Deseño de sistemas. Escola de Ulm
Deseño de sistemas. Escola de Ulm
Do 7 de xuño ao 14 de outubro de 2012, sede Vigo
A Fundación Barrié presenta Deseño de Sistemas. Escola de Ulm, do Ulmer Museum–HfG-Archiv, Ulm (Alemaña), unha exposición organizada polo Disseny Hub Barcelona (DHUB), que se mostra na súa sede en Vigo. A exposición, que ofrece unha visión panorámica do traballo da Escola de Ulm na configuración do deseño e da formación dos deseñadores, está comisariada por Neus Moyano, Javier Nieto e Guillermo Zuaznabar.
A exposición, que ocupa dúas plantas da Fundación Barrié en Vigo, divídese en cinco áreas: sistemas de moblaxe, sistemas de construción, sistemas de electrónica, identidade corporativa, sistemas de comunicación, e presenta o traballo da Escola de Ulm (1953-1968), punto de inflexión e xenuíno comezo das correntes modernas de desenvolvemento do deseño na industria e na formación de deseñadores de produto. A mostra, composta por 70 pezas procedentes do arquivo da Hochschule für Gestaltung de Ulm (Alemaña) e de coleccións privadas e arquivos españois, explora –desde os antecedentes, posto que a peza máis antiga é unha cadeira Thonet (1859) despezada, ata a actualidade- o concepto de sistema, expresado como conxunto de compoñentes –enlazados racionalmente entre si– que son capaces de xeraren un obxecto ou de contribuíren ao seu desenvolvemento e formación.
Os mobles das nosas casas, os automóbiles, a sinalización dunha cidade ou dun aeroporto, a imaxe corporativa dunha empresa, a comunicación visual en informática ou telefonía, están deseñados como sistemas. O concepto de sistema como fío condutor da exposición sinala a relación coa industria para facer chegar o deseño a toda a sociedade. Os sistemas axudan a ordenar a nosa vida e contribuíron de xeito decisivo a configuraren a realidade actual.
CONTIDOS RELACIONADOS

Pechar