O Greco. Apostolados

O Greco. Apostolados

Do 3 de outubro ao 1 de decembro de 2002, sede A Coruña

A Fundación Barrié organiza esta exposición sobre os Apostolados d'O Greco, un acontecemento único e irrepetible pois é a primeira vez que se reúnen a case totalidade de Apóstolos que foron pintados polo artista de Candía (Creta) e se estudan dun xeito comparativo á luz das investigacións levadas a cabo polo comisario da mostra, o profesor Alfonso E. Pérez Sánchez e o restaurador dalgunhas delas, Don Rafael Alonso.

Nesta exposición inédita reúnense, para a súa directa confrontación, tres dos Apostolados. Preséntase o Apostolado que foi propiedade do Marqués de San Feliz, adquirido para o Museo de Belas Artes de Asturias, xunto ao do Museo d'O Greco e o que, procedente da Igrexa de Almadrones en Guadalaxara, se conserva en parte no Museo do Prado e en diferentes museos e coleccións de EE.UU. como o Museo de Indianápolis.

A mostra vai acompañada dun catálogo razoado no que o prof. Pérez Sánchez, con colaboracións de Rafael Alonso e Benito Navarrete, realiza unha exhaustiva análise comparativa que permite fixar, con carácter case definitivo, a cronoloxía e trazos estilísticos dos Apostolados. O catálogo inclúe a escolma gráfica máis completa dos Apostolados nunca editada ata a data, con imaxes dos Apóstolos que se encontran en museos estranxeiros como Los Angeles County Museum, Indianápolis Clowes Foundation, Saint Louis Art Museum ou a Bridgeman Art Library.
           
A exposición é unha ocasión extraordinaria tanto para o público en xeral como para os investigadores, pois permite, por unha banda, facerse unha idea perfecta da evolución d'O Greco, e por outra, comparar o seu modo de traballo e de seriación ao estudar as diferentes versións dos Apóstolos e a calidade destes cunha completa análise levada a cabo polo restaurador.

Esta exposición permite ademais contemplar en primicia as obras do Museo d'O Greco cuns marcos cuxa reposición fixo posible a Fundación Barrié, e que permiten, ao desvestir varios centímetros de pintura, mellorar de maneira notable a contemplación estética das obras e, no caso de O Salvador, descubrir a sinatura do mestre, velada por un marco desproporcionado e en mal estado. Os novos marcos elaboráronse seguindo os métodos de finais do século XVI e principios do XVII nun esforzo por manter a máxima fidelidade posible á época de creación das teas.

CONTIDOS RELACIONADOS