BUSCAR
Xornadas IV Centenario de Cervantes e Shakespeare
Luns 03 de Outubro de 2016
Xoves 06 de Outubro de 2016
17:30-20:10
Sede A Coruña
Aberto ao público
A celebración do IV centenario da morte de Cervantes e Shakespeare é unha magnífica ocasión para ofrecer un acceso actualizado á obra destes dous autores. Estas Xornadas, nas que participarán especialistas de recoñecido prestixio, abranguerán un amplo espectro de intereses: biografía, pervivencia e interpretación da obra de Cervantes e Shakespeare no seu contexto histórico e no actual, ademais de pragmática teatral e cinematográfica.
As Xornadas están organizadas pola Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña en colaboración coa Fundación Barrié co fin de promover a cultura científica no eido das Humanidades.
PROGRAMA
LUNS 3 DE OUTUBRO. MISCELÁNEA.
Preside: Mercedes Regueiro Diehl, adxunta á Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria.
17:30-18:10 José María Barja Pérez: Una anécdota de calendario: Cervantes y Shakespeare no murieron el mismo día.
18:10-18:50 José María Paz Gago: Cervantes en imagen. El Quijote en el cine.
18:50-19:30 Miguel Pérez Romero: Traducir Shakespeare.
19:30-20:10 José Miguel Alonso Giráldez: Cervantes en el siglo XXI: traducir el Quijote al inglés... y al español.
MARTES 4 DE OUTUBRO. SHAKESPEARE
Preside: David Clarck Mitchell, director do Departamento de Filoloxía Inglesa.
17:30-18:10 Carlos Gómez Blanco: Shakespeare: genio o artesano.
18:10-18:50 M.ª Jesús Cabarcos Traseira: Reescrituras shakesperianas en los siglos XX y XXI.
18:50-19:30 Manuel Míguez Ben: Shakespeare y el cine.
19:30-20:10 M.ª Jesús Lorenzo Modia: A recepción de Shakespeare en Galicia e a recepción de Cervantes en Inglaterra.
MÉRCORES 5 DE OUTUBRO. CERVANTES
Preside: Dolores Sánchez Palomino, directora do Departamento de Filoloxía Española e Latina.
17:30-18:10 Luís Iglesias Feijoo: Cervantes en su tiempo.
18:10-18:50 Eva Valcárcel López: Cervantes en la América de Rubén Darío.
18:50-19-30 José Montero Reguera: Miguel de Cervantes, un poeta en el final de sus días.
19:30-20:10 Ana Tarrío Tobar: Cervantes, también un hombre de números.
XOVES 6 DE OUTUBRO. PRAGMÁTICA TEATRAL E CINEMATOGRÁFICA
Preside: Carlos-Caetano Biscaino-Fernandes, vicedecano da Facultade de Filoloxía.
17:30-18:10 Manuel Lourenzo: Macbeth, unha traxedia escocesa?
18:10-18:50 Roberto Pascual: Escenificacións de Shakespeare na escena actual e percorrido polos escenarios de Ribadavia.
18:50-19:30 María Caamaño Rojo: Achegar os clásicos a través da dramatización: Cervantes, de 1616 a 2016.
RELATORIOS
José María Barja Pérez
Catedrático de Álxebra da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Foi reitor da Universidade da Coruña entre os anos 2004 e 2011.
Una anecdota de calendarios: Shakespeare y Cervantes no murieron el mismo día.
No 400 aniversario da morte de Cervantes e Shakespeare aínda se mantén a consideración do 23 de abril como a data en que ocorreu. Á parte da dúbida de se ese día era o enterro, a separación entre ambas as datas é de 10 días por mor do diferente calendario en que están datadas. Unha breve ilustración disto e o engadido dun outro escritor que falece ese día de 1616, son obxecto da exposición.
José María Paz Gago
Catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña.
Cervantes en imagen. El Quijote en el cine.
A visualidade inherente á novela cervantina provocou unha extraordinaria interacción creativa coas artes visuais en xeral e co cinema en particular. A ilustración, a publicidade ou o cómic, o cinema ou a televisión teñen recreado innumerables veces o Quixote con desigual fortuna.
Se a primeira novela moderna dará lugar á primeira película da historia do cinema, Les aventures de don Quichotte (1902-1903), o máis importante cineasta de todos os tempos, Orson Welles, traballou na súa propia versión, da que deixou algunhas secuencias xeniais. Versións dinamarquesas (1926), rusas (1957) ou chinesas (2010) demostran a universalidade e vixencia da máis transcendental narración do escritor que conmemoramos neste ano 2016.
