Concerto Catedral de Santiago de Compostela
A Fundación Barrié celebra o seu 50 aniversario cun concerto na Catedral de Santiago no que rende homenaxe sonora ao Pórtico da Gloria.
Acompañado de 75 músicos Carlos Núñez lidera un proxecto inédito reunindo por primeira vez todos os instrumentos presentes no Pórtico da Gloria. Catro xeracións de músicos galegos e internacionais, tanto da música antiga como tradicional, dan forma a esta excepcional recreación musical baixo a dirección do que é considerado coma un dos nosos artistas máis universais e un dos mellores gaiteiros do mundo.
Con este concerto, no que se utilizarán réplicas en madeira dos instrumentos do Pórtico da Gloria, a Fundación Barrié non só quere celebrar o seu medio século de existencia, senón tamén pór en valor proxectos de recuperación de patrimonio desenvolvidos en Galicia e, de xeito particular, na Catedral de Santiago desde as súas orixes, como a reconstrución en madeira dos instrumentos do Pórtico da Gloria; a reconstrución do coro pétreo; a catalogación e dixitalización dos protocolos notariais dos arquivos catedralicios; a restauración do órgano da Catedral, ou a restauración do Pórtico da Gloria, na actualidade en curso.
O son das estrelas
A Fundación Barrié fai cincuenta anos de existencia, e quixo conmemoralos coa imaxe e o símbolo que a música leva consigo, próxima ao Pórtico da Gloria (cuxo estudo apoiou durante estes anos con proxectos de gran repercusión internacional) cun concerto liderado por Carlos Núñez no que o Patrimonio, garante da nosa identidade e valores, se ve como algo non só que debe ser coidado, senón tamén transmitido.
Quen isto escribe é testemuña como colaborador que foi da Fundación durante os últimos 30 anos dun abano de proxectos e iniciativas, na súa vertente máis ou menos académica, nos que a música antiga e de tradición (edición de cancioneiros, congresos sobre o Códice Calixtino, panxoliñas galegas, instrumentos do Pórtico e a súa reconstrución, simposios sobre Said Armesto, etc.) ían da man daquela outra vertente que a nosa Fundación mimou en extremo: a educación e a divulgación dos resultados, a través de publicacións, concertos, ciclos de intérpretes noveis, bolsas ou visitas escolares, sendo fieis, así, á súa propia declaración institucional: “Enraizamento e proxección, atención aos problemas do presente pero tendo en conta que é do futuro do que somos realmente responsables, son a base do soño de Pedro Barrié, quen sempre viu na educación a clave de toda posibilidade de mellora social e individual”.
E de que maneira o podemos expresar mellor nunha sorte de tradución simultánea de resultados? Pois permitindo revisar a interpretación do pasado (axudándonos a manexar e transformar os conceptos de autenticidade, de tradición e modernidade, entre outros); apoiando os construtores galegos, hoxe presentes coas súas réplicas de instrumentos do Pórtico en todo o mundo; con edicións técnicas ou divulgativas que son referencia internacional (La música medieval en Galicia, Cantigas do mar. Homenaxe a Joan de Cangas e Martín Códax, Los villancicos gallegos, El Códice Calixtino y la música de su tiempo); ou abrindo as páxinas de cancioneiros galegos (os de Casto Sampedro-Filgueira Valverde, Martínez Torner-Bal y Gay, ou Schuberth-Santamarina) a novas lecturas e interpretacións vivas, coma o concerto que hoxe desfrutamos, con encargos, reedicións, concursos, etc. E sempre presentes na vangarda da comunicación, con atractivos sistemas de divulgación e presentación.
Fago meu, como síntese deste logro material e inmaterial da xestión da Fundación Barrié, outro texto daqueles principios que rexeron na casa durante estes cincuenta anos de permanente vixilancia: “O Patrimonio como responsabilidade colectiva esixe a combinación entre a atención do urxente e a visión a longo prazo. Por iso as nosas actuacións –lemos na guía fundacional– sempre primaron a implicación colectiva e o sentido do Patrimonio como algo que se recibe e se debe transmitir non só nun sentido material, senón fundamentalmente nun sentido inmaterial, algo que debe levar tamén a pegada das xeracións que o desfrutaron”.
