BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
ACTIVIDADE
LUGAR
DATA

CALENDARIO

A actividade da Fundación Barrié a mes ou semana vista


SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse


Exposición Conmemorativa do 75 Aniversario do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento

Venres 11 de Setembro de 2020
Domingo 04 de Outubro de 2020
10:30-13:30

Sede Vigo


Aberto ao público

A Fundación Barrié acolle a exposición itinerante conmemorativa do 75 aniversario da constitución do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Xunta de Galicia.

A mostra, cuxa itinerancia iniciouse en xuño de 2019, exhibiuse durante estes meses en Santiago de Compostela (Hostal dos Reis Católicos e o antigo Hospital de San Roque), Madrid (Casa de Galicia), Lugo (Museo Provincial) e a sede da Fundación Barrié na Coruña.

Consta de paneis cuxo contido dá conta da historia, evolución e situación actual do centro de investigación. Complétase, ademais, cun catálogo.
Abórdanse os antecedentes (1923-1940), primeiros pasos (1943-1946), inauguración da súa sede inicial na Rúa Franco (1946), protagonistas da súa historia (1944-1994), as súas exposicións (1948-1972) e a súa etapa máis recente (1994-2019).

Tamén se presta especial atención ás súas publicacións (Cuadernos de Estudios Gallegos, Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos , Monografías de Cuadernos de Estudios Gallegos, colección Galicia Histórica e edicións fóra de colección); o seu patrimonio (obras e obxectos singulares); a súa biblioteca, unha das máis valiosas e mellor nutridas de temática galega entre cuxos fondos singulares figura a colección de prensa antiga ou do Estatuto de Autonomía de Galicia; e a colección de debuxos arqueolóxicos de Xosé Antón García González-Ledo.

O comisariado da exposición está integrado por Eduardo Pardo de Guevara y Valdés; Antón Pazos Rodríguez; Francisco Javier Pérez Rodríguez; Isidro García Tato e Pablo S. Otero Piñeyro Maseda.
“Quero manifestar a miña gratitude á Fundación Barrié e de xeito especial ao seu presidente por brindar ao IEGPS as súas sedes para amosar a exposición coa que pretendemos dar conta da nosa historia, evolución e situación actual”, di Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, quen salienta “a frutífera colaboración que mantemos dende hai décadas coa Fundación Barrié, entre cuxos logros máis visibles figura a colección Galicia Histórica, iniciada en 1977 e con 34 títulos e 42 volumes publicados”.
“Da mostra gustaríame destacar os paneis nos que se dá conta do intenso labor no eido da produción científica do IEGPS. En primeiro lugar, Cuadernos de Estudios Gallegos, con 133 números publicados e editada con regularidade desde 1944. Ao seu abeiro edítanse dúas series complementarias: Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, con 45 títulos publicados, e Monografías, con 16 títulos publicados”, explica o director do IEGPS.
 
O IEGPS: historia, evolución e situación actual

O 30 de novembro de 1943, tras a desaparición do Seminario de Estudios Gallegos, acordouse a creación do IEGPS, adscrito ao Padroado de Humanidades Marcelino Menéndez Pelayo do CSIC, constituíndose formalmente o 15 de febreiro de 1944. A partir de 1994 acometeuse unha profunda reorganización do IEGPS, orientada a normalizar a súa estrutura como centro de investigación. Isto culminou o 7 de marzo do ano 2000 coa redefinición do instituto como centro mixto do CSIC e da Xunta de Galicia.
Na actualidade o IEGPS conta cun grupo de investigación: Historia social do poder dende a Idade Media e desenvolve dúas grandes liñas de investigación: Galicia dende a Idad Media até a actualidade (PHIDE) e Patrimonio Cultural e Construción Identitaria (PCCI).
A súa biblioteca está considerada unha das máis nutridas e valiosas de temática galega. A base inicial e fundamental dos seus fondos procede do desaparecido Seminario de Estudos Galegos, que foran depositados na Universidade de Santiago. A eles sumáronse despois as sucesivas doazóns e depósitos dalgúns destacados estudosos, como Joaquín Arias Sanjurjo e José Varela de Limia, vizconde de San Alberto -especialmente rica en folletos e documentación-, Juan López Suárez, fillas de Salvador Cabeza de León, Fernando Alsina González ou Paulino Pedret Casado e Felipe Cordero Carrete, que en 1956 adquiriron e doaron a biblioteca de Antonio Couceiro Freijomil. Neste senso, é de salientar a recuperación e ampliación do fondo antigo ao longo destes últimos 25 anos.





PRÓXIMOS EVENTOS

  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •