Paul Strand. Retrospectiva 1915-1976
Paul Strand. Retrospectiva 1915-1976
Do 3 de xullo ao 14 de setembro de 2008, sede A Coruña - Do 2 de outubro de 2008 ao 11 de xaneiro de 2009, sede Vigo
A Fundación Barrié ofrece nas súas sedes da Coruña e Vigo a primeira retrospectiva que se pode ver en España do fotógrafo norteamericano Paul Strand (New York City, 1890 – Orgeval, Francia, 1976). Trátase ademais da súa primeira retrospectiva en Europa durante, polo menos, as últimas tres décadas.
A exposición Paul Strand. Retrospectiva 1915-1976, de produción propia da Fundación Barrié e comisariada polo profesor Rafael Llano, reúne por vez primeira en España fotografías de todos os periodos da carreira de Strand, con imaxes desde 1915 ata 1976.
A mostra está organizada pola Fundación en colaboración coa Aperture Foundation –editorial de fotografía, sala de exposicións e depositaria do Paul Strand Archive, con sede en Nova York-, e o Philadelphia Museum of Art, prestadores das 114 imaxes, todas vintage (60 da Aperture Foundation e 54 do Philadelphia Museum of Art) que integran a exposición.
Ata a data, só se celebrou en España unha exposición sobre Strand, organizada pola Fundación Aperture e que, na súa itinerancia por diversos museos americanos e europeos, visitou en 1996 o Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía baixo o título “Paul Strand. O mundo á miña porta, 1950-1976”, dedicada á obra do período europeo de Strand. Con esta exclusiva mostra, a Fundación Barrié retoma a súa liña de exposicións temporais dedicadas a clásicos da fotografía, que xa permitiu achegar a España a obra de fotógrafos como Arnold Newman, Edward Weston, Alfred Stieglitz, Ansel Adams ou máis recentemente, en 2005, a mostra Iconos: a mellor fotografía e cine da George Eastman House.
Baixo o título Paul Strand. No principio foi Manhattan, unha monografía reproduce de xeito íntegro, a páxina completa, as 114 fotografías da exposición e inclúe tamén un ensaio sobre o fotógrafo, escrito polo comisario da exposición, Rafael Llano. Ese texto, que se ofrece tamén traducido ao inglés, queda ilustrado con obra non só de Strand, senón tamén doutros importantes fotógrafos americanos: Alfred Stieglitz, Lewis Hine, Clarence White, Dorothea Lange, Walker Evans, Behn Shahn, Arthur Rothstein, Mathew Brady e Alexander Gardner.
CONTIDOS RELACIONADOS

Pechar