Miguel Pérez Romero
Licenciado en Historia e catedrático de Inglés de ensino secundario.
Traducir Shakespeare.
Repaso á experiencia de trinta anos traducindo a Shakespeare: problemas textuais
José Miguel Alonso Giráldez
Profesor titular de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña.
Cervantes en el siglo XXI: traducir el Quijote al inglés... y al español.
As traducións do Quixote constitúen por si mesmas un universo propio. En Inglaterra o texto cervantino sempre suscitou un notable interese. E, desde logo, poucas obras hai máis atractivas que o Quixote para quen traduce. Ao pouco de se publicar a primeira parte, apareceu unha moi notable versión en inglés, a de Thomas Shelton. A partir de aí, o Quixote non deixou de traducirse, aínda que con sorte desigual. Pero, como vemos as andanzas quixotescas e sanchopancescas en pleno século XXI? Como son as traducións máis recentes desta magna obra ao inglés e en que melloran ás clásicas xa coñecidas? Necesitamos unha nova linguaxe para entender o Quixote? A recente ‘tradución’ de Andrés Trapiello ao castelán contemporáneo levantou non poucas polémicas, pero o seu autor defende a necesidade de actualizar o texto, porque cada lector é fillo do seu tempo e da súa lingua.
Carlos Gómez Blanco
Profesor titular de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña.
Shakespeare: genio o artesano.
Shakespeare como creador ou adaptador. O concepto romántico da creatividade fronte ao concepto de artesanía. O mito e os outros “Shakespeare”.
M.ª Jesús Cabarcos Traseira
Profesora contratada doutora da Universidade da Coruña.
Reescrituras shakesperianas en los siglos XX-XXI.
As obras de Shakespeare inspiraron unha infinitude de historias, secuelas e precuelas. En 2015, a editorial Hogarth Press propúxose poñer en prosa as principais obras do dramaturgo inglés. En Oregón, os organizadores do Festival de Shakespeare proxectan re-contar e verter ao inglés actual as pezas do dramaturgo. Ademais, as re-escrituras contemporáneas das historias shakespearianas re-imaxinan o conflito principal, re-constrúen os pasados dos personaxes e cuestionan ou reflexionan acerca da política, a ética e a moral sobre as que se cimentan as fábulas.
Manuel Míguez Ben
Profesor titular de Filoloxía Inglesa da Universidade de Santiago de Compostela. Tradutor ao galego e castelán de varios autores e autoras, ten publicados numerosos traballos sobre literatura inglesa dos séculos XIX e XX, e é considerado mestre de varias xeracións de anglicistas en Galicia.
Shakespeare y el cine.
O drama foi á primeira vista a forma artística máis próxima á posteriormente considerada sétima arte. Nos países de fala inglesa o universo shakespeariano era a cosmogonía máis familiar para millóns de espectadores. Os primeiros tratamentos cinematográficos, nun formato longo, feitos no Reino Unido, e sobre todo nos Estados Unidos, con trama de ficción, foron feitos traspoñendo versións das grandes figuras históricas de raizame anglosaxona ás que Shakespeare deu gloria e elevou aos altares lendarios, que hoxe poden parecer a miúdo, e de toda sorte, alternativos.
O estudo, revisión e formulación destas pezas da historia do cinema iluminan, achegan e axudan a desentrañar os múltiples misterios que a análise textual do dramaturgo inglés aínda contén.
María Jesús Lorenzo Modia
Catedrática de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña.
A recepción de Shakespeare en Galicia e a recepción de Cervantes en Inglaterra.
Esta intervención centrarase na recepción de Shakespeare en Galicia nos últimos 100 anos desde a utilización dos textos do bardo inglés na época da formación das Irmandades da Fala ata as traducións de Shakespeare ao galego nos últimos anos. Tamén explorará as representacións de diversas obras desde a época da ditadura ata o momento presente. Así mesmo, abordarase a recepción de Cervantes en Inglaterra, en particular ao longo do século XVIII, en que a novela ten en lingua inglesa unha recoñecida débeda co escritor español.
Luís Iglesias Feijoo
Catedrático de Literatura Española da Universidade de Santiago de Compostela
Cervantes en su tiempo.
A vida de Miguel de Cervantes está chea de enigmas e baleiros. Algúns son moi evidentes, outros dependen do escaso coñecemento que hoxe se ten das circunstancias históricas daquel tempo. Nesta intervención trátase de evocar os principais puntos que poden axudar a enfocar mellor a súa figura e como complemento tamén da súa obra.