Quero lembrar, antes de referirme ao concerto ao que hoxe asistimos, que todo este contexto sonoro resulta como unha réplica daqueloutro ante o Pórtico da Gloria celebrado nesta catedral o 27 de novembro de 1991, coa presenza da Súa Maxestade a Raíña Sofía, o Arcebispo de Santiago e a Presidenta da Fundación, dona Carmela Arias y Díaz de Rábago. Estreáronse entón as réplicas do Pórtico, aos pés da obra do Mestre Mateo, cos grupos In Itinere, da Universidade de Santiago, e Kalenda Maya, de Oslo, todos baixo a miña dirección; coa presenza dunha ducia de luthières que hoxe, como intérpretes e construtores, tamén quixeron lembrar aquel aniversario. Durante varios anos, moveuse este espectáculo inesquecible d’Os sons do Pórtico por toda Europa e América, con recitais e exposicións nos principais museos de instrumentos do mundo.
O meu admirado amigo Carlos Núñez, que alá por Vigo, a finais dos 70, tendo non máis de oito ou nove anos, xa se achegaba aos nosos primeiros concertos da man do seu pai (e na outra, sempre, cunha frauta de pico) para ver e tocar os instrumentos “antigos”, lanzaría máis tarde o seu primeiro rexistro en solitario, A Irmandade das Estrelas, no 1996, un ano máis tarde do peche do noso proxecto do Pórtico brillantemente clausurado co gran libro-síntese Los instrumentos del Pórtico, su construcción y la música de su tiempo, editado en dous volumes polo Dr. López-Calo, e o cedé Los sonidos del Pórtico, do grupo In itinere.
Aínda que xa o comentara nas miñas aulas universitarias ou co propio Carlos Núñez, considerei sempre o seu disco –e esas dúas palabras que o etiquetan– como o documento notarial da herdanza do meu proxecto sobre o Pórtico. Coa Irmandade (xermanía, ‘hermandad’), reunía Carlos instrumentistas e cantantes que, dalgún xeito, vivían tratando de casar a tradición coa modernidade de cada día, indo e vindo ao longo dos infinitos camiños de Santiago. E xa se dicía no Códice Calixtino (no sermón Veneranda dies) describindo as vésperas das festas do Apóstolo e os peregrinos de antano, nun ano próximo a 1140: “Causa ledicia e admiración contemplarmos os coros de peregrinos ao pé do altar do venerable Santiago en perpetua vixilancia: os teutóns a un lado, os francos a outro, os italianos a outro; están en grupos, teñen cirios ardendo nas súas mans; por iso toda a igrexa ilumínase coma o sol nun día claro. (…) Uns tocan cítaras, outros liras, outros tímpanos, outros frautas, caramelas, trompetas, arpas, violas, rottas británicas ou galas, outros cantando con cítaras, acompañados de diversos instrumentos, pasan a noite en vela”.
E cuberta a bóveda de Estrelas estamos baixo o mesmo teito do Camiño de Santiago que tantas veces percorremos na busca desa aproximación necesaria da música antiga e da música tradicional. Outros investigadores galegos xa se formularan iso: Santiago Tafall, Said Armesto, Oviedo y Arce, Filgueira Valverde ou López-Calo; unha proposta que cientificamente nunca poderemos deixar pechada, pero que por estética precisamos reformular, para achar, precisamente no antigo e no popular, o punto de encontro da nosa identidade e autoestima.
