Más Información para familias

PROGRAMA EDUCATIVO PARA GRACIELA ITURBIDE
 
“Reteño en imaxes os encontros casuais externos e as finalidades internas. Busco atrapar a vida na realidade que me rodea, lembrando que os meus soños, os meus símbolos e a miña imaxinación son parte desa vida. Busco descubrir a miña propia saudade, nos seres humanos”

Graciela Iturbide
 
Graciela Iturbide, nada en 1942, é unha das máis salientables artistas mexicanas de todos os tempos. Practica a fotografía analóxica en branco e negro, coa que crea o seu propio e recoñecible universo simbólico. Para ela “a cámara é un pretexto para coñecer a cultura e coñecer o mundo”. Desde os seus primeiros traballos sobre as tribos indíxenas mexicanas, percorreu coa súa cámara infinidade de cidades e países; Cuba, Alemaña oriental, A India, Madagascar, Hungría, Mozambique, Estados Unidos, París, Roma, son algúns dos lugares que visitou coa súa cámara. Alí retratou mulleres, natureza, obxectos... sempre dun xeito extremadamente persoal, no cal ademais de retratar outras culturas se retrata a ela mesma.

OBXECTIVOS EDUCATIVOS:
 
-Coñecemento e Análise das posibilidades comunicativas da Fotografía.
-Estimular a capacidade de análise visual.
-Promover a creatividade.
-Potenciar as destrezas comunicativas interpersoas.
 
Actividades didácticas para Familias
RITUAIS COTIÁNS
 
A visita de Graciela á vila de Juchitán plasmouse en 1989 nun libro titulado “Juchitán y las mujeres”. Durante a súa estadía a fotógrafa descubriu alí unha sociedade matriarcal, en que as mulleres manexaban a economía e tomaban as decisións que organizaban a vida na comunidade. Eran unhas mulleres moi politizadas e independentes que sorprenderon a artista, coas que logrou unha profunda complicidade, e que ademais realizaban festas acotío. En Juchitán estiveran o cineasta soviético Eisenstein, o fotógrafo francés Cartier-Bresson, ademais dos pintores mexicanos Diego Rivera e Frida Kahlo ou a fotógrafa Tina Modotti.
 
Esta representación dun universo feminino nas tarefas cotiás, que mesturan o traballo e a festa, será o punto de partida das fotografías que tomarán as familias que participan no obradoiro. Pero non nos limitaremos só a tomar fotografías de mulleres, senón que o xogo e subversión dos roles de xénero será o principal tema de reflexión. Todo iso desde un punto de vista divertido e desinhibido, en que os máis pequenos tomarán un papel protagonista. Enriqueceremos os contidos das imaxes co universo simbólico que nos proporcionarán infinidade de obxectos que estarán a disposición dos participantes.