Máis Información para centros escolares

PROGRAMA EDUCATIVO PARA GRACIELA ITURBIDE
 
“Reteño en imaxes os encontros casuais externos e as finalidades internas. Busco atrapar a vida na realidade que me rodea, lembrando que os meus soños, os meus símbolos e a miña imaxinación son parte desa vida. Busco descubrir a miña propia saudade, nos seres humanos”

Graciela Iturbide
 
 
Graciela Iturbide, nada en 1942, é unha das máis salientables artistas mexicanas de todos os tempos. Practica a fotografía analóxica en branco e negro, coa que crea o seu propio e recoñecible universo simbólico. Para ela “a cámara é un pretexto para coñecer a cultura e coñecer o mundo”. Desde os seus primeiros traballos sobre as tribos indíxenas mexicanas, percorreu coa súa cámara infinidade de cidades e países; Cuba, Alemaña oriental, A India, Madagascar, Hungría, Mozambique, Estados Unidos, París, Roma, son algúns dos lugares que visitou coa súa cámara. Alí retratou mulleres, natureza, obxectos... sempre dun xeito extremadamente persoal, no cal ademais de retratar outras culturas se retrata a ela mesma.
 
OBXECTIVOS EDUCATIVOS:
 
-Coñecemento e Análise das posibilidades comunicativas da Fotografía.
-Estimular a capacidade de análise visual.
-Promover a creatividade.
-Potenciar as destrezas comunicativas interpersoais.
As preguntas que orientarán en gran medida os obxectivos didácticos da proposta son: Que se necesita, ademais de pulsar un botón para tirar unha
boa fotografía? Como podemos mirar a través do obxectivo con algo máis que os
ollos? Como podemos aprender sobre nós mesmos a través das imaxes do mundo? Josef Albers (1888-1976) dicía que as fotografías revelan a individualidade do
fotógrafo e Robert Doisneau (1912-1994) que “sempre debemos lembrar que unha
fotografía tamén amosa a quen a mira”.
 
Trataremos moi especialmente o acto de “mirar”, que implica tanto ao fotógrafo como ao espectador, que exixe deliberación, vontade consciente de ir máis alá da reprodución dun obxecto; o ollo, como un músculo, debe adestrarse. André Kertész (1894-1985) observou que “todo o mundo pode mirar, pero non necesariamente todos ven”. “Para min a fotografía é a arte da observación”, dixo Elliot Erwitt (1928- ). “Consiste en buscar algo interesante nun lugar normal e corrente [...] Creo que ten pouco que ver coas cousas que ves, e todo que ver coa maneira de miralas”.
 
PROGRAMA DIDÁCTICO:
 
A experiencia educativa comeza cunha visita dinamizada á exposición fotográfica na cal desenvolveremos o marco teórico exposto na Unidade Didáctica e mergullarémonos nas poéticas e simbólicas imaxes de Graciela.
Posteriormente realizaremos as nosas propias fotografías, nas que crearemos imaxes inspiradas na artista mexicana.
Utilizaremos tabletas dixitais e software de edición fotográfica, co cal emularemos as técnicas analóxicas de Graciela. Experimentaremos coas posibilidades estéticas da edición dixital (reencadre, virado a branco e negro, modificación da exposición e o contraste, filtros etcétera) e como esta afecta ao significado da imaxe.
 
PARA CENTROS DE ENSINO
 
Educación infantil:

OS SOÑOS DA MULLER LUZ
 
A Muller Luz é o alcume co que se identificou á fotógrafa mexicana nunha das súas exposicións. A luz é o elemento máis importante da fotografía, de feito defínea. Con Manuel Álvarez Bravo aprende Graciela a importancia da luz e o uso do branco e negro. As fotografías de Graciela defínense por un uso extremo do contraste, os claroscuros e as formas a contraluz, definidas polos seus perfís, como as siluetas das sombras chinesas.
 
