Picasso. Laboratorio de estilos
Picasso. Laboratorio de estilos
Do 17 de outubro de 2007 ao 3 de febreiro de 2008, sedes Vigo e A Coruña
A Fundación Barrié presenta na súa sede de Vigo a exposición Picasso. Laboratorio de estilos, con 32 naturezas mortas do pintor malagueño, 22 delas inéditas. Esta mostra compleméntase coa exposición na súa sede da Coruña, con 57 retratos femininos, 16 inéditos.
Picasso. Laboratorio de estilos “é o programa expositivo máis ambicioso deseñado pola Fundación Barrié nos seus 40 anos de historia”, en palabras do presidente da Fundación, José María Arias, quen destaca a “capacidade de perpetua metamorfose de Picasso, que o distinguiu como o artista máis potente da contemporaneidade, e que é precisamente o que nos levou a escoller a súa obra de madurez como protagonista do 40 aniversario da Fundación”.
Deste xeito, a Fundación Barrié “celebra as súas primeiras catro décadas de traballo cunha mensaxe de ilusión, cambio e anticipación constantes, e coa vontade de reinventarse continuamente para estar á altura das novas e complexas demandas da sociedade galega”.
Picasso. Laboratorio de estilos é un dobre e complementario programa expositivo, a modo de festival, que xira arredor de dúas das temáticas principais na obra de Pablo Picasso (Málaga,1881-Mougins, Francia,1973): o retrato feminino e os bodegóns. Trátase dunha destacada escolma de 89 obras –74 pinturas e 15 debuxos– de ampla cronoloxía –desde 1914 ata 1972–, procedentes de colección privada, e en boa parte inéditas, que son amosadas en exclusiva en España pola Fundación.
Ofrecendo ao público este programa expositivo, a Fundación Barrié completa o programa extraordinario co gallo do seu 40 aniversario, que se celebra ao longo deste ano con distintas iniciativas no eido da educación e da cultura.
A escolma de naturezas mortas, na sede de Vigo, ofrece un percorrido cronolóxico a través da diversidade de estilos e influencias que Picasso reflicte na súa obra durante a primeira metade do século XX, a modo de crónica alegórica desas décadas, pois a partir dos anos cincuenta a creación sobre este xénero será xa esporádica.
A sede da Coruña expón retratos datados desde 1924 ata 1972, unha viaxe a través da evolución e a experimentación que conclúe na parte final da mostra cunha ampla escolma de retratos de Jacqueline Roque, quen desde 1952 e ata 1971, foi a súa musa e modelo exclusiva e cuxos retratos compoñen unha síntese definitiva dos estilos e influencias que marcaron o pintor.
CONTIDOS RELACIONADOS

Pechar