BUSCAR
Memoria Anual 2022
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
Concurso de debuxo e de relato breve en 280 caracteres en twitter
A Fundación Barrié convoca un concurso de debuxo e relato breve en 280 caracteres en twitter sobre a obra convidada do Museo Nacional del Prado “Cupido” (Parmigianino).
Prazo: Dende o 12 ao 21 de decembro de 2017
A Coruña, 11 de decembro de 2017.- A Fundación Barrié convoca un concurso de debuxo e relato breve en 280 caracteres en twitter sobre a obra convidada do Museo Nacional do Prado, “CUPIDO” (Parmigianino. Girolamo Francesco Maria Mazzola) presentada co gallo do ciclo de conferencias “A era dos xenios. De Miguel Ángel a Arcimboldo”, organizado pola Fundación Barrié en colaboración coa Fundación Amigos do Museo do Prado.
Esta obra, que formou parte das coleccións reais españolas, desde as que pasou ao Museo do Prado, é unha copia de época dunha das pinturas máis relevantes de Girolamo Francesco Maria Mazzola (Parma, 1503 - Casalmaggiore, 1540) máis coñecido como Parmigianino, figura fundamental no desenvolvemento do manierismo.
A obra estará exposta na sede da Fundación Barrié ata o 21 de decembro de 2017 no horario de 18h – 21h de martes a sábado.
O concurso, aberto a participantes de todas as idades, abrangue a categoría de debuxo así como a categoría de relato breve en 280 caracteres publicada en twitter.
Unha comisión interna da Fundación Barrié avaliará os debuxos e relatos entregados. O gañador darase a coñecer o 5 de xaneiro de 2018.
O primeiro premio consta dunha tablet por categoría e o segundo premio será un lote de libros de arte do servizo de publicacións da Fundación Barrié.
Categoría de debuxo:
Os participantes poden debuxar na sala de exposición no horario de apertura ao público e entregar os seus traballos no posto de Seguridade da Fundación. Permítese debuxar exclusivamente con lapis (gris ou de cor).
Categoría de relato breve:
Os participantes deben de publicar o relato breve na súa conta de twitter mencionando @FundacionBarrie e utilizando o hashtag #Cupido.
Obra convidada do Museo Nacional do Prado
Parmigianino. Girolamo Francesco Maria Mazzola (Copia)
Cupido
Finais do século XVI
Técnica: Óleo sobre lenzo, 148 cm x 65 cm
© Arquivo Fotográfico. Museo Nacional do Prado. Madrid
Esta obra, que formou parte das coleccións reais españolas, desde as que pasou ao Museo do Prado, é unha copia de época dunha das pinturas máis relevantes de Girolamo Francesco Maria Mazzola (Parma, 1503 - Casalmaggiore, 1540) máis coñecido como Parmigianino, alcume que tomou da súa cidade natal. Parmigianino naceu dentro dunha familia de artistas e foi un pintor excepcionalmente precoz, que destacou tamén no debuxo e no gravado, sendo un dos máis prodixiosos e fecundos debuxantes de todo o Renacemento. Da impresión que causou este novo artista, figura fundamental no desenvolvemento do manierismo, dá conta o que sobre el escribiu Vasari nas súas famosas Vidas: «Incontables persoas dicían publicamente en Roma que o espírito de Rafael pasara ao corpo de Francesco, ao velo singular na arte e tan agradable nas maneiras».
Parmigianino pintou o cadro no que se basea esta obra en 1534 para o seu amigo e mecenas Francesco Baiardo. A pintura foi herdada por Marcantonio Cavalca para despois pasar ás mans de Antonio Pérez, secretario de estado de Felipe II, quen o trasladou a España. Seguramente sería nese momento cando se realizou esta copia, que posúe as mesmas dimensións do orixinal e que se mantén fiel á composición e técnica deste. O orixinal foi finalmente enviado ao emperador Rodolfo II en 1605 e consérvase no Kunsthistorisches Museum de Viena co título de Cupido tallando o seu arco. A obra gozou dunha enorme popularidade e exerceu unha profunda e duradeira influencia, do que é proba que ao longo dos anos se realizasen máis de cincuenta copias, incluída unha da man do mesmo Pedro Pablo Rubens realizada en 1614 e que se conserva na Alte Pinakothek de Múnic. A que aquí se expón é unha das máis temperás e coidadosas e nela maniféstase o extraordinario alongamento da figura humana que caracterizan o estilo final de Parmigianino cuxo máis claro expoñente é a súa famosa A Virxe do pescozo longo da colección da Galleria degli Uffizi de Florencia. Cupido aparece representado, non coma un neno senón coma un adolescente, o que achega un maior carácter erótico á composición, e acompañado por dous amoriños, un dos cales sorrí e aperta o seu compañeiro de quen intenta lograr que toque a Cupido. O outro, no entanto, chora e, segundo escribe Vasari, “para non ser queimado polo lume do amor, négase obstinadamente”. Cupido mira de maneira sedutora o espectador mentres traballa no seu arco que apoia irrespectuosamente sobre dous libros, simbolizando o triunfo do amor e o desexo sobre a razón e o coñecemento. Esta complexa iconografía e a súa forma de representala converten este cadro nun exemplo extraordinario do enxeño e da sofisticación da obra final do artista.