Programa didáctico: Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre

Programa didáctico Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre, en Vigo

VISITAS OBRADOIRO PARA ESCOLARES

Participantes: Educación Infantil (2º Ciclo), Primaria, ESO, Bacharelato, Ciclos de Formación e Colectivos con diversidade funcional

Horarios: mércores, xoves e venres, desde o 29 de outubro de 2015 ao 26 de febreiro de 2016

1º obradoiro: de 10.00h a 11.30h

2º obradoiro: 12.00h a 13.30h

3º obradoiro: 16.00h a 17.30h

4º obradoiro: 18.00h a 19.30h

Duración: 90 minutos (Educación Infantil: 60 minutos)

Máximo participantes: 25 nenos/as por grupo (máximo dous grupos simultáneos)

Previa reserva no teléfono 986 110 220, de martes a venres, de 12.00h a 14.00h e de 18.00h a 21.00h

 

EDUCACIÓN INFANTIL. Compartimos contos

Conceptos clave: viaxe no tempo, exploración de obxectos, importancia da cultura e das artes, cultura tradicional galega, importancia das bibliotecas, os contos e a transmisión oral.

Na visita…

Durante a visita á exposición os nenos e nenas poderán viaxar no tempo e coñecer a Víctor, un home que viviu hai xa moitos anos, falando sobre as diferenzas entre a súa realidade e a nosa. Os múltiples obxectos que exploraremos na exposición, como debuxos, instrumentos musicais ou xornais achegarannos a todas as paixóns deste home tan inquedo e curioso, ao tempo que nos permitirá abordar a importancia de facer as cousas que nos gustan.

Divertirémonos tamén coa nosa cultura, a galega, aprendendo unha canción e escoitando un conto tradicional dos que a este personaxe tanto lle chamaban a atención.

No obradoiro…

Unha das cousas que máis lle gustaban ao noso amigo Víctor era escoitar contos e cancións. No obradoiro cada neno/a disporá dunha figura de cartolina troquelada coa forma de Said Armesto, sobre a que poderá debuxar e colorear e levarse para casa. Esta figuriña non precisa comer nin beber; só se alimenta das historias que lle contamos, ben porque as lemos ou llas escoitamos a alguén. Grazas a isto, Víctor poderá coñecer como son os contos dos nenos e nenas de hoxe en día, e nós iremos aumentando a nosa colección de contos para compartir con el.

Unha actividade para animar á lectura e á transmisión do patrimonio oral, poñendo en valor o propio espazo da biblioteca e o recurso da dramatización. Ao mesmo tempo fomentará o coñecemento da figura de VSA entre as familias cando os nenos e nenas leven o personaxe para as súas casas. 

 

EDUCACIÓN PRIMARIA. Descubrindo a Said Armesto

Conceptos clave: achegamento básico á figura de Said Armesto, importancia das artes e da cultura, achegamento á cultura de comezos de século, colección de obxectos, exploración, cultura tradicional galega, importancia do estudo e de facer o que nos gusta.

Na visita…

Que hai normalmente nas exposicións? Nesta encontraremos de todo! Música, teatro, pintura, literatura… Todas as artes están presentes grazas a Víctor Said Armesto, un home moi especial que nos deixou moitos dos seus obxectos preferidos para que poidamos adiviñar cales eran as súas grandes paixóns e que foi o que investigou ao longo da súa vida. Falaremos ademais de como se vivía na súa época: como se vestía, como se viaxaba, ou como se escribía.

Convertirémonos en exploradores para non perdernos ningún detalle dos obxectos desta variada exposición, e, ao igual que Said fixo nas súas recollidas por Galicia, faremos o mapa da nosa propia “recollida” pola sala de exposicións, armados con cadernos, lapis e moita curiosidade e iremos indicando os achados que máis nos chamaron a atención. 

