Piteas

Piteas

Formación do profesorado no desenvolvemento do Talento

Piteas é un programa de promoción do talento nas aulas baseado na implantación do modelo SEM (Schoolwide Enrichment Model de Joseph S. Renzulli e Sally M. Reis), convenientemente adaptado á realidade educativa, económica e cultural de Galicia, e seguindo as directrices europeas no relativo ao desenvolvemento das competencias chave.

O programa, promovido pola Fundación Barrié, comeza no curso académico 2016-2017, coa implantación do modelo SEM en 7 centros educativos, realizada en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. De xeito paralelo, estase a desenvolver un estudo lonxitudinal nos devanditos centros, dirixido pola USC, para constatar a evolución do alumnado en aptitudes intelectuais, creatividade, comprensión lectora e actitudes sociais, emocionais e de conduta, así como o rendemento académico.

No curso 2017-2018 súmanse a Piteas outros 4 centros educativos coa intención de replicar o estudo, sumándose á investigación, creándose deste xeito unha nova liña de investigación que utilizará o mesmo deseño experimental. Na actualidade o programa Piteas compóñeno un total de 17 centros educativos en formación con máis de 2.600 alumnos e preto de 500 profesores.

Piteas supón dar continuidade ao labor da Fundación Barrié na formación do profesorado para a detección e desenvolvemento do talento, que se remonta ao ano 2013 con Talento 3.0, programa que introduce por primeira vez en Galicia o modelo SEM, e que acumulan un investimento en torno a 1,5 millóns de euros.

Este programa debe o seu nome a Piteas, un navegante, explorador e científico grego do século IV a. C., a quen atribúen importantes descubrimentos, entre eles, que Hispania era unha península. Piteas soubo unir ciencia, esforzo e talento para construír unha nova ollada sobre o mundo que o rodeaba, unha idea que a Fundación Barrié retoma como metáfora do seu compromiso educativo.

CONTIDOS RELACIONADOS