Jessica Stockholder

Jessica Stockholder

Do 14 de decembro de 2012 ao 31 de marzo do 2013, sede Vigo

A Fundación Barrié mostra na súa sede de Vigo a exposición de Jessica Stockholder, a primeira retrospectiva en España arredor da obra da artista norteamericana.

Exemplo indiscutible do que se denominou como pintura expandida, Jessica Stockholder (Seattle, EE.UU.,1959) é unha das artistas máis influentes e valoradas da súa xeración no eido internacional.

Nesta produción propia da Fundación Barrié, que ocupa todas as salas da sede viguesa, Jessica Stockholder presenta varias instalacións e máis dunha decena de traballos recentes, entre eles a peza 8066, que forma parte da colección de pintura contemporánea da Fundación.

A artista distribúe as obras no espazo de maneira que o visitante poida transitar a obra, engadindo así, a experiencia da contemplación. A súa pintura constrúese en base a obxectos cotiáns, espazo e cor, propoñendo a pintura como realidade, como exemplo de expansión cara ao escultórico e arquitectónico, aínda cando nos permite seguir a falar de pintura en termos de composición, espazo, cor, ritmo, etc.; todo nos remite á tradición da pintura agás a superación definitiva do concepto do marco.

Para David Barro, comisario da exposición, sempre que falamos de Jessica Stockholder, facémolo dunha pintura onde o tempo se experimenta. Todo se expande a partir dun desbordamento do pictórico no escultórico e as súas posibilidades respecto á arquitectura: "as obras de Jessica Stockholder amosan a complexa relación entre o espazo ilusionista da pintura e a presenza física da escultura, a instalación e a arquitectura, integrándose e dependendo do lugar, entre o ilusorio e o material, o social e o doméstico, o público e o privado. Nas súas obras todo se desborda, ata a propia marxe, e a realidade da pintura, así como a realidade pintada, insisten no fragmento como continuidade para sumaren un tempo máis, tan imaxinario como aporético, tan concreto como inconmesurable".

CONTIDOS RELACIONADOS