BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
ACTIVIDADE
LUGAR
DATA

CALENDARIO

A actividade da Fundación Barrié a mes ou semana vista


SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse


Exposición: “Cupido” (Parmigianino) do Museo Nacional del Prado

Arquivo Fotográfico. Museo Nacional del Prado. Madrid

Detalle CUPIDO Parmigianino (copia)

Xoves 16 de Novembro de 2017
Xoves 21 de Decembro de 2017
18:00-21:00
De martes a sábado

Sede A Coruña


Aberto ao público

Co gallo do ciclo de conferencias “A era dos xenios. De Miguel Ángel a Arcimboldo” a Fundación Barrié presenta unha obra emblemática da colección permanente do Museo do Prado, elixida para tal fin, polo profesor Francisco Calvo Serraller, director do ciclo. A obra “Cupido” Parmigianino. Girolamo Francesco Maria  Mazzola (Copia), poderase ver na sede da Fundación desde mañá e ata o 21 de decembro de 18h a 21h de martes a sábado.
 
A apertura ao público desta exposición temporal coincide coa próxima conferencia a cargo de Cristóbal Belda, catedrático emérito de Historia da Arte, Universidade de Murcia. A conferencia terá lugar mañá ás 20 horas baixo o título: “Benvenuto Cellini, libero de lingua a la par che di mano”.
 
Obra convidada do Museo Nacional do Prado
Parmigianino. Girolamo Francesco Maria Mazzola (Copia)
Cupido
Finais do século XVI
Técnica: Óleo sobre lenzo, 148 cm x 65 cm
© Arquivo Fotográfico. Museo Nacional do Prado. Madrid
 
Esta obra, que formou parte das coleccións reais españolas, desde as que pasou ao Museo do Prado, é unha copia de época dunha das pinturas máis relevantes de Girolamo Francesco Maria Mazzola (Parma, 1503 - Casalmaggiore, 1540) máis coñecido como Parmigianino, alcume que tomou da súa cidade natal. Parmigianino naceu no seo dunha familia de artistas e foi un pintor excepcionalmente precoz, que destacou tamén no debuxo e o gravado, sendo un dos máis prodixiosos e fecundos debuxantes de todo o Renacemento. Da impresión que causou este mozo artista, figura fundamental no desenvolvemento do manierismo, dá conta o que sobre el escribiu Vasari nas súas famosas Vidas: «Incontables persoas dicían publicamente en Roma que o espírito de Rafael pasara ao corpo de Francesco, ao velo singular na arte e tan agradable nas maneiras».

Parmigianino pintou o cadro no que se basea esta obra en 1534 para o seu amigo e mecenas Francesco Baiardo. A pintura foi herdada por Marcantonio Cavalca para despois pasar ás mans de Antonio Pérez, secretario de estado de Felipe II, quen o trasladou a España. Seguramente sería nese intre cando se realizou esta copia, que posúe as mesmas dimensións do orixinal e que se mantén fiel á súa composición e técnica. O orixinal foi finalmente enviado ao emperador Rodolfo II en 1605 e consérvase no Kunsthistorisches Museum de Viena co título de Cupido tallando o seu arco. A obra gozou dunha enorme popularidade e exerceu unha profunda e duradeira influencia, do que é proba que ao longo dos anos se realizasen máis de cincuenta copias, incluída unha da man do mesmiño Pedro Pablo Rubens realizada en 1614 e que se conserva na Alte Pinakothek de Múnic. A que aquí exponse é unha das máis temperás e coidadosas e nela maniféstase o extraordinario alongamento da figura humana que caracterizan o estilo final de Parmigianino cuxo máis claro expoñente é a súa famosa A Virxe do pescozo longo da colección da Galleria degli Uffizi de Florencia. Cupido aparece representado, non coma un neno senón coma un adolescente, o que achega un maior carácter erótico á composición, e acompañado por dous amoriños, un dos cales sorrí e aperta seu compañeiro de quen intenta lograr que toque a Cupido. O outro, porén, chora e, segundo escribe Vasari, “para non ser queimado polo lume do amor, négase obstinadamente”. Cupido olla de maneira sedutora o espectador mentres traballa no seu arco que apoia irrespectuosamente sobre dous libros, simbolizando o triunfo do amor e o desexo sobre a razón e o coñecemento. Esta complexa iconografía e a súa forma de representala converten este cadro nun exemplo extraordinario do enxeño e a sofisticación da obra final do artista.





PRÓXIMOS EVENTOS