UNIDADE DIDÁCTICA PARA A EXPOSICIÓN "MARC CHAGALL. FÁBULAS E SOÑOS"

Actividades para Familias. 90Min. (Dirixido a nenos a partir de 6 anos)

O RECUNCHO VERMELLO
 
“Simplemente abría a fiestra do meu cuarto e entraban por ela o aire azul, o amor e as flores.”
                                                                                                                           Marc Chagall
 
As casas rusas tradicionais tiñan un espazo coñecido como o “recuncho vermello” (belo). Era a parte máis importante da casa, xunto ao forno (no cal o lume debía estar sempre encendido ou con brasas). Era un lugar privilexiado, onde se colocaban as iconas e os obxectos máis fermosos do fogar.
Na súa nenez, Chagall, viviu nunha desas casas tradicionais de madeira na súa localidade natal, Vitebsk. Alí a comunidade xudea seguía a vertente jasídica do xudaísmo. Era unha relixión esencialmente amorosa.
 
O amor é un dos grandes temas recorrentes de Chagall, tanto na súa vida privada como na súa pintura. Podemos ver en multitude das súas obras imaxes femininas e parellas, flotando ceibas, entre animais e flores e alegres cores; como se o universo enteiro se contaxiase da felicidade que irradian os amantes.
En moitas destas imaxes Chagall retratou ás dúas mulleres da súa vida, Bella Rosenfeld e Valentine Brodsky.
 
Na nosa proposta educativa dirixida ás familias propoñémosvos traballar sobre o mesmo tema: o amor, no senso máis amplo posible; a nosa familia, os animais, a natureza... No noso proceso creativo partiremos de medios e técnicas diversas, como o collage fotográfico, para despois editar dixitalmente esas imaxes con distintos tipos de aplicacións. Transformaremos así os collages fotográficos iniciais en debuxos coloreados por eles mesmos.