Sen dúbida, o programa desta noite, con cantantes e instrumentistas desa “irmandade das estrelas”, vén sendo unha lembranza do concerto de 1991 e unha prolongación do rexistro de Núñez de 1996: música litúrxica como a Salve atribuída a S. Pedro de Mezonzo, ou o tropo polifónico Congaudeant Catholici do Calixtino; música pseudolitúrxica, como o célebre himno dos peregrinos alemáns Dum Pater Familias, unha panxoliña galega de Mondoñedo, ou os sons de chirimías das catedrais galegas; música culta e ao tempo popular, coma as Cantigas de Santa María ou o Romance de Don Gaiferos (unha fermosa “invención” xacobea divulgada por Santalices), ou o himno do Antigo Reino de Galicia; ou ben pezas de corte popular, coma esas fermosas Variacións sobre a Gayta.
Agora debemos repetir de xeito literal o texto do sermón Veneranda dies: Causa alegría e admiración contemplar os coros de peregrinos ao pé do altar do venerable Santiago…, cantando e tocando instrumentos variados: algún deles foron protagonistas directos e pioneiros das aventuras sobre o Pórtico (Francisco Luego ou Luciano Pérez, dous grandes construtores); outros participaron comigo nas nosas viaxes baixo as estrelas (Rodrigo Romaní, Xurxo Lois Varela, Valentín Novio); e todos os demais, suxeitos da miña admiración e aplauso, por intentaren –tamén eles– buscar esa harmonía entre o pasado, o presente e o futuro: cantando repertorio arábigo-andalusí, tocando instrumentos antigos (organistrum, nickelarpa, violas, gaitas, frautas, chirimías, órgano, arpas, ou rottas…) e facéndonos crer que esa irmandade baixo as estrelas nos permitirá elevarnos moi por riba do que tan pouco nos gusta do día a día.
Carlos Villanueva, Catedrático de Música da Universidade de Santiago
Artistas
FLAVIA ALONSO - Arpa do Pórtico, Arpa celta
Nada no 2005, esta é a súa primeira grande actuación en público. Estuda música desde os 5 anos, aos 9 pasa á Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (ETRAD) de Vigo dirixida por Rodrigo Romaní, que a acompañará neste concerto, e onde comeza os estudos de arpa céltica con Begoña Riobó (durante varios anos violinista no grupo de Carlos Núñez e hoxe coa súa propia carreira en solitario).
PANCHO ÁLVAREZ - Fídula en oito do Pórtico, Viola, Zanfona e Voz
Trátase sen dúbida ningunha do multiinstrumentista de corda de máis percorrido de Galicia. Tras realizar estudos de violín no conservatorio de Vigo e formar parte dos grupos Na lúa e Mattocongrio, Pancho embarcouse na aventura musical de Carlos Núñez con cuxa banda deu máis de 2.000 concertos por todo o mundo desde o lanzamento de A Irmandade das Estrelas, hai 20 anos. Ademais realizou catro discos en solitario, nos que, alén de agasallarnos coa súa versatilidade e as súas composicións propias, reivindicou dun xeito especial o legado dos últimos músicos cegos de Galicia que percorrían feiras e romarías cantando romances acompañados do violín ou da zanfona coma os xograres medievais.
ANTÍA AMEIXEIRAS - Fídula oval do Pórtico, Violín tradicional, Voz
Desde os 5 anos asiste a clases de baile e pandeireta en Baio (Costa da Morte), a vila onde naceu. No 2010 graduouse como violinista no Conservatorio. En Compostela troca o violín clásico polo tradicional como estudante da Central Folque. No 2015 recibe a Bolsa Excelencia Artística Afundación, que a leva de xira polos Estados Unidos con Carlos Núñez, co que continúa a colaborar. No 2016 incorpórase como violinista de Luar na Lubre. Tamén este ano participa na gravación de A Irmandade das Estrelas 2 , que celebra o 20 aniversario do primeiro disco de Carlos xunto a 20 novos músicos tradicionais ibéricos, incluída no novo filme de Carlos Saura.
MARCO AMBROSINI - Fídula do Pórtico, Nyckelharpa
Músico e compositor italiano afincado en Alemaña, considerado coma un dos principais intérpretes mundiais de nyckelharpa, un instrumento medieval europeo que poderiamos definir como "unha zanfona tocada con arco", conservado na tradición nórdica ata os nosos días, que o seu virtuosismo lle permitiu tocar en diferentes contextos como o jazz, ou música antiga, e que levou á Scala de Milán ou ao Carnegie Hall de Nova York.