Eva Valcárcel López
Profesora titular de Literatura Hispanoamericana da Universidade da Coruña.
Cervantes en la América de Rubén Darío.
Este ano celebramos a Cervantes, mais tamén ao nicaragüense Rubén Darío, fundador do modernismo, o primeiro movemento estético americano. Nesta conferencia falaremos da recepción de Cervantes en América e da interpretación que fixo o propio Darío da obra de Cervantes.
José Montero Reguera
Catedrático de Literatura Española da Universidade de Vigo.
Miguel de Cervantes, un poeta en el final de sus días.
A poesía constitúe a parcela da obra literaria de Cervantes menos considerada, cando non desprezada en tempos, sobre todo se se compara coa súa produción narrativa. Non é menos certo que sen aquela, a literatura cervantina quedaría minguada: Cervantes é o Quixote, en efecto, pero tamén algo máis que esa novela; e, sen isto –poesía, pero tamén teatro– non se podería comprender axustadamente a súa novela máis universal.
É máis, o noso escritor achégase á poesía en todas as súas vertentes, desde a manuscrita á impresa, a que participa en festas e conmemoracións, a que é froito da súa intervención en academias e xustas poéticas, a que se incorpora entre textos narrativos e a que serve para a expresión dramática por medio dun corpus textual que supón máis de quince mil versos.
Esta conferencia quere volver sobre este aspecto menos valorado do quefacer literario cervantino.
Ana Tarrío Tobar
Catedrática de Escola Universitaria de Matemática Aplicada da Universidade da Coruña.
Cervantes, también un hombre de números.
Son varios os autores que levan estudado a presenza das matemáticas na obra en castelán máis universal: Don Quixote da Mancha. Nesta charla tratarase de explicar como a aritmética, a xeometría, a astronomía ou a lóxica aparecen no texto con máis intensidade e detalle dos que terían sido necesarios para tratar cuestións cotiás. Da lectura do Quixote pódese concluír que a Cervantes lle gustaba esta ciencia, que a respectaba e que os seus coñecementos sobre esta materia estaban por riba dos usuais. Ademais, comentarase esta circunstancia nalgunhas outras das súas obras.
Todo isto permítenos afirmar que Cervantes tamén foi un home de números.
Manuel Lourenzo
Dramaturgo, actor e director teatral.
Macbeth, unha traxedia escocesa?
O Macbeth do Teatro Circo, estreado en 1975, aproxima a cultura galega ao tema da ambición política, da apropiación dun poder que resulta paralizante. Realizado con importantes colaboracións, tanto na versión dramática como na posta en escena, o Macbeth galego tivo una recepción diversa e promoveu non poucos debates.
Roberto Pascual
Profesor e xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Escenificacións de Shakespeare na escena actual e percorrido polos escenarios de Ribadavia.
A posta en escena dos textos do bardo inglés son ricas e diversas na escena internacional e mesmo na heteroxeneidade de estilos e linguaxes da escena galega dos nosos días. A densidade, a polifonía ou a diversidade temáticas das pezas de William Shakespeare permiten que a dramaturxia poida tamén incidir e discriminar algúns aspectos fronte a outros, e que os creadores escénicos poidan amosar unha determinada cosmovisión con base nas fontes dramáticas deste gran dramaturgo universal.
María Caamaño Rojo
Profesora Doutora na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.
Achegar os clásicos a través da dramatización. Cervantes, de 1616 a 2016.
A conferencia xirará arredor das posibilidades que a dramatización como procedemento didáctico pode ofrecer para conseguir un achegamento máis efectivo aos clásicos literarios no ensino non universitario. Centrarémonos na figura de Cervantes, clásico entre os clásicos, presentando primeiro diversos exemplos de propostas didácticas alternativas e innovadoras que, sobre todo, neste ano conmemorativo se puxeron en marcha co fin de achegar o alumnado ao autor do Quixote, para centrarnos logo na análise dalgúns textos cervantinos desde a perspectiva da dramatización como metodoloxía de ensino.
ETIQUETADO EN: IV CENTENARIO , SHAKESPEARE , CERVANTES , JORNADAS
PRÓXIMOS EVENTOS
CONFERENCIA DAVID GARCÍA CUETO
CONFERENCIA CARLOS REYERO
DEBATE ACADÉMICO TDAG
-  
-
Xoves 28 de Novembro de 2024
19:30 -
Mércores 04 de Decembro de 2024
19:30 -
Mércores 22 de Xaneiro de 2025
Venres 07 de Febreiro de 2025
18:00-20:00 -  
-  
-
-
-
-  
-
-
-
-