No obradoiro…

No obradoiro, escoitaremos un conto tradicional ou un romance como os que tanto lle gustaban a Said Armesto, e converterémolo nunha historia moderna a través do formato da banda deseñada. Os mesmos personaxes serán trasladados a contextos e situacións actuais que as nenas e nenos terán que deseñar a partir das plantillas que se lles facilitarán.

Un xeito divertido de reinterpretar as historias que investiga Said Armesto nun formato moderno e atractivo para nenos e nenas.

 

EDUCACIÓN SECUNDARIA E BACHARELATO. Mensaxes para Said Armesto

Conceptos clave: achegamento á figura de Said Armesto e outros intelectuais do momento, importancia dos medios de comunicación e as artes, aproximación á cultura galega, pasado vs presente.

Na visita…

Said Armesto foi un personaxe crucial para a cultura galega, impulsor da Real Academia Galega, en parte esquecido pola historia: na mostra veremos cal foi o seu traballo artístico e de investigación, apoiándonos nos obxectos que se presentan na mostra. Achegarémonos tamén ao panorama cultural do momento, reflexionando sobre as ideas predominantes na época e repasando outras grandes figuras coas que Armesto tivo contacto como Manuel Murguía, Castelao, Casto Sampedro, Curros Enríquez, Valle-Inclán ou Pérez Galdós, que conformaron boa parte da historia e cultura desa época.

Como era a vida nese momento? Como se transformaron as artes, ou o xeito de nos comunicar? A que se dedicaría Víctor Said se vivise hoxe? Sobre estas e moitas outras cuestións debateremos, cos paneis da exposición como pano de fondo. Falaremos tamén das diferenzas entre a cultura galega que el retrata e a realidade que nos rodea, e abordaremos a importancia das bibliotecas e do arquivo da Fundación Barrié en particular.

Un complemento perfecto para achegarse a ese apaixonante período do cambio de século e reforzar o temario de materias como Lingua e Literatura galega e española, Xeografía e Historia.

No obradoiro…

O obxectivo para o obradoiro de Educación Secundaria e Bacharelato é que o alumnado sexa quen de percibir a Said Armesto como unha figura próxima e traer os seus valores e ensinanzas ao presente.

Por iso, no espazo didáctico, reflexionaremos en grupo sobre varios dos temas que saíron na exposición, analizando como os vemos nós na actualidade e creando unha especie de “etnografía do presente”: como nos relacionamos, que música escoitamos, como vestimos, que lemos. Cada grupo deberá crear un microtexto e deseñar con materiais diversos unha imaxe gráfica que a poida acompañar; trátase de xerar varias mensaxes –ao modo de “tweets”– para Said Armesto nos que compartimos con el aspectos importantes da nosa realidade. Este material colocarase en vertical despois sobre un soporte gráfico situado na parede que imita o muro dunha rede social, o que nos permitirá reflexionar sobre a obra creada e contrastala co contexto de principios do século XX. 

Faremos pois un “muro analóxico”, unha combinación contrastante entre formatos, moi suxerentes para os e as adolescentes, con temas que nos permiten achegarnos ás mudanzas sociais que tiveron lugar no último século. 

 

COLECTIVOS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL

En función das particularidades de cada grupo, adaptarase cada actividade. Os recursos serán os usados nos obradoiros de Educación Infantil, Primaria e Familias.

 

VISITAS OBRADOIRO PARA FAMILIAS

Participantes: nenos/as a partir de 4 anos acompañados dalgún adulto (mínimo 10 nenos/as + adultos; máximo, 15 nenos/as + adultos)

Horarios: sábados e domingos alternos de 12.00h a 13.30h e de 18.00h a 19.30h

Datas:

7, 8 / 21, 22 de novembro de 2015

5, 6 / 19, 20 de decembro de 2015

2, 3 / 16, 17 / 30, 31 de xaneiro de 2016

13, 14 / 27, 28 de febreiro de 2016

Previa reserva no teléfono 986 110 220, de martes a venres, de 12.00h a14.00h e de 18.00h a 21.00h

 

Vitiño e familia: unha árbore xenealóxica das nosas cancións

Conceptos clave: achegamento básico á figura de Said Armesto, importancia das artes e da cultura, achegamento á cultura de principios de século, cultura tradicional galega, importancia do estudo e de facer o que nos gusta.