MARTI BELTRÁN – Laúde do Pórtico, Guitarra barroca
Musicólogo, historiador da arte e músico especializado en instrumentos antigos de corda pulsada, recibiu unha bolsa da Andrew W. Mellon Foundation / Fundación Barrié para estudar o Pórtico da Gloria. Á parte de investigador no eido dos dramas litúrxicos cómpre salientar o seu traballo como intérprete en grupos como Ars Memoriae e Razos de Trobar, ademais das aulas que imparte de cítola e laúdes medievais no Curso Internacional Medieval Music Besalú.
MARCOS CAMPOS - Gaita galega
Formado con mestres da talla de Xaime Estévez, Antón Corral ou o propio Carlos Núñez, formou parte de numerosos proxectos da época máis prolífica do folk galego nos 90. A súa experiencia como gaiteiro e mestre de gaita, levouno a colaborar con The Chieftains na xira europea do disco Santiago. Na actualidade é o director da Banda de Gaitas Xarabal de Vigo, entre outras.
ANDONI CONDE - Viola oval do Pórtico, Violín, Voz
Violinista, violista e director de coro. Participou en agrupacións de música antiga como a Capela Compostelana, a Orquesta Barroca da Universidad de Salamanca, Gli Incogniti e Ars Combinatoria. Recentemente foi profesor asistente de violín barroco na ESMAE (Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo), no Instituto Politécnico do Porto. Na actualidade compaxina a docencia coa súa actividade musical como membro do grupo de música barroca I Colori dell’Armonia. Como anécdota, apuntamos que cando neno foi o encargado de transcribir as partituras gravadas pola hoxe desaparecida Xoven Orquestra de Galicia no disco Santiago, do lendario grupo irlandés The Chieftains, mestres de Carlos Núñez, que nese disco –gañador dun Grammy– figuraba como membro de honra do grupo.
ABRAHAM CUPEIRO - Trompas do Pórtico, Cornas
Multiinstrumentista, compositor e construtor de instrumentos históricos, comeza a tocar cando neno na banda da súa Sarria natal (Lugo), segue estudos no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, para acabar especializándose en interpretación histórica na Universidade Autónoma de Barcelona e na ESMUC. Tocará no concerto un instrumento que tocaba o seu avó, a corna, e que aparece xa nas iluminacións de Alfonso X. Tocará ademais a trompeta medieval, cuxas reproducións construíu el propio para este proxecto contrastando as que aparecen representadas no Pórtico e a máis antiga que se conserva, achada en Inglaterra. É un dos poucos no mundo que toca o Karnyx (trompeta celta da Idade de Ferro), polo que foi recentemente convidado para probar o de Tintignac, o único que apareceu enteiro hai apenas 10 anos. Abraham recupera todos estes instrumentos e lévaos máis alá, como se poderá escoitar no seu próximo disco gravado este mesmo ano coa Real Filharmonía de Galicia.
PEDRO ESTEVAN - Percusión
Percusionista e compositor. Colabora con Jordi Savall desde 1986 e é un dos principais percusionistas de música antiga do mundo. Como solista deu concertos coa Orquesta de Cámara Nacional de España e coa Orquesta Reina Sofía. Participou en varias montaxes teatrais de Lluís Pasqual, Nuria Espert, ou Adolfo Marsillach. É profesor de Percusión Histórica na ESMUC (Escola Superior de Música de Catalunya)
CARMEN GALLEGO - Fídula oval do Pórtico, Violín, Voz
Violinista e nyckelharpista, nace en Marín no 1987. Ten o seu primeiro contacto coa música á idade de sete anos. Violinista profesional graduada no Conservatorio Superior de Música de Vigo, é membro da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e do Ensemble Galería, ademais toca con diferentes grupos de música clásica e tradicional. Imparte clases de violín en Pontevedra e Valga. Como intérprete de nyckelharpa é alumna de Marco Ambrosini.
