Audio da gravación de "As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela" de Manuel María
A Fundación Barrié recupera a gravación histórica de As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. Trátase dunha gravación sonora para o teatro de monicreques para o que a obra foi creada e onde foi estreada nos últimos meses do curso escolar de 1976.
Ademais desta gravación que se pode escoitar desde hoxe na web do Portal das Palabras, proxecto común coa Real Academia Galega, a Fundación Barrié dixitalizou e poñerá a disposición de todo o mundo a gravación inédita dunha pequena escolma de poemas de Manuel María e doutros poetas recitados por el mesmo. Estas gravacións son posibles grazas á cesión gratuíta da familia de Lutgarda González González e Alfonso Rodríguez López, avogado de Monforte de Lemos con quen Manuel María compartiu, durante duros e ao mesmo tempo ilusionantes anos, amizade, traballo profesional e a arela dunha Galicia mellor. Eles e mais Nati Rodríguez López e Carlos Rodríguez Otero foron os improvisados actores que puxeron voz á obra que se representou por primeira vez en Monforte de Lemos no número 19 da Praza de España.