Máis Información para grupos de diversidade funcional
PROGRAMA EDUCATIVO PARA GRACIELA ITURBIDE
“Reteño en imaxes os encontros casuais externos e as finalidades internas. Busco atrapar a vida na realidade que me rodea, lembrando que os meus soños, os meus símbolos e a miña imaxinación son parte desa vida. Busco descubrir a miña propia saudade, nos seres humanos”
Graciela Iturbide, nada en 1942, é unha das máis salientables artistas mexicanas de todos os tempos. Practica a fotografía analóxica en branco e negro, coa que crea o seu propio e recoñecible universo simbólico. Para ela “a cámara é un pretexto para coñecer a cultura e coñecer o mundo”. Desde os seus primeiros traballos sobre as tribos indíxenas mexicanas, percorreu coa súa cámara infinidade de cidades e países; Cuba, Alemaña oriental, A India, Madagascar, Hungría, Mozambique, Estados Unidos, París, Roma, son algúns dos lugares que visitou coa súa cámara. Alí retratou mulleres, natureza, obxectos... sempre dun xeito extremadamente persoal, no cal ademais de retratar outras culturas se retrata a ela mesma.
OBXECTIVOS EDUCATIVOS:
-Coñecemento e Análise das posibilidades comunicativas da Fotografía.
-Estimular a capacidade de análise visual.
-Promover a creatividade.
-Potenciar as destrezas comunicativas interpersoas.
Actividades para grupos de diversidade funcional
PAREIDÓLICA NATURATA
A pareidolia é un fenómeno psicolóxico que basicamente consiste en ver imaxes inexistentes en obxectos e lugares determinados. En México existe unha especie de predisposición natural a este tipo de visións, sobre todo no ámbito relixioso. Cando alguén ten unha visión pareidólica, poñamos por exemplo a aparición da imaxe da Virxe nun charco de auga ou no descascado dun muro, ao pouco tempo convértese nun lugar de peregrinación que se enche de ofrendas, tomándose como un milagre. Por outra banda, “Naturata” é o título dun libro da fotógrafa publicado en 2004, no que o protagonismo das imaxes recae na natureza, que lle serve de escusa para manifestar a súa visión dela propia e do mundo que lle rodea.
Partindo da asociación destas dúas ideas, os participantes no obradoiro serviranse de todo tipo de elementos vexetais e animais para configurar visións pareidólicas coas que darán forma a imaxes de si propios. Á maneira de autorretratos, os diversos elementos dos que se servirán compoñerán as súas facianas, enriquecendo a súa imaxe antropomorfa co significado de cada un dos elementos que a compoñen.