Torusware
A start-up Torusware foi creada en 2013, promovida e participada polos membros do grupo de investigación Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC, a Universidade da Coruña e a Fundación Barrié, a través do Fondo de Ciencia.
Está especializada na redución do teempo de resposta de aplicacións informáticas, e ten por obxecto continuar co desenvolvemento e a comercialización dos resultados xerados dentro do proxecto apoiado pola Fundación denominado HPC4HPT. Liderada polo investigador Guillermo López, Torusware foi galardoada en pouco máis dun ano de vida co recoñecemento por parte da Comisión Europea dentro do seu programa H2020 SME Instrument como unha das 20 compañías TIC con maior potencial de Europa, e o premio Emprendedor XXI de España, promovido por La Caixa e co-outorgado polo ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Así mesmo, recibiu o primeiro premio da Technology Competition for IT outorgado por UK Trade & Investment do goberno británico e foi destacada como unha das mellores transferencias de tecnoloxía de Europa pola European Network of Excellence on High Performance and Embedded Architecture and Compilation. Torusware desenvolve actualmente novos produtos, e acadou os seus primeiros clientes entre entidades financeiras internacionais. Torusware foi seleccionada en xaneiro de 2015 para participar no Accenture FinTech Innovation Lab de Londres, programa que selecciona ás 7 start-ups máis innovadoras en tecnoloxía financeira.
Con esta escolma demóstrase que as solucións de Torusware e as necesidades tecnolóxicas do sector bancario, encaixan á perfección para acadar grandes éxitos e mellores resultados. Trátase da primeira ocasión en que unha compañía española é seleccionada por este prestixioso programa que contou con máis dun milleiro de solicitudes de participación.