Programa didáctico "Sorolla. Tierra adentro"
A presente proposta educativa xira arredor da mostra Sorolla. Tierra adentro. Inclúe obradoiros para escolares de todos os niveis educativos, obradoiros para familias con nenos a partir de 4 anos, e visitas comentadas para adultos.
Os obxectivos xerais que se pretenden transmitir con esta proposta de actividades son os seguintes:
- Presentar un Sorolla descoñecido para o público, incidindo na súa mestría como luminista capaz de adaptar a súa excelencia no tratamento da luz e da cor a paisaxes distintas das súas coñecidas producións mediterráneas.
- Contextualizar a produción pictórica de Sorolla no convulso momento histórico e político da España de finais do XIX.
- Analizar o xénero da paisaxe na pintura: a súa evolución histórica e a súa importancia no contexto do rexeneracionismo español. Abordar a conexión entre paisaxe e identidade.
- Coñecer a Joaquín Sorolla como home apaixonado polo seu oficio e pola natureza.
- Promover a imaxe da Fundación Barrié como unha institución preocupada polas artes e o seu achegamento a públicos diversos. Dinamizar e dar a coñecer o espazo dedicado a Lloréns na sede coruñesa pola súa conexión con Sorolla.
OBRADOIROS PARA ESCOLARES
Participantes: Educación Infantil (2º Ciclo), Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos de Formación.
Horarios: martes, mércores, xoves e venres, desde o 8 de novembro do 2016 ao 24 de febreiro do 2017
1º obradoiro: de 10.00h a 11.30h
2º obradoiro: de 12.00h a 13.30h
3º obradoiro: de 16.00h a 17.30h
4º obradoiro: de 18.00h a 19.30h
Duración: 90 minutos (Educación Infantil: 60 minutos)
Previa reserva no teléfono 981 060 095, de martes a venres, de 12.00h a 14.00h e de 18.00h a 21.00h
EDUCACIÓN INFANTIL / DE CADRO EN CADRO, DE PÓLA EN PÓLA
Duración: 60 minutos
Máximo participantes: 25 nenos por grupo/ grupos dobres
Conceptos clave: coñecemento e goce da natureza; achegamento á pintura e aos seus materiais básicos; educación emocional a través da arte.
NA VISITA…
Durante a visita á exposición os nenos e nenas serán conducidos polo canto dun paxaro que os vai levando de póla en póla, de cadro en cadro, promovendo un achegamento sensorial e sorprendente ás obras. Ese paxaro vainos dando a coñecer información sobre Sorolla e o seu xeito de pintar. A través de distintos obxectos como os que puideron pertencer a Sorolla (o seu sombreiro, unha caixiña con pinturas, un parasol, un pequeno cabalete) entenderemos as implicacións e dificultades que ten pintar ao aire libre.
A exploración visual das obras levaranos a crear un conto onde os protagonistas son os elementos da natureza que adquiren cualidades persoais e que nos servirán para falar das emocións que esperta en nós a contemplación da natureza. Finalmente daremos vida entre todos a un dos cadros, representando cos nosos corpos o movemento e o son do vento, do río, das árbores, das nubes, …
Formúlase a visita como un percorrido dinámico centrado en 3 - 4 obras no que as propostas de exploración visual, expresión oral e actividade corporal mestúranse para facer do percorrido nas salas unha aventura moi enriquecedora, moi participativa e divertida.
NO OBRADOIRO…
Despois de admirar tanta natureza chegou o momento de que cada un constrúa unha paisaxe propia. Apelaremos á liberdade creativa dos rapaces ou ben estes poderán recrear o conto construído fronte a unha das obras nas salas. Estimularemos o seu interese empregando para pintar un material moi especial: follas de árbores. Como estamos na estación do outono/inverno, previamente á visita o grupo escolar poderá recoller follas caídas das árbores para que cada un dos participantes as empregue na actividade plástica que faremos no espazo didáctico. Usaremos cuños para obter das follas formas sinxelas ligadas á natureza ou que sirvan para compoñer elementos desta (bolboretas, círculos, …) e compoñer finalmente unha paisaxe propia.
EDUCACIÓN PRIMARIA / PAISAXES SONORAS
Duración: 90 minutos
Máximo participantes: 25 nenos por grupo/ grupos dobres
Conceptos clave: coñecemento da xeografía física e social de España e do amplo concepto de paisaxe, explorar a conexión entre paisaxe e emoción, coñecer paisaxes de luz e cor.
