BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié organiza o ciclo de conferencias “A Biblia do Prado. A historia sagrada na arte”, en colaboración coa Fundación Amigos do Museo do Prado na Coruña, Vigo e Santiago

23-10-2015

• As conferencias son de entrada libre e celebraranse na Coruña, Vigo e Santiago de Compostela entre novembro e decembro de 2015 e febreiro de 2016.
• A Fundación Barrié organiza estas conferencias cada ano, desde 1999, en colaboración coa Fundación Amigos do Museo do Prado, e na súa programación deste ano profundará no estudo das claves esenciais da iconografía cristiá presentes no Antigo Testamento.

Entrada dos animais na arca de Noé, Jacopo Bassano
© Museo Nacional do Prado

A Coruña, 23 de outubro de 2015.- A Fundación Barrié organiza unha nova edición do ciclo de conferencias que se celebra cada ano, desde 1999, en colaboración coa Fundación Amigos do Museo do Prado, e na súa proposta para 2015-2016 contará coa colaboración dos mellores especialistas nacionais e internacionais para profundar no estudo das claves esenciais da iconografía cristiá presentes no Antigo Testamento, texto que foi fonte de inspiración, reflexión e reinterpretación ao longo dos séculos nas máis diversas disciplinas, converténdose nunha das claves fundamentais para comprendermos o devir dos tempos e o noso mundo e arte actuais. 
As conferencias son de entrada libre ata completar aforo e celebraranse os xoves 5, 12 e 19 de novembro ás 20.00 horas na sede da Fundación na Coruña. O ciclo trasladarase en decembro á sede da Fundación en Vigo e concluirá no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, en febreiro de 2016.

Presentación director Ciclo: Francisco Calvo Serraller, catedrático de Historia da Arte. Universidade Complutense de Madrid

A Biblia. A historia sagrada na arte do Museo do Prado
O cristianismo e a cultura clásica pagá foron o fundamento civilizador de Occidente e, polo tanto, da súa arte, que resulta incomprensible sen a axeitada interpretación destes dous caudais da nosa identidade hoxe globalizada.
Para paliar o esquecemento actual destas dúas fontes esenciais para a arte, a Fundación Amigos do Museo do Prado xa realizou un curso dedicado á mitoloxía clásica e agora presenta outro complementario, centrado no estudo das claves esenciais da iconografía cristiá, que non só comprende a análise específica destas, baseada neste caso no Antigo Testamento, senón tamén o do seu acoplamento coa herdanza clásica e o da súa pervivencia transformada na arte da sociedade contemporánea secularizada. Neste sentido, para tratar tan ampla e apaixonante materia, programarase máis adiante outro curso dedicado ao Novo Testamento.
Como queira que o legado da Biblia configura a nosa historia e o noso pensamento, a súa pegada na  arte abrangue todos os seus eidos e xéneros, como a literatura, a música e as chamadas belas artes. Aínda que este curso orientará a súa atención nestas últimas, non obviará sinalar a súa estreita relación coas anteriores, nin tampouco reflexionar sobre a íntima compenetración do sagrado co artístico. Contaremos, como en anteriores ocasións, coa colaboración dos mellores especialistas nacionais e internacionais.
 
PROGRAMA
 
A CORUÑA (2015)
5 novembro: Panóptico de mulleres bíblicas, por Francisco Calvo Serraller, catedrático de Historia da Arte, Universidade Complutense de Madrid
12 novembro: “Que me bique co bico da súa boca”: as interpretacións visuais do Cantar dos Cantares, por Rocío Sánchez Ameijeiras, profesora de Historia da Arte, Universidade de Santiago de Compostela
19 novembro: Adán e Eva, por Gonzalo M. Borrás, catedrático emérito de Historia da Arte, Universidade de Zaragoza 
VIGO (2015)
3 decembro: Cando o Paraíso non era ningún paraíso (ou o Edén en Mesopotamia) por Pedro Azara, profesor de Estética, Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona
10 decembro: Experiencias sobre o Templo de Salomón, por Alfonso Rodríguez y Gutiérrez de Ceballos, académico numerario,  Real Academia de Belas Artes de San Fernando
17 decembro: Un tempo de cantar e un tiempo de calar. A música nos escritos bíblicos, por Ramón Andrés, ensaísta e músico.
SANTIAGO DE COMPOSTELA (2016)
18  febreiro: Xénese veneciana: de Adán a Noé, por Miguel Falomir, director adxunto de Conservación e Investigación, Museo do Prado
25  febreiro: A Biblia no cine,  por Luis Alberto de Cuenca, profesor de Investigación, Consello Superior de Investigacións Científicas

RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes