David Chipperfield Architects-Form Matters

David Chipperfield Architects-Form Matters

Do 25 de xaneiro ao 30 de maio de 2010, sede A Coruña

A Fundación Barrié presenta por vez primeira en España, unha exposición sobre a traxectoria do arquitecto británico David Chipperfield. David Chipperfield Architects – Form Matters é unha exposición itinerante do Design Museum de Londres, comisariada por Gemma Curtin, e foi deseñada polo estudo David Chipperfield Architects. A mostra reúne, a través de maquetas, planos e audiovisuais, os 75 proxectos claves na traxectoria profesional do arquitecto.

A mostra clausurouse en Londres o 31 de xaneiro, e A Coruña é a primeira cidade que visita na súa itinerancia mundial. Deste xeito, a Fundación Barrié retoma a súa liña expositiva centrada na Arquitectura, baixo a cal programou nos últimos anos mostras dedicadas a arquitectos como Le Corbusier, Frank Lloyd Wright, Mies van der Rohe, Verner Panton ou, máis recentemente, George Nelson.

Cun estilo sobrio, tranquilo e concienciado, Chipperfield acadou converterse nun dos máis importantes arquitectos británicos do momento. Os seus edificios, sutís e sofisticados, entre os que se encontran o Museum of Modern Literature en Marbach, Alemaña (2006), o edificio Veles e Vents, erixido no porto de Valencia co gallo da America´s Cup (2006), a recentemente finalizada rehabilitación do Neues Museum en Berlín ou a Casa de Corrubedo (2002) responden a unha liña de traballo baseada no compromiso e sensibilidade na elección dos materiais e de sostibilidade co medio ambiente.
 

CONTIDOS RELACIONADOS