BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
ACTIVIDADE
LUGAR
DATA

CALENDARIO

A actividade da Fundación Barrié a mes ou semana vista


SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse


Concerto: Flor Nova do Romanceiro Ibérico

Sábado 26 de Outubro de 2019

18:00

Sede A Coruña

Aforo limitado

Aberto ao público

A Fundación Barrié acolle na súa sede da Coruña o concerto Flor Nova do Romanceiro Ibérico, d’aCentral Folque co gallo da celebración do Bienio Pidalino, interpretado por:

  • Begoña Olavide con Javier Bergia (Castela)
  • Ugia Pedreira con Óscar Fernández (Galiza)
  • Catarina Moura con Luís Pedro (Portugal)
Unha escenografía sobria, unha luz delicada, un templo para a palabra (cantada) en forma de romance. Unha selección única de voces, timbres, sonoridades, textos e melodías. As fontes do Romanceiro Ibérico transmitidas xeración tras xeración a través dos cantos das mulleres no ámbito doméstico, ou acompañadas de instrumentos polos xograres populares, chegan ao escenario da Fundación Barrié da man dunha selección das máis reputadas cantoras e músicos ibéricos especializados na súa performance contemporánea.
A FLOR NOVA DO ROMANCEIRO IBÉRICO será depenicada verso a verso por Begoña Olavide, a inigualable cantora madrileña especializada na música antiga e sefardí; Catarina Moura, que nos achega desde Portugal todo o sabor da honesta interpretación tradicional; ou a expresividade do acto comunicativo próxima á performance contemporánea que logra a galega Ugia Pedreira.
Tres cantoras que comparten a querenza polas vellas músicas dos romances, pola calidade literaria dos seus textos, polas versións fermosas que nos legou a transmisión oral, e que conforma un universo musical que queremos agora reivindicar co noso canto. A este súmanse os mestres da tradición musical deses singulares instrumentos históricos de corda intimamente unidos ao longo dos séculos á interpretación do romanceiro. Óscar Fernández á zanfona, Pedro Luis ás violas de man portuguesas e a propia Olavide ao salterio ofrécennos abordaxes virtuosas e audaces cuns resultados ricos e sorprendentes. Este espectáculo singular conta ademais coa dirección escénica de Cristina Domínguez.
Nada hai tan gratificante e espontáneo como arrincarse a cantar co corazón na man. Unha comeza, outros acompañan ou escoitan pero é sagrado facelo ben, coa prosodia certa, e a intensidade e dinámica xustas da interpretación musical que chega a emocionar máis que as máis sofisticadas harmonías vocais. Fundamental é a escolla do repertorio e saborear cada sílaba, dicindo cancións que recuperamos agora, moitos anos máis tarde, cando chegamos a apreciar o pracer de compartir o canto con amigos que teñen a mesma querenza, o mesmo amor pola música que sae do máis fondo, da orixe mesma do que somos a día de hoxe.

INTÉRPRETES



Begoña Olavide con Javier Bergia
Considerada internacionalmente pioneira na recuperación e interpretación do salterio, Begoña Olavide é unha das mais importantes salteristas do momento con profundos coñecementos de canto, qanún e teoría da música andalusí-magrebí. Realizou concertos pola totalidade de Europa, Estados Unidos, Canadá, Brasil, Arxentina, Colombia, México, Marrocos, Alxeria, Tunes, Exipto, Siria, Líbano, Xordania, Kuwait, Israel, Rusia e Xapón. Traballou no cine con Carlos Saura e José María Forqué. En teatro con Adolfo Marsillach, Servando Carvallar e Juan Pedro de Aguilar, así como en documentais de historia, arte, publicidade e televisión. Na actualidade colabora con diferentes músicos de música antiga e árabe e colabora habitualmente con Jordi Savall en Hesperion XXI. Investiga tamén xunto ao luthier Carlos Paniagua sobre o salterio, as súas técnicas de construción e execución nos distintos períodos da historia e dirixe o grupo Mudéjar, que fundou en 1994, especializado en música antiga española. O repertorio de Mudéjar abarca a música española escrita entre os séculos XIII e XVI, ademais da de tradicións orais como a arábigo-andaluza e algúns romances.



Ugia Pedreira con Óscar Fernández
Unha das voces máis transgresoras, eclécticas e valoradas do panorama musical galego contemporáneo. Poeta da vida, pensadora e comunicadora irreverente, construtora de espazos escénicos desde movementos calados e pequenos, Ugia Pedreira cambiou desde a excepción e a minoría activa visións e percepcións no panorama musical galego. Navegante das vangardas pola súa capacidade de risco e de visión, espreme coa voz un mar de emocións vividas. Ten colaborado con David Murray substituíndo a Omara Portuondo, con Jorge Drexler, Eliseo Parra, Banda Bassoti, Kaki Arkarazo, Antón Reixa, Carlos Blanco e músicos tradicionais, do folk e do rock, en longo etc. Desenvolveu a súa carreira escénica en propostas de culto que continúan a ser reivindicadas por músicos, críticos e público como Marful, xunto con Pedro Pascual, Pablo Pascual e Marcos Teira; Nordestinas, xunto a Guadi Galego e o pianista Abe Rábade; Acróbata, en parcería co cantor brasileiro Fred Martins; o grupo de electrónica Eclectica Ensemble; o proxecto Descarga ao Vivo, con grandes mestres cubanos e galegos; ou Chouteira. Actualmente vén de publicar o exitoso libro-disco infantil A Comuna del Barruzo e comparte performances poetico-musicais coa súa parceira Marina Oural Villapol. Con ela abre a Oficina Galega doutros Asuntos do Movemento, para traballar sobre arte e saúde tamén desde a diversidade funcional e artística.



Catarina Moura con Luís Pedro Madeira
Catarina Moura integra desde 1999 a Brigada Victor Jara e o grupo feminino de cantares tradicionais portugueses Segue-me à Capela. Fixo parte do grupo Realejo entre 1999 e 2012. Participou no filme Fados, do realizador Carlos Saura. É autora e intérprete nun proxecto musical para o público infantil asentado nas tradicións portuguesas Taleguinho, cos espectáculos Costurar Cantigas e Histórias, Mundo ao Colo e Ficar a ver estrelas. Dinamiza oficinas de cantos tradicionais portugueses e de trabalinguas. Entre 2016 e 2018 encóntrase en digresión cunha co-produción da Fundación José Saramago e Trigo Limpo Teatro Acert para o Festival Literário de Óbidos de 2016: A ilha desconhecida, unha peza de teatro a partir dun conto de José Saramago. Intérprete/creadora do espectáculo Fica no Singelo, con dirección artística e coreográfica de Clara Andermatt, presente en escena desde 2014.



ETIQUETADO EN: CONCERTO  ,  MÚSICA  ,  ROMANCEIRO IBÉRICO

PRÓXIMOS EVENTOS