MARIÑA GARCÍA - BOUSO - Fídula oval do Pórtico, Violín
Alumna entre outros, de Amandine Beyer –considerada a principal violinista barroca do mundo, con residencia en Vigo– tocou co seu grupo Gli Incogniti e é membro das orquestras barrocas Divino Sospiro e 430 de Vigo e colabora coa da Universidade de Salamanca. No 2010 crea o grupo I Colori Dell´Armonia. É profesora de violín barroco en institucións portuguesas.
RAÚL LACILLA - Cornamusa medieval
Director de orquestra (ESMuC), frautista de pico (CMMB) e musicólogo (UR) barcelonés, o seu primeiro instrumento foi a gaita galega, o que o levou a interesarse polas cornamusas medievais e a desenvolver un prototipo xunto ao artesán Seivane baseado nos datos iconográficos, literarios e arqueolóxicos entre 1100 e 1300. É profesor de gaita do Curso Internacional de Música Medieval de Besalú.
FRANCISCO LUENGO - Viola do Pazo de Xelmírez, Viola de Gamba
Violagambista, fundador e director de grupos como a Capela Compostelana –especializado en música renacentista e barroca–, ou Malandança –medieval–, é tamén construtor de instrumentos –é o caso de varios dos tocados esta noite– e foi un dos seis escollidos para participar no proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria, patrocinado pola Fundación Barrié. As súas investigacións lévano a estrear no 2004 o Ordo Prophetarum, drama litúrxico medieval do ciclo de Nadal vinculado ao Pórtico da Gloria.
ÁLVARO VILLAMARÍN - Trompa do Pórtico, Corna
Alumno de Abraham Cupeiro que o acompañará neste concerto, nado no 2000, é membro da Banda Filharmónica de Lugo.
TIN NOVIO - Laúde do Pórtico, Cítola de Xelmírez, Tiorba, Guitarra Barroca
Natural de Monte Alto (A Coruña). Guitarrista de formación, interésase despois polos instrumentos históricos (a cítola medieval, a vihuela e o laúde do século XVI, a tiorba e mais a guitarra dos séculos XVII e XVIII) cos que colabora con músicos e grupos especializados na música destes séculos. Na actualidade traballa con Maria Manseliña na busca das raiceiras medievais da música tradicional galega.
XURXO NÚÑEZ - Percusión
Percusionista e produtor musical. Co só 6 anos, seguindo o vieiro do seu irmán Carlos Núñez, entra en contacto coa música popular de Galicia baixo a tutela de Antón Corral e ingresa no Obradoiro Escola de Instrumentos Populares de Vigo, especializándose en percusión tradicional. Durante a súa adolescencia estuda cos mellores mestres de percusión celta na Bretaña, Escocia e Irlanda ao mesmo tempo que cursa estudos superiores de percusión clásica e composición. Traballou con artistas e proxectos tales como The Chieftains, Compay Segundo, Ry Cooder, Montserrat Caballé, Craig Leon, Kodo Drummers, Philip Pickett, Noa, Boston Symphony Orchestra, Alejandro Amenábar, Roger Hodson (Supertramp), Riverdance/ Heartbeat of Home, Studio Ghibli, entre moitos outros. Ao mesmo tempo, da man do produtor francés de música electrónica Héctor Zazou, xunto co afamado enxeñeiro de son e propietario dos famosos Windmill Lane Studios (Irlanda) Brian Masterson, Xurxo formarase como técnico e produtor musical. Traballos que desenvolve acotío con Carlos Núñez desde o seu primeiro disco.
BEGOÑA OLAVIDE - Salterio e Rota do Pórtico, Voz
Artista cun amplo e variado percorrido musical, o seu principal instrumento é o salterio, sobre o que desenvolveu unha técnica e escola propias en estreita colaboración co luthier Carlos Paniagua, que tamén participou na devandita reconstrución dos instrumentos do Pórtico. Fundadora dos grupos Cálamus e Mudéjar, gravou oito discos propios, e participou en numerosas gravacións e concertos dalgúns dos grupos de música antigua de máis sona do mundo, ou como solista coa Orquesta Nacional de España, Orquesta Ciudad de Granada, Sinfónica de Madrid, Capilla Real de Madrid ou Rawâfid de Tánger, cidade onde viviu case unha década para profundar na música e no canto andalusí.
