Factoría de Estímulos

Factoría de Estímulos

As obras de A Colección de Pintura Contemporánea da Fundación Barrié resumen á perfección as tendencias artísticas de máis relevo das últimas catro décadas. Para esta actividade seleccionáronse sete obras de A Colección para vertebraren unha divertida proposta de lecer educativo que converte a sede da Fundación Barrié na Coruña nunha factoría de estímulos; un laboratorio no cal traballarmos tanto a experimentación como a aproximación aos conceptos que nos trasladan as pezas de A Colección para que os participantes entendan a arte contemporánea como unha ferramenta de utilidade emocional e intelectual para as súas vidas. Trátase de expresar, pintar, xogar, crear… a partir do diálogo coas obras de A Colección, coa creatividade e a experimentación como únicas metas.
 
As diferentes técnicas pictóricas que teñen cabida dentro da arte contemporánea, o paso do plano ao volume ou as vidas pasadas dos obxectos e os espazos son lugares comúns da arte contemporánea aos que nos achegaremos este verán na nosa particular Factoría de estímulos, unha Factoría que se irá enchendo coa pegada que os nenos, mozos e as familias que nos acompañen vaian deixando no espazo, sentíndose protagonistas do proceso artístico e explorando a súa capacidade creativa.
 
Con esta actividade preténdese facilitar a comprensión da arte do noso tempo a partir das obras de A Colección, incentivar o gozo da arte contemporánea, fomentar a experimentación plástica a partir do coñecemento das obras de A Colección como unha porta aberta á creatividade e á exploración activa, achegar ao público diferentes maneiras de establecer diálogos entre as distintas manifestacións da arte e desfrutar dunha actividade divertida e enriquecedora.

CONTIDOS RELACIONADOS