
Trazos mestres
Trazos mestres: debuxos holandeses e flamencos do Victoria and Albert Museum
Dende o 1 de marzo ata o 23 de xuño de 2019, sede da Coruña
Exposición organizada polo Victoria and Albert Museum de Londres en colaboración coa Fundación Barrié
Rembrandt van Rijn, Peter Paul Rubens, Sir Anthony van Dyck e Brueghel o Vello son algúns dos nomes que forman parte da exposición “Trazos mestres: debuxos holandeses e flamencos do Victoria and Albert Museum” e que a Fundación Barrié acolle na súa sede da Coruña a partir do 1 de marzo. A mostra, comisariada por Louise Cooling, anterior comisaria adxunta do V&A, está composta por 90 obras dos séculos XVI ata o XIX pertencentes á colección de debuxos holandeses e flamencos da Idade de Ouro do Victoria and Albert Museum, unha das máis destacadas e extensas de Gran Bretaña. Tras a súa presentación en Londres e o seu paso polos Estados Unidos, a presentación na Fundación Barrié é a primeira en Europa, fóra do museo británico.
Con esta exposición, que coincide coa conmemoración do 350 aniversario do pasamento de Rembrandt e do 450 aniversario do pasamento de Pieter Brueghel o Vello en 2019, a Fundación Barrié continúa achegando a Galicia obras de grandes mestres da arte nacional e internacional.
A exposición
A exposición divídese en 5 grandes apartados, ofrecendo deste xeito un percorrido por un período de extraordinaria prosperidade e produción artística: Pre-Idade de Ouro; Relixión e Mitoloxía; Persoas; Paisaxes e Pos-Idade de Ouro. Obras de referentes ineludibles na historia da arte estarán acompañadas de ricas coleccións de outros artistas de menor sona da Idade de Ouro, tales como Hans Bol e Jacob Jordaens, mais que demostran a diversidade e duradeira excelencia artística e técnica dos artistas neerlandeses do XVII.
A mostra inclúe retratos, estudos de figuras, escenas de xénero, paisaxes e estudos botánicos, ademais de deseños de vidreiras, tapices e gravados. Agruparanse os debuxos temática e cronoloxicamente para demostrar tanto os contrastes como as semellanzas entre os estilos artísticos e as prácticas dos artistas que traballaban no norte e no sur dos Países Baixos no devandito período.
A mostra comezará con debuxos holandeses do século XVI, demostrando o desenvolvemento de temas de paisaxe, xénero e relixiosos do século anterior á Idade de Ouro. Entre as obras destacadas están as primeiras paisaxes de Hans Bol e Matthijs Cock, ademais de obras relixiosas de Jan Swart van Groningen, Lambert Lombard e Pieter Coecke van Aelst.
Como parte dunha escolma de debuxos do XVII, amosarase unha importante colección de estudos de figuras formando parte central da composición. Tamén presentará estudos preparatorios do natural, debuxos de retratos e pezas de xénero, incluíndo un raro debuxo a acuarela de Jacob Savery. A mostra explora tamén como os artistas da Idade de Ouro do norte e o sur dos Países Baixos se relacionaban co mundo natural por medio de paisaxes, naturezas mortas e estudos de flores. Presentaranse paisaxes dos artistas flamencos Paul Bril e Jan Breughel o Vello, así como pioneiros da tradición paisaxística holandesa como Cornelis Vroom e Jan van Goyen, ademais dunha importante paisaxe tardía de Rembrandt.
Unha das seccións da exposición dedicarase a temas relixiosos, mitolóxicos e alegóricos, entre os que se inclúen debuxos de Rembrandt e Van Dyck, que representan os contrastes entre temas relixiosos da República Protestante dos Países Baixos e o sur destes, da Contra-Reforma católica, no século XVII. Entre as máis destacadas inclúese o primeiro debuxo preparatorio de Van Dyck para a perdida Cristo coroado de espiñas- con anterioridade no Kaiser Friedrich Museum de Berlín- pero destruído na Segunda Guerra Mundial.
