Historias da Historia
Historias da Historia
Historias da Historia é un proxecto educativo formulado en si mesmo como unha sorte de ilusión, onde a realidade e a súa presentación é o resultado dunha negociación entre o que se ve e o que un pensa que está a ver. A idea é construir, imaxinar ou conformar distintas historias da Historia, que nunca é exactamente igual a como nola contaron.
A montaxe da exposición obedece á ollada dun neno, tendo en conta distintos xogos de escala e unha colocación das obras que seguirá en altura a evolución cronolóxica da mostra a partir dunha fita métrica preparada para medir o tempo. Trátase de entender como a obra se transforma en relación ao tipo de público que se enfronte a ela, na procura de que a reacción física e perceptiva do público adulto sexa, nalgúns casos, tan estraña e incómoda como adoita ser a dun neno nunha sala de exposicións, e viceversa.
A intención pedagóxica tenta outorgar aos conceptos “pasado” e “futuro” unha dimensión metafórica que transcende o cronolóxico: trátase de aprehender a realidade, de comprender o mundo. As obras seleccionadas, aínda que nos conducen a distintos momentos da historia, son realizadas por artistas contemporáneos e inclúen tamén obras representativas da Colección de Pintura Internacional da Fundación Barrié, así como outras obras de distintas coleccións privadas ou intervencións site-specific para esta exposición.
CONTIDOS RELACIONADOS

Pechar