George Nelson. Arquitecto, autor, deseñador, mestre

George Nelson. Arquitecto, autor, deseñador, mestre

Do 25 de xuño ao 29 de novembro de 2009, sede A Coruña

A Fundación Barrié amosa na Coruña George Nelson. Arquitecto, Autor, Deseñador, Mestre, exposición organizada polo Vitra Design Museum, de Weil am Rhein (Alemaña), e primeira retrospectiva ampla en España sobre George Nelson (Connecticut 1908-New York, 1986).

A mostra George Nelson. Arquitecto, Autor, Deseñador, Mestre reúne case 300 pezas e audiovisuais e estrutúrase arredor de cinco temas: "A casa de Nelson"; "Deseño corporativo"; "O despacho"; "Deseño de exposicións"; "Nelson autor, publicista, pensador e precursor do deseño do século XX".

Con esta exposición, a Fundación Barrié amosa por primeira vez en España a traxectoria dun visionario, do creador de emblemáticas iconas do deseño americano dos anos 50, como a Coconut Chair ou o Marshmallow Sofa, e un dos personaxes imprescindibles que deron forma, trala II Guerra Mundial, ao concepto de deseño moderno, de xeito especial aplicado á casa e aos espazos de traballo. George Nelson foi, ademais dun deseñador de éxito, un autor e publicista moi considerado, un creador de exposicións e un fotógrafo apaixonado. Director de deseño da fábrica de mobles americana Herman Miller durante máis de dúas décadas, nos seus numerosos ensaios sobre deseño reflectiu as condicións de traballo, as tarefas e obxectivos do seu oficio e investigou intensamente os eidos da vivenda e da decoración co convencemento de que o deseño debía ser parte integral da filosofía empresarial, converténdose en pioneiro da comunicación e a identidade corporativas.

A idea que ten Nelson do deseño como sistema, o seu enfoque de saírse fóra do simple modelado e pensar sempre nunha relación máis ampla, así como a súa contribución á transmisión do deseño, fan que a súa obra pareza hoxe en día novamente de grande actualidade e interesante.

CONTIDOS RELACIONADOS