adaptando as nosas iniciativas ás necesidades sociais”.
As convocatorias anuais de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro son un programa de referencia da Fundación Barrié, que acada a súa 32ª convocatoria coa concesión de 714 bolsas desde 1990 e cun investimento acumulado de máis de 43 millóns de euros. O Programa reflicte o compromiso da Fundación Barrié coa educación e capacitación do activo máis valioso de Galicia: as persoas.
O Programa, posto en marcha en 1990, persegue un obxectivo triplo:
- facilitar o acceso ao coñecemento das mellores técnicas, métodos e procedementos;
- proporcionar experiencias vitais nun contexto internacional e multicultural; e
- contribuír ao desenvolvemento de ligazóns académicas, sociais, profesionais e culturais de titulados universitarios vinculados a Galicia.
O Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro da Fundación Barrié, dirixido a graduados universitarios, licenciados ou titulados superiores, é un dos programas de bolsas de excelencia máis destacado no eido nacional e internacional.
10 bolsas para a realización de estudos de mestrado
Na convocatoria de 2021 concedéronse 10 bolsas a candidatos das seguintes áreas do coñecemento: Ciencias Experimentais (3); Ciencias da Vida (3); Enxeñaría (2) e Ciencias Sociais (2). A media académica dos estudos universitarios dos bolseiros é de 8,82 sobre 10.
No tocante á procedencia, 3 bolseiros cursaron os seus estudos universitarios en Galicia, 5 en Madrid e 2 no estranxeiro. A Universidade de Santiago de Compostela (3) e a Universidade Carlos III de Madrid (3) encabezan a lista con maior número de bolseiros, seguidas pola Universidade Pontificia Comillas (1); a Universidade Complutense de Madrid (1); a University College de Londres, no Reino Unido (1), e a Universidade de Aalborg, en Dinamarca.
Canto ao destino, Suíza (4) consolídase como país de preferencia, seguido polo Reino Unido (2), Estados Unidos (2), Alemaña (1) e Países Baixos (1). Realizarán os seus estudos en centros de referencia como a Escola Politécnica Federal de Zúric (3); a Universidade de Zúric (1); a Universidade de Oxford (1); a Universidade de Cambridge (1); a Universidade de Columbia (2) e a Universidade de Heidelberg (1) e a Universidade Tecnolóxica de Delft (1).
A media de idade dos bolseiros desta edición é de 23 anos. Todos os bolseiros manteñen vinculación con Galicia, quer por residencia (1), quer por nacemento (9): Santiago de Compostela (2); A Coruña (2); Arzúa (1); Pontevedra (1); Vigo (1); Lalín (1) e Ourense (2).
A dotación económica da bolsa é dun máximo de 50.000 euros anuais e pode aplicarse total ou parcialmente aos seguintes conceptos:
- Matrícula do programa no centro de destino;
- Dotación inicial única de 1.000 euros en concepto de viaxe e instalación;
- Asignación mensual de 1.600 euros en concepto de aloxamento e manutención.
A bolsa concédese por un curso académico, prorrogable por un segundo curso cando a duración dos estudos así o requira.
A ASOCIACIÓN DE BOLSEIROS DA FUNDACIÓN BARRIÉ
A Fundación Barrié conta cunha activa Asociación de Bolseiros, creada en 1996, que ten preto dun milleiro de integrantes, todos beneficiarios dos programas de bolsas para investigación, estudos universitarios ou ampliación de estudos universitarios en España ou no estranxeiro. A Asociación desenvolve actividades encamiñadas a facilitar aos seus asociados o contacto con institucións profesionais e académicas de ámbito galego, nacional e internacional e sempre a manter e alimentar o vínculo da Fundación cos seus bolseiros.
Neste senso, serve de vehículo para canalizar as actividades daqueles bolseiros que queiran poñer ao servizo de Galicia, e en particular da Fundación, os seus coñecementos e experiencia, para que a formación adquirida no decurso dos seus estudos e investigacións transcenda o ámbito da mellora persoal e reverta no avance da sociedade galega. (http://becarios.fundacionbarrie.org)
RECURSOS DISPONIBLES