Na visita…

Música, teatro, pintura, literatura… Todas as artes están presentes grazas a Víctor Said Armesto, un home moi especial que nos deixou moitos dos seus obxectos preferidos para que poidamos adiviñar cales eran as súas grandes paixóns e que foi o que investigou ao longo da súa vida. Falaremos ademais de como se vivía no seu tempo: como se vestía, como se viaxaba, ou como se escribía, e como o facemos hoxe en día.

Inspirándonos nos retratos e caricaturas presentes na exposición, empregaremos divertidas dinámicas para facer retratos entre as familias.

No obradoiro…

Said Armesto investigaba a cultura do seu momento a través de aspectos como a música, os contos ou as vestimentas. Agora tócanos a nós! Maiores e pequenos terán que escribir e interpretar graficamente a súa canción/conto preferido de cando eran pequenos, completando tamén a información sobre os seus avós ou avoas. Isto permitiranos falar de como cambiou a nosa cultura e coñecer un pouquiño máis outros membros da familia.

Unha “árbore xenealóxica” de recordos familiares sobre ámbitos de interese para Said Armesto, onde conectar e relacionar as diferentes xeracións.

 

CAMPAMENTOS DE NADAL

Aproveitando as vacacións de Nadal propoñemos a realización de 4 mini-campamentos de 3 días cada un nos que ofrecer aos nenos e nenas de 6 a 13 anos a posibilidade de se mergullaren nas artes e na cultura da man de Víctor Said Armesto.

Idades: de 6 a 13 anos

Máximo participantes: 15 nenos/as por campamento

Datas: 21, 22 e 23 /  28, 29 e 30 de decembro de 2015

Horario: Quenda de mañá: de 10.30h a 13.30h / Quenda de tarde: de 16.00h a 19.00h

Previa reserva no teléfono 986 110 220, de martes a venres, de 12.00h a 14.00h e de 18.00h a 21.00h. Imprescindible presentar o formulario de inscrición o primeiro día do campamento.

 

BATERÍA DE ACTIVIDADES

RADIO ARMESTO

A Said Armesto entusiasmábano os medios de comunicación, e de seguro tería gozado de poder participar nun programa de radio. Crearemos pequenos audios de contido con diversos temas que el traballou, o que nos permitirá apreciar o polifacética que foi a súa figura e traer a súa mirada a temas de actualidade.

ETNOGRAFÍA DO PRESENTE

Outra das súas afeccións foi viaxar por distintos lugares e documentar as tradicións que atopaba ao seu paso. Nesta actividade, documentaremos a través de debuxos como vive, se viste, ou que instrumentos musicais toca a xente de hoxe en día, o que nos permitirá establecer comparacións coa época de Said Armesto.

ROMANCEARTE

Escoitaremos un dos romances tradicionais que tanto chamaron a atención de Said Armesto e converterémolo nunha pequena peza teatral que haberá que representar, vinculándonos coa vocación frustrada de actor deste intelectual galego, e coas súas adaptacións teatrais de obras como Don Juan

RETRATOS DE ESGUELLO

Na exposición hai múltiples retratos de Said Armesto e doutros personaxes. Agora tócanos a nós, empregando a divertida técnica de Retratos de Esguello doutra gran figura da cultura galega, Luís Seoane.

XORNAL BARRIÉ

Escribía artigos, columnas de opinión… A este personaxe encantábanlle os xornais! Nesta actividade converterémonos en xornalistas, convertendo en noticias as anécdotas do Campamento ou do noso día a día, que despois haberá que ilustrar con debuxos e fotografías.