NA VISITA…
A clase de sociais e naturais hoxe a damos con Sorolla! O percorrido a través dos cadros preséntase aos escolares como unha viaxe, como as moitas que facía Sorolla e outros pintores do seu tempo, para coñecer e pintar distintos lugares da xeografía española e coñecer as súas paisaxes físicas e sociais. Esa viaxe lévanos a paraxes moi diversas, familiares algunhas, descoñecidas outras. Levaremos o noso kit de excursionistas: papel e lapis, lupa, un mapa físico baleiro onde iremos localizando as distintas paisaxes e as súas características. Teremos tempo de abordar (en función dos niveis dos escolares) no concepto “paisaxe” e os seus valores naturais (árbores, cultivos, accidentes xeográficos) e culturais (monumentos, arquitectura, arqueoloxía, xentes e xeitos de vida).
Ao tempo falaremos de Sorolla, da súa vida, da súa paixón polo debuxo e a pintura, do seu estilo e descubriremos como é posible pintar a luz. Comprenderemos como a luz e as cores asociadas a unha determinada paisaxe provocan certas emocións en nós. Xogaremos a imaxinar os sons que se agochan nesas paisaxes para introducirnos sensorialmente nelas e establecer unha conexión emocional. Acudiremos á nosa experiencia persoal para falar das paisaxes que para nós teñen unha significación especial.
NO OBRADOIRO…
No espazo didáctico imos propoñerlles aos participantes que fagan unha inmersión sensorial que complemente a realizada nas salas de exposición fronte ás paisaxes pintadas por Sorolla. Se no seu momento o artista fixo unha interpretación plástica a partir do que vían os seus ollos, agora imos pedirlle a cada participante que faga unha interpretación plástica a partir dos sons que escoiten. Para inspiralos, ofrecerémoslles a posibilidade de que representen máis de unha paisaxe, por exemplo unha con sons relativos a unha paisaxe construída, habitada e urbana e outra natural. Para a composición paisaxística empregaremos materiais que achegan sensacións e texturas próximas á pintura ao óleo sobre lenzo.
ED. SECUNDARIA E BACHARELATO / PAISAXES E IDENTIDADES
Duración: 90 minutos
Máximo participantes: 25 alumnos por grupo/grupos dobres
Conceptos clave: O cambio de século e o contexto histórico de Sorolla, Rexeneracionismo, Xeración do 98 e conexións entre literatura e pintura, paisaxe e identidade na época de Sorolla e na actualidade.
NA VISITA…
O percorrido pola mostra cos estudantes será contextualiza no momento histórico e social de Sorolla, abordando dun xeito especial a crise do 98 e o Rexeneracionismo, do que son testemuña os cadros de Sorolla, contidos cunha clara conexión curricular para os estudantes da ESO e de Bacharelato. Neste sentido abordaremos tamén as conexións entre as artes, especialmente a literatura para falar de que as paisaxes tamén poden ser literarias.
Repararemos a través dos cadros no estilo realista de Sorolla e a súa conexión con outros estilos como o impresionismo. Exploraremos nos cadros o dominio da cor e da luz e falaremos da pintura como expresión dun momento fugaz, como unha instantánea fotográfica.
Finalmente abordaremos o concepto que está tan presente nas obras, o de paisaxe e identidade, abordando esta idea dende o contexto rexeneracionista. Asociaremos paisaxes e emocións, identificando distintos estados de ánimo nas obras.
Isto levaranos a comprender como as paisaxes deste tempo, sobre todo as de Castela, responden a un estado de ánimo colectivo, a uns valores nacionais que se queren exaltar. Faremos un salto no tempo, comparando coa actualidade e debateremos sobre aspectos tan interesantes como autenticidade ou homoxeneización das paisaxes, especialmente as urbanas, e tradición fronte a contemporaneidade, un proceso do que os rapaces se farán conscientes e sobre o que achegarán a súa visión. Esta reflexión servirá para avanzar na proposta do obradoiro que faremos no espazo educativo.
NO OBRADOIRO…
Nas salas abordamos a paisaxe como reflexo da identidade dun pais; no obradoiro abordaremos o tema da paisaxe baixo unha mirada definitoria da identidade individual. Propoñémoslle a cada participante que, empregando as tablets para acceder á internet escolla a paisaxe vital que mellor lle representa, coa que se sinta máis identificado/a e que a continuación asocie a esa imaxe unha frase/palabra cunha descrición emocional creando, ao final, unha composición colectiva que convidaremos a que sexan comentadas polo alumnado.