LUCIANO PÉREZ - Organistrum
Mestre artesán e investigador, é o último elo dunha auténtica dinastía de construtores de instrumentos galegos. Aos trece anos alterna os seus estudos coa aprendizaxe da construción de instrumentos musicais ao carón do seu avó Paulino Pérez. Na súa etapa á fronte do Obradoiro da Deputación Lucense –creado no ano 1951 polo seu avó co asesoramento de Faustino Santalices–, promove numerosos proxectos multidisciplinares dos que salientan os do Pórtico da Gloria, Pazo de Xelmírez, Alfonso X ou Leonardo da Vinci e os maletíns didácticos. Na actualidade dirixe a Colección de instrumentos musicais da Deputación de Lugo recoñecida como “visitable” pola Xunta de Galicia, na que pon á disposición pública os seus fondos documentais, planos e catálogo de zanfonas históricas de Galicia. Esta non é a primeira ocasión na que colabora con Carlos Núñez: hai cinco anos Luciano participou tocando o organistrum na banda sonora para o Grupo Corpo de Brasil baseada nas Cantigas do trobador Martín Códax.
LAURA PUERTO - Arpa do Pórtico, Arpa de dúas ordes, Voz
Pianista, clavecinista, organista e arpista é unha das grandes intérpretes noveis de música antiga, tendo tocado e gravado con algunhas das máis salientables figuras do xénero a nivel internacional. É membro do grupo La Bellemont e do dúo Las Arpas Sonorosas. O seu especial interese pola música antiga española levouna recentemente a aproximarse á arpa ibérica de dúas ordes, instrumento case esquecido hoxe. Na actualidade ocupa a cátedra de clave do Conservatorio Superior de Música de Aragón (CSMA).
ADRIÁN REGUEIRO - Órgano
É un dos máis novos e prometedores organistas de Galicia e actualmente un dos dous intérpretes titulares do órgano da Catedral, do século XVIII, recentemente restaurado co patrocinio da Fundación Barrié. Xa colaborou con Carlos Núñez na Catedral, a última vez no concerto especial para o Príncipe Naruhito do Xapón.
RODRIGO ROMANÍ - Arpa e Rota do Pórtico, Arpa Celta, Voz
Multiinstrumentista e compositor, fundador e membro do grupo Milladoiro durante máis de 20 anos, director de ETRAD da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO, antiga Universidade Popular de Vigo) e da orquestra folk SonDeSeu, é unha das personalidades máis salientables da música galega desde hai catro décadas. Estreará no concerto as dúas arpas do Pórtico feitas expresamente para a ocasión polo mestre luthier Michele Sangineto, encordadas especialmente en metal coma as arpas históricas irlandesas. Tocará así mesmo a rota, un misterioso instrumento do Pórtico tamén relacionado con Irlanda e a Materia de Bretaña.
JOHANNA ROSE - Viola en oito do Pórtico, Viola de gamba
Nova violagambista alemá, é membro do grupo Accademia del Piacere e colabora con diversos grupos de música antiga como La Venexiana, Forma Antiqua, Vie sul Mare, a Orquesta Barroca de Sevilla, Musica Prima, More Hispano, La Bellemont… que a levaron a actuar en importantes festivais de música antiga de toda Europa, América do Sur e mais do Xapón. Gravou numerosos discos para diversos selos e tamén fai música contemporánea.
SARA RUIZ - Viola en oito do Pórtico, Viola de gamba
Considerada a principal expoñente das noveis violagambistas españolas, é membro do grupo La Bellemont e colabora con ensembles como Al Ayre Español, Armonico Tributo Austria, Armoniosi Concerti, Neue Innsbrucker Hofkapelle, La Grande Chapelle, Consort de Violas da Gambas de la Universidad de Salamanca, La Tempestad, La Cetra Barockorquestra Basel, La Reverencia ou Segreis de Lisboa realizando concertos por Europa e América latina. Sara Ruiz toca unha viola de gamba orixinal austríaca de principios do século XVIII. É profesora de viola de gamba no Conservatorio Superior de Vigo.