 

CONCERTO DIDÁCTICO “Aires da Terra. O legado de Feijoo e Said Armesto”

Datas e horas:

- 26 de febreiro de 2016, ás 11.30h, público escolar (ESO e Bacharelato), previa reserva no  teléfono 986 110 220, de martes a venres, de 12.00h a 14.00h e de 18.00h a 21.00h

- 28 de febreiro de 2016, ás 12.30h, público xeral, entrada libre, ata completar a capacidade do local.

Duración aproximada: 70 minutos

 

Víctor Said Armesto destacou por facetas moi diversas; entre elas, a musical. Formou parte do primeiro coro de música tradicional galega, Aires da Terra, e emprendeu un profundo labor de recollida de cantos tradicionais do que aínda hoxe é debedor o cancioneiro popular galego.

Co fin de resaltar esta faceta, ao tempo que se pon en valor a cultura musical galega, presentamos a proposta para a celebración dun concerto didáctico, onde o alumnado poderá achegarse dun xeito que nunca esquecerá á nosa tradición musical.

 “Aires da Terra. O legado de Feijoo e Said Armesto” é un concerto didáctico pensado e deseñado especialmente para ESO e Bacharelato. Músicos da talla de Suso Vaamonde ou Xosé Lois Romero reproducen as voces e instrumentos do histórico coro pontevedrés, amenizados polas intervencións de Xurxo Souto. Un total de oito músicos e dous bailaríns compoñen un espectáculo no que se combina o humor e a aprendizaxe.

A actividade consta das seguintes partes:

- Visita comentada á exposición (20 minutos), facendo fincapé na importancia do coro Aires da Terra, os instrumentos deste coro albergados na mostra, a centralidade de Said Armesto, e o seu papel como folclorista, recollendo romances, cantos e historias por toda a xeografía galega. Propóñense facer pases dobres antes e despois do concerto para dar cabida ao maior número posible de grupos.

- Concerto didáctico no Auditorio da Fundación (50 minutos), onde se interpreten algunhas das pezas máis importantes do cancioneiro tradicional galego (recollidas por Perfecto Feijoo), ao tempo que se presentan os instrumentos musicais dun xeito ameno e se introducen datos sobre a Pontevedra da época, todo salpicado con notas de humor. A gaita coa que se interpretarán as pezas é unha réplica exacta da do coro Aires da Terra, albergada nas salas de exposición, e irán vestidos co traxe tradicional, tamén visible nas fotografías expostas na mostra.

 

VISITAS COMENTADAS PARA ADULTOS

Xornalista, filólogo, folclorista, filósofo, escritor, operista, e un dos primeiros intelectuais que constituíron a Academia Galega: a figura de Víctor Said Armesto é tan poliédrica como esquecida. As visitas de adultos pretenden devolverlle toda a súa importancia a este personaxe insigne da cultura galega, así como achegar aos visitantes á vida, ideas e ambiente intelectual do seu tempo, da Xeración do 14 e o modernismo a Ortega y Gasset, Castelao ou Murguía. Para iso, apoiarémonos nos diversos obxectos, debuxos, recortes e demais materiais presentes na mostra. Entre romances e contos, deterémonos especialmente nos aspectos relacionados coa tradición galega, a súa documentación e reinterpretación, aspectos claves para Said Armesto especialmente ao final da súa traxectoria.

 

Visitas comentadas para grupos de adultos

Grupos: máximo 25 participantes por grupo (posibilidade de facer grupos dobres)

Horarios: previa consulta

Duración: 60 minutos

Previa reserva no teléfono 986 110 220, de martes a venres, de 12.00h a 14.00h e de 18.00h a 21.00h

 

Visitas comentadas para particulares

Horarios: sábados e domingos alternos, de 20.00h a 21.00h

Duración: 60 minutos

Datas: 

7, 8 / 21, 22 de novembro de 2015

5, 6 / 19, 20 de decembro de 2015

2, 3 / 16, 17 / 30, 31 de xaneiro de 2016

13, 14 / 27, 28 de febreiro de 2016

Sen reserva previa