A exposición concluirá cunha escolma de debuxos dos séculos XVIII e XIX, que demostran a influencia continua da arte da Idade de Ouro nos artistas activos nun período de cambio xeográfico e político no norte e no sur dos Países Baixos.
Trazos mestres: debuxos holandeses e flamencos segue un estudo de 10 anos realizado por Sir Christopher White, antigo director do Ashmoleum Museum de Oxford e Jane Shoaf Turner, xefa do Rijksprentenkabinet de Ámsterdam, co obxectivo de catalogar e debater cada unha das obras da extensa colección de aproximadamente 700 debuxos holandeses e flamencos que abranguen un período de máis de 400 anos, explorando descubrimentos recentes y re-atribucións.
GALERÍA DE IMAXES
-
1. Anthony van Dyck (1599-1641) Cristo coroado con espiñas, antes de 1621 Pluma e tinta marrón, con augada marrón sobre papel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
-
2. Johann Thopas (1625/7-1685/95) Retrato dun home de 24 anos, 1684 Lapis de chumbo, con toques de branco opaco, sobre papel vitela, colocado sobre panel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
-
3. Atribuído a Gerbrand van den Eeckhout (1621-1674) Home de pé a tres cuartos con chapeu de pluma e ricas vestimentas, sobre 1560 Pluma e tinta, con augada marrón sobre papel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
-
4. Jacob Savery (entre 1565-1603) Quermesse popular, 1598 Pluma e tinta gris, con acuarela e ouro sobre papel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
-
5. Atribuído a Jan Brueghel o Vello (1568-1625) Viaxeiros nunha estrada ao pé dun outeiro co bosque á dereita, sobre 1619 Pluma e tinta marrón, con augada marrón e azul sobre papel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
-
6. Pieter Coecke van Aelst (1502-1550) A conversión de San Paulo, entre 1529-1534 Pluma e tinta marrón-gris, con augada marrón sobre papel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
-
7. Peter Paul Rubens (1577-1640) Estudo de muller sedente (A Virxe), sobre 1606 Xiz negro e vermello, con toques de contraste branco sobre papel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
-
8. Rembrandt van Rijn (1606-1669) Estudo do actor Willem Ruyter como labrego, sobre 1634-8 Pluma e tinta ferrogálica con branco opaco sobre papel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
-
9. Willem Maris (1844-1910) O momento da muxidura, finais do século XIX Acuarela e gouache, sobre xiz negro en papel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
-
10. Frans Snyders (1579-1657) Bodegón con caza encol da mesa, sobre 1615 Pluma e tinta marrón, con augada marrón, e augada gris sobre papel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
-
11. Jacob Jordaens (1593-1678) Cazador descansando cos seus cans, sobre 1635 Acuarela e contraste con augada gris e marrón sobre papel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
-
12. Dirck Hals (1591-1656) Home sentado, bebendo dun vaso, antes de 1627 Pincel e augada marrón, con branco opaco sobre xiz negro en papel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
-
13. Hans Bol (1543-1593) Carro cuberto cruzando a estrada entre dúas pousadas, 1580 Pluma e tinta marrón, con augada marrón, sobre trazos de xiz negro en papel
Imaxe © Victoria and Albert Museum
VIDEO
Vídeo Exposición "Trazos Maestros" Rembrandt 3
Fundación Barrié
Vídeo Exposición "Trazos Maestros" Rembrandt 2
Fundación Barrié
Vídeo Exposición "Trazos Maestros" Rembrandt 1
Fundación Barrié
Vídeo Exposición "Trazos Maestros" Savery
Fundación Barrié
Vídeo Exposición "Trazos Maestros" Van Dick
Fundación Barrié
Vídeo Exposición "Trazos Maestros" Rubens 2
Fundación Barrié
Vídeo Exposición "Trazos Maestros" Rubens 1
Fundación Barrié
CONTIDOS RELACIONADOS