Unidades didácticas dispoñibles do proxecto Un Artista na Escola:
- A bailar coas táboas de multiplicar: A través da danza, esta unidade atende á diversidade e aos distintos tipos de intelixencias do alumnado para consolidar a memorización das táboas de multiplicar atendendo aos ritmos e aos movementos corporais.
- Música en vivo e... Poesía: Xa nos tempos antigos, os gregos utilizaron esa unión máxica, creando as súas composicións musicais sobre a base de composicións escritas ou contadas de recoñecido prestixio. A un esquema musical engadíanse diversas poesías ou se alteraba o seu ritmo para crear novas composicións. Esta sutil unión recoñece a importancia de traballar a poesía e a música desde a educación infantil para desenvolver o sentido do oído, o ritmo, a creatividade, a vocalización, a imaxinación e para fomentar a socialización e o traballo en equipo. Grazas ao artista invitado creamos composicións poéticas inspiradas nas emocións, gozamos da música e das cantigas en vivo e axudarémonos da técnica do “Loop musical” para conseguirmos unha obra poético-musical única.
- Sílabas con moito ritmo: A través desta unidade didáctica, empregando o elemento musical máis primixenio, o ritmo, os nenos e nenas serán capaces de tomar consciencia da realidade rítmica que os arrodea así como de empregar este recurso natural para comprenderen e diferenciaren as distintas sílabas que conforman as palabras, clasificalas segundo ese criterio ou distinguiren a sílaba tónica e as átonas, feito que favorecerá a correcta expresión oral e escrita: emprego do til, división de palabras a final de liña, lectura fluida, composición de textos literarios, etc.
- Rosalía pequeniña (Colexio Luis Vives): Nesta unidade didáctica o alumnado de Primaria desenvolve unha serie de actividades previas á visita de Uxía Senlle para profundaren no coñecemento da poesía de Rosalía. Unha vez rematada a visita e a través da música, pasan unha poesía a canción e viceversa, elaboran un libro de poemas propios e desenvolven a competencia TIC e dixital a través dun blogue de aula e da creación de podcast coas voces do alumnado recitando os poemas.