COLECTIVOS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL
En función das particularidades de cada grupo, adaptarase cada actividade. Os recursos serán os usados nos obradoiros de Educación Infantil, Primaria e Familias.
OBRADOIROS PARA FAMILIAS: PAISAXES FAMILIARES
Participantes: nenos/as a partir dos 4 anos acompañados dalgún adulto (mínimo 10 nenos/as + adultos; máximo, 15 nenos/as + adultos)
Horarios: sábados e domigos alternos, de 12.00h a 13.30h e de 18.00h a 19.30h
Datas: 12, 13 / 26, 27 de novembro 2016
17 e 18 de decembro 2016
14, 15 / 28, 29 de xaneiro 2017
11, 12 / 25, 26 de febreiro 2017
11 y 12 de marzo 2017
Previa reserva no teléfono 981 060 095, de martes a venres, de 12.00h a 14.00h e de 18.00h a 21.00h
Duración: 90 minutos
Conceptos clave: Sorolla e a súa paixón pola natureza e pola pintura, memoria das paisaxes e vínculos emocionais con elas, Sorolla e a súa familia.
NA VISITA…
Coñeceremos a Sorolla a través dos seus obxectos persoais e das fotografías, e tamén á súa familia, a Clotilde e aos seus fillos, que aparecen representados nalgúns dos cadros como La siesta. A través deses obxectos coñeceremos a súa paixón pola natureza e por pintar ao aire libre. Soará o canto dun paxaro que nos convidará a mergullar con moita curiosidade nos cadros de Sorolla na busca de ríos, arcos da vella, paxaros e outros animais.
Cada familia terá tamén un tempiño para contemplar e escoller un cadro da última sala de exposicións para falar das cores, da luz, dos elementos que aparecen nos cadros e asociarlles un estado de ánimo ou unha emoción que poderán compartir co resto das familias.
Esta reflexión levaranos a entrar en materia para a actividade no taller.
NO OBRADOIRO…
As familias farán unha pequena reflexión sobre paisaxe e memoria. Que paisaxe os representa como familia? Cando teñan a resposta propoñerémoslles reproducir esa imaxe empregando unha técnica mixta, lapis de cores e elementos da natureza: paus finiños de piñeiro, follas, follas troqueladas, etc. Cada un pode facer unha representación individual da paisaxe ou optar por traballar en familia.
Como alternativa para aqueles que desexen unha inmersión total na natureza, teremos a posibilidade de facer o mesmo exercicio pero sobre unha pedra plana empregando lapis de cores.
VISITAS COMENTADAS PARA GRUPOS DE ADULTOS
Grupos: máximo 25 participantes por grupo (posibilidade de facer grupos dobres)
Horarios: previa consulta
Duración: 60 minutos
Previa reserva no teléfono 981 060 095, de martes a venres, de 12.00h a 14.00h e de 18.00h a 21.00h
O percorrido polas salas da exposición permitirá ao público achegarse dun xeito profundo a un Sorolla descoñecido, o Sorolla de "terra adentro" e constatar a súa incrible destreza como luminista. Falaremos da súa pintura como una mestura de modernidade no estilo e tradición no tema e abordaremos a significación da paisaxe ao longo da historia no contexto da crise do 98 e no movemento rexeneracionista posterior, como reflexo da identidade nacional. Para ese traslado á época e as vivencias do pintor fronte ás paisaxes de distintos lugares de España acudiremos a algunhas das cartas que escribiu a Clotilde, súa muller, ou ao seu amigo Gil Moreno e tamén á narrativa paisaxística de Azorín e Machado.
Ofrécese a posibilidade de rematar a visita na sala dedicada á exposición permanente de Lloréns, reparando nas paisaxes galegas do pintor coruñés que completou a súa formación no taller de Sorolla, de quen aprendeu a paixón pola luz na paisaxe.
VISITAS COMENTADAS PARA PARTICULARES
Horarios: sábados e domingos alternos, de 20.00h a 21.00h
Duración: 60 minutos
Datas: 12, 13 / 26, 27 de novembro 2016
17 e 18 de decembro 2016
14, 15 / 28, 29 de xaneiro 2017
11, 12 / 25, 26 de febreiro 2017
11 e 12 de marzo 2017
Sen reserva previa