Talento 3.0

Talento 3.0

Formación do profesorado no desenvolvemento do Talento

TALENTO 3.0, organizado pola Fundación Barrié coa colaboración da Unidade de Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nace como un proxecto de mellora da formación de profesorado na detección e educación dos talentos de alumnas e alumnos. Trátase dun programa baseado en modelos científicos recoñecidos a nivel internacional e convenientemente adaptados á realidade educativa, económica e cultural da Comunidade Autónoma de Galicia.

TALENTO 3.0 existe debido á necesidade de tomar conciencia do papel fundamental que xoga o profesorado na promoción do talento e o desenvolvemento da sociedade. Unha das características comúns que teñen os mellores sistemas educativos do mundo é que os profesores supoñen un rol central como facilitadores da aprendizaxe. Parece lóxico pensar que dotar o profesorado das ferramentas científicas e pedagóxicas axeitadas é o mellor punto de partida á hora de tratar de atender á diversidade presente en cada unha das aulas.

Por estas e outras razóns, nace un programa de formación docente como TALENTO 3.0, no que se combinan as compoñentes máis ventaxosas de diferentes teorías e experiencias sobre optimización do talento. E establécese como unha medida de intervención poderosa para facer fronte ás necesidades idiosincrásicas do noso sistema educativo.

A formación do profesorado que inclúe TALENTO 3.0 busca axudar o profesorado a desenvolver programas dos que se beneficie toda a clase e todo o centro. Con este modelo atendemos a diversidade de capacidades no seu conxunto, buscando optimizar o proceso de ensinanza e aprendizaxe respectando a individualidade dos alumnos e alumnas, e favorecendo á totalidade do alumnado. Defende, en definitiva, un cambio do plantexamento docente cara á positivización das posibilidades do alumnado.

CONTIDOS RELACIONADOS