UNIDADE DIDÁCTICA PARA A EXPOSICIÓN "MARC CHAGALL. FÁBULAS E SOÑOS"

Actividades para grupos de Diversidade Funcional. 90Min.

SOÑOS DE CORES
 
“Todo o noso mundo interior é realidade, talvez máis real que o mundo manifesto” Marc Chagall
 
O mundo dos soños, das fantasías oníricas, é un referente constante na obra de Chagall. Mediante os soños expresa a súa capacidade de crear mundos diferentes dentro do seu propio mundo, expresando distintas realidades que transcenden o universo visible, configurando mundos imaxinarios máis alá das leis da física, mundos onde todo é posible, nos cales os recordos se volven soños e os soños configuran a realidade.
 
“Para min, unha pintura é unha superficie cuberta con representacións de cousas –obxectos, animais, seres humanos– que gardan unha certa orde na cal a lóxica e a vontade de ilustración non teñen importancia ningunha”. Así describía Chagall o seu xeito de entender a pintura, onde os motivos e as ideas se organizan mediante disposicións de carácter circular e se amosan como visións fragmentadas de diferentes realidades que conviven nun mesmo cadro.
 
Na nosa proposta educativa servirémonos de técnicas creativas que potencien a libre asociación de formas e ideas nunha busca da expresión espontánea da creatividade, dos sentimentos e das emocións. En definitiva, trátase de plasmar contidos emocionais mediante elementos gráficos e cores. Servirémonos para iso de diversas técnicas, tanto físicas como dixitais, nas cales o xogo, a imaxinación e a fantasía serán protagonistas.