Inicio / Exposicións / Norman Parkinson: sempre con estilo / Didáctica Norman Parkinson / Didáctica para Familias

UNIDAD DIDÁCTICA PARA A EXPOSICIÓN "NORMAN PARKINSON: SEMPRE CON ESTILO"

“Gústame que a xente se vexa ben, como lle gusta ver os demais, e con sorte cun
ton mellor"
Norman Parkinson
 
TECNOLOXÍA ENTRE COSTURAS PARA A MODA DO FUTURO
CREANDO FOTOGRAFÍAS LUMINOSAS E ACCESORIOS DE MODA INTERACTIVOS
 
Nesta Unidade Didáctica pretendemos ensinar os participantes a que aprendan a profundar de forma lúdica e pedagóxica nos aspectos relevantes da exposición de Norman Parkinson. Inspirándonos nas súas fotografías máis icónicas, cada unha das actividades pensouse para achegármonos de forma innovadora ás diferentes fases da carreira deste grande artista. En concreto, para descubrirmos o seu atrevido estilo retratando as súas modelos femininas e para entendermos a súa importante presenza na fotografía de moda.
 
Coas actividades que se formulan a continuación, os participantes imaxinaranse como será a moda do futuro. Para iso, achegaranse a novos territorios de expresión e entrarán en contacto con procesos emerxentes de creación que vinculan moda e tecnoloxía. Axudados de dispositivos dixitais educativos poderán crear as súas propias fotografías luminosas ou accesorios de moda interactivos. En xeral, traballarán coa ferramenta Scratch e a placa Makey Makey. No desenvolvemento dos proxectos adquirirán coñecementos de electrónica básica e programación, e exercitarán destrezas manipulativas como coser, debuxar, cortar ou pegar.
 
Esta proposta distínguese pola súa aposta polo enfoque pedagóxico STEAM. É dicir, pola incorporación da arte e o deseño no eixo central de STEM. Con este enfoque metodolóxico preténdese fomentar o pensamento crítico dos participantes. Así mesmo, que estes adquiran habilidades e coñecementos para innovar, imaxinar e solucionar problemas futuros vinculados ao téxtil e á moda. Cada actividade combina unha breve visita guiada e despois unha actividade “de obradoiro” relacionada coas fotografías que viron.

OBXECTIVOS EDUCATIVOS:

- Coñecemento e análise do traballo do fotógrafo Norman Parkinson.
- Promover a creatividade e o desenvolvemento do pensamento crítico.
- Estimular a capacidade plástica e visual.
- Iniciación aos téxtiles e á electrónica para achegarse ás STEM/ STEAM
- Fomentar a aprendizaxe transversal, activa e significativa a través da arte
- Potenciar as destrezas comunicativas interpersoais.



FAMILIAS: Moda con superpoderes con Scratch e Makey Makey
 
Nesta actividade reflexionaremos en familia sobre a relación da moda e da fotografía. Os adultos compartirán unha experiencia única cos máis pequenos aprendendo a crear un accesorio de moda luminoso e interactivo. Para o desenvolvemento desta actividade, cada familia recibirá un kit cos compoñentes electrónicos e materiais necesarios para deseñar o seu proxecto. O que se pretende con esta experiencia é, a través da costura, amosarlles aos participantes o estilo dinámico e espontáneo de Parkinson, e a facilidade que tiña este grande artista para crear imaxes que transmitisen encanto e humor.

A duración do obradoiro será de 90 minutos..
Reservas