Deseño holandés. Na rúa como na casa. Binnen/Buiten
Deseño holandés. Na rúa como na casa. Binnen/Buiten
Do 17 de outubro de 2008 ao 25 de xaneiro de 2009, sede A Coruña – Do 19 de febreiro ao 3 de maio de 2009, sede Vigo
A Fundación Barrié presenta, en colaboración coa Asociación de Deseñadores de Madrid (DIMAD), a mostra Deseño holandés: na rúa como na casa. Binnen/Buiten.
A exposición artéllase en sete áreas: “Descansa”, “Xoga”, “Come”, “Ilumina”, “Interactúa”, “Protexe”, “Traballa”, e mostra pezas representativas de 61 relevantes deseñadores holandeses e de novos valores, entre eles Marcel Wanders, Tjep, Richard Hutten, Ineke Hans, Demakersvan, Joris Laarman ou Hella Jongerius: moblaxe urbana, sofás, vaixelas e restaurantes nos que o contedor e o contido acadan unha harmonía perfecta, lámpadas, videoxogos, tobogáns para xogar na casa e na rúa, pezas especialmente creadas para os nenos e mesmo un paraugas con formas máis axeitadas para a choiva tipo brea. A exposición, que trata de establecer a relación entre o contorno doméstico e o da rúa como un continuo, amosa un total de 140 pezas, das cales 109 son obxectos e 39 audiovisuais, deseñadas para os espazos público e privado.
Esta exposición, organizada pola Fundación en colaboración con DIMAD, foi promovida pola Embaixada dos Países Baixos en España, co apoio de Premsela Dutch Platform for Design and Fashion, entidade ministerial do Reino dos Países Baixos para a promoción do deseño.
Como adoita na súa actividade cultural, a Fundación presta especial atención ás actividades paralelas arredor da mostra, cunha programación didáctica para escolares e familias. Ademais, a Fundación deseña un workshop centrado na relación entre o Deseño e a Cidade. Este obradoiro está destinado a profesionais e estudantes dos ámbitos do deseño, belas artes, arquitectura, urbanismo..., e conta coa participación dun dos deseñadores holandeses presentes na mostra.
CONTIDOS RELACIONADOS

Pechar