ALEJANDRO TONATIUH HERNÁNDEZ - Fídula oval do Pórtico, Violín, Voz
Violinista e estudoso dos vestixios da música antiga ibérica no folclore do seu México natal, acabou especializándose en fídulas medievais, das que é profesor, por exemplo nos Cursos Internacionais de Interpretación Musical Medieval de Besalú. Interésalle de xeito especial a fídula como acompañamento do canto como facían os trobadores medievais, tradición que se mantén nalgúns países, tanto en Europa como en América.
XURXO VARELA - Viola do Pórtico, Viola de Gamba, Voz
Membro de agrupacións como as devanditas Capela Compostelana ou Maladança, así como doutros grupos como o Banchetto Musicale, La Chimera e Arte Mínima. Tamén canta no Orfeón Terra a Nosa. Na actualidade é profesor de viola de gamba e música de cámara na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo (ESMAE).
AURORE VIZENTINI - Tenora, Flabiol
Nada en Perpiñán, estuda nos conservatorios de Perpiñán, Xirona e Barcelona ata converterse nunha multiinstrumentista atraída por numerosos repertorios: flabiol, tenora, tible (música tradicional catalá), frauta (clásico e jazz), traverso (barroco). Neste concerto a tenora catalá interpretará xunto á dulzaina castelá as Marchas das chirimías das Catedrais de Santiago, Tui e Lugo, todos eles instrumentos da mesma familia e á súa vez da familia da gaita, e cunha moi antiga orixe común. Laureada polo “Concurso para xoves instrumentistas 2015 Josep Maria Bernat” é a máis nova compositora para cobra catalá. Acaba de participar xunto a 20 noveis músicos tradicionais na gravación d’A Irmandade das Estrelas 2 de Carlos Núñez, incluído no novo filme de Carlos Saura.
Coro CANTÁBILE
Pablo Carballido del Camino, director
O Coro CANTÁBILE, con sede no coruñés barrio de Monte Alto, é un gran proxecto musical e social que integra a nenos e nenas e á mocidade para a realización dunha actividade artística e didáctica. Proporciona para eles unha alternativa de lecer e aprendizaxe na que se inculcan valores como o traballo, o esforzo, a sensibilidade, a disciplina, e sobre todo, o compañeirismo e a amizade. Desde o seu nacemento no 2002, convertéronse nun referente musical en toda Galicia grazas ao gran número de concertos, proxectos e xiras tanto no panorama nacional como internacional: Viena, Salzburgo, Lisboa, Bolonia, Pesaro, Roma…, así como as súas triunfais intervencións operísticas. CANTÁBILE gravou xa cinco discos entre os que salienta a banda sonora do filme de animación De Profundis, estreada xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia.
Banda de gaitas XARABAL
Desde que naceu baixo a dirección de Antón Corral, en setembro de 1984 como unha actividade máis do Obradoiro Escola de Instrumentos Musicais Populares Galegos da Universidade Popular de Vigo, non tardou en constituírse como o referente das bandas de Gaitas de Galicia. Nela tocaron, desde a súa fundación, gaiteiros coma Anxo Pintos, Xosé Manuel Budiño ou o propio Carlos Núñez. E é que XARABAL se creou non só para potenciar e expandir a música popular galega, senón tamén para realizar un traballo serio sobre a técnica da gaita e da percusión, procurando forxar futuros profesionais que coñezan e dominen o instrumento. As gaitas coas que tocan os gaiteiros foron construídas polos propios alumnos do Obradoiro. A elección do nome deuse polo significado da propia palabra: “Agrupación de peces fronte a un perigo”, e que no momento dos seus inicios representaba unha perfecta metáfora para a difícil realidade que estaba a vivir a música popular en Galicia.