In Memoriam
D. José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié desde o ano 2009, finou en Madrid o 11 de decembro de 2023. A Fundación perde co seu pasamento non só un presidente absolutamente identificado cos seus fins e atento ata os seus últimos días ao seu devir, senón tamén parte da súa memoria viva, esencial para dar forma a todos os programas.
O terceiro presidente da Fundación Barrié foi designado por Dª Carmela Arias y Díaz de Rábago, quen fora á súa vez designada polo fundador, D. Pedro Barrié de la Maza, como a mellor garantía de cumprimento dos fins fundacionais. Con aquel nomeamento, dona Carmela confioulle a tarefa de dar continuidade ao legado e aos valores dunha institución que goza dun profundo arraigamento na historia de Galicia e dun papel fundamental na creación de infraestrutura educativa, a preservación do folclore, a promoción de estudos e investigacións, a catalogación arqueolóxica e artística ou a renovación historiográfica.
Don José María, plenamente consciente da responsabilidade que asumía, embarcouse nun proceso de reorganización estratéxica, trazando o rumbo cara ao que hoxe é a Fundación. Coa humildade, perseveranza e convicción que o caracterizaban, instounos a mirar sempre cara ao futuro, mais sen esquecernos nunca da nosa historia: «A nosa tarefa é adaptarnos a cada tempo para sermos fieis á esencia da Fundación. Poñer os medios que constitúen o legado fundacional ao servizo do desenvolvemento de Galicia, coa educación, entendida nun sentido amplo, como motor principal de todas as nosas accións».
Este enfoque partía dunha filosofía que defendía diariamente: como fundación, o noso deber é anticiparnos ás demandas sociais e ofrecer solucións pioneiras que poidan ser transferidas ou implementadas por outras entidades. «O obxectivo é que o impacto non só se expanda, senón que sexa sostible no tempo.» Ese obxectivo marcou desde entón a nosa actuación, mais tamén o noso xeito de colaborar coas institucións con que a Fundación mantivo historicamente unha estreita relación, como a Universidade de Santiago de Compostela, a súa propia alma máter e de cuxo Consello Social foi presidente.
O seu labor á fronte da Fundación constituíu un exemplo de entrega e déixanos fitos imborrables, como o proxecto de restauración do Pórtico da Gloria, a modernización do sistema de bolsas ou a dixitalización do dicionario da Real Academia Galega e a súa difusión a través de tecnoloxías da nosa época. Tampouco podemos obviar o seu quefacer na procura de solucións aos problemas estruturais da nosa sociedade, como a crise demográfica, a fenda na investigación, a sustentabilidade financeira do terceiro sector social ou os desafíos do sector forestal, cuestións que lle preocupaban de maneira especial.
A Fundación agradece profundamente as moi sentidas mostras de pésame e recoñecemento recibidas tras o seu falecemento e alberga o firme desexo de tentar corresponder ao nivel de compromiso que don José María, igual que os seus predecesores, sempre manifestou coa institución e, a través dela, con toda Galicia.