A presenza dos soños tamén foi unha constante na súa obra desde sempre. É co fotógrafo Brassai con quen se dá conta da súa importancia e os soños premoritorios estarán moi presentes no seu traballo. 
 
Con estas premisas os participantes no obradoiro crearán mediante fotografías as manifestacións inconscientes dos seus soños, das historias máis profundas e espontáneas que lles xurdan nese momento, co apoio de diversos obxectos cos que poderán concretar, dar forma, ás manifestacións da súa imaxinación.
 
Educación primaria:
OLLOS PARA VOAR
 
Os paxaros son un dos motivos que Graciela veu fotografando ao longo da súa carreira. A súa manifestación na obra da fotógrafa naceu froito dun soño, premoritorio no que un personaxe “sementaba paxaros” na terra. Lecturas de San Juan de la Cruz e do poeta sufí Atar, convértenos en auténticos protagonistas do seu traballo. En 2002 publica o libro de fotografías “Paxaros”, en 2006, “Ollos para Voar”, en que os paxaros adquiren o protagonismo absoluto, como símbolos de liberdade, da ansia de percorrer o mundo e interpretalo á súa maneira e tamén como transfiguración do corpo físico atado ao terreal e mundano nun espírito libre que voa só polo mundo.
 
Sobre estas ideas traballarán os participantes no obradoiro, deixando voar a súa imaxinación cara ás súas arelas e desexos máis profundos. Para dar forma ás súas fotografías serviranse de todo tipo de animais, aos cales dotarán dos seus propios contidos simbólicos.
 
ESO (Educación Secundaria Obrigatoria):
REALIDADES SOÑADAS
 
A realidade foi sempre unha escusa para Graciela, sobre ela, a través do visor da cámara e a vivencia compartida, creou a súa imaxe do mundo a través dela mesma. “Soños de papel”, publicado en 1985, nos fala da súa forma de entender a fotografía, máis alá da simple reprodución do real. Nas súas reflexións arredor dos aspectos rituais, místicos ou ancestrais dos grupos humanos e as súas festividades en distintas partes do mundo, o carácter de ensoñación está sempre presente. Como dicía William Eggleston, “incluso os lugares menos interesantes, máis feos e aburridos, por un instante poden volverse máxicos para min”.
 
A realidade convertida en soño será o punto de partida para as fotografías que crearán os participantes no obradoiro. Mestura de realidade e de ficción, de documento e poesía, o mundo tranformarase nas súas mans, a través da súa ollada, noutra cousa, en algo que nos falará do seu interior.
 
Bacharelato e ciclos formativos:
RETRATOS RITUAIS
 
Desde que en 1978 fotografou o pobo Seri, pescadores nómades que habitaban o deserto de Sonora, o interese polos grupos humanos e polas culturas ancestrais de México, e do resto do mundo, acompañou sempre a Graciela. Un ano despois visita a vila zapoteca de Juchitán, en Oaxaca. Alí crea unha das súas fotografías máis famosas, Nosa Señora das Iguanas, bautizada popularmente como a Medusa Juchiteca. A imaxe, grazas á súa forza expresiva, carga simbólica e representativa da cultura mexicana, transformouse nunha auténtica icona, transcendendo a súa autoría e utilizándose para murais (como nos Ánxeles), camisetas, chaveiros e incluso como imaxe duna marca de mezcal. Por outra banda, Graciela veu desenvolvendo ao longo da súa vida numerosos autorretratos en que acompaña a súa imaxe con diversos elementos simbólicos, as máis das veces, totalmente inconscientes; peixes, paxaros, serpes, caracois etcétera servíronlle para transmitirnos o seu mundo interior.
 
Estas fotografías serán a principal fonte de inspiración para os participantes no obradoiro, que crearán imaxes de si mesmos enriquecidas con diversos símbolos escollidos libremente. Nas súas mans estará buscarlles un significado concreto ou, como a artista, elixilos de maneira inconsciente e comprobar con posterioridade se aprenden algo de si mesmos que descoñecían.