Type in Motion
Type in Motion
Do 1 de decembro de 2011 ao 1 de abril de 2012, sede Vigo - Do 24 de maio ao 23 de setembro de 2012, sede A Coruña
A Fundación Barrié presenta, por primeira vez en España, Type in Motion, unha exposición do Museum für Gestaltung Zürich (Museo do Deseño de Zürich) que se amosa nas súas sedes de Vigo e A Coruña. A exposición está comisariada por Andrés Janser, Conservador do Museum für Gestaltung Zürich.
Sexa na pantalla do noso ordenador, na televisión ou mesmo nas fachadas dos edificios, por mor da dixitalización da vida cotiá en moitas ocasións encontrámonos diante do fenómeno de texto en movemento. Esta exposición amosa estas novas maneiras de “ler o mundo”.
Composta por case 120 obras de máis de 80 deseñadores, esta exposición ofrece un amplo informe sobre as importantes mudanzas da comunicación e os medios no mundo contemporáneo e amosa por primeira vez as tendencias máis destacadas no eido do texto en movemento, a través de vídeos musicais, secuencias de títulos de longametraxes e instalacións interactivas en tres dimensións.
Estes eixes centrais do extenso universo da tipografía dinámica son rodeados de anuncios e curtametraxes, fachadas multimedia, gráficos animados para televisión e radio, postais dixitais e logotipos dos máis variados lugares do noso planeta.
CONTIDOS RELACIONADOS

Pechar