BUSCAR
Orquestra de Cámara Galega - Concerto Conmemorativo 50 Aniversario da Fundación Barrié
Integrantes da Orquestra de Cámara Galega
Xoves 15 de Decembro de 2016
20:30
Sede A Coruña
Ata completar aforo
Aberto ao público
Concerto conmemorativo do 50 aniversario da Fundación Barrié a cargo da Orquestra de Cámara Galega que terá lugar o vindeiro 15 de decembro do 2016 na sede da Fundación Barrié na Coruña.
A Orquestra de Cámara Galega fará un percorrido por diversas correntes da historia musical desde o período Barroco temperán ata os nosos días, homenaxeando deste xeito a traxectoria da propia Fundación, que, como todo na vida, ten o seu comezo nalgún momento da historia e vai evolucionando día a día, ano tras ano, sempre medrando e sempre na procura de avanzar e deixar unha senda para aqueles que a sigan.
As notas de Vivaldi, Telemann, Sibelius e Rogelio Groba, entre outros, estarán presentes esta noite de celebración.
Programa
I parte
-Zarabanda sobre un tema de Haendel, Rogelio Groba
A Zarabanda é unha danza lenta e procesional, de antiga raíz ibérica. Durante o século XVII estendeuse por toda Europa e pasou a integrar a Suite de danzas barroca. Haendel, sensible ao ambiente musical do seu tempo, introduciu esta zarabanda como número 4 da Suite para teclado en Re menor. Composta en data indeterminada antes de 1720 durante a estancia do compositor en Hannover tras o seu regreso de Italia, participa a passacaglia dos trazos haendelianos de gusto polo contraste, a variedade de formas de articulación e a atención prestada ao desenvolvemento dos motivos. O compositor Rogelio Groba recrea o material melódico á vez que conserva unha factura grave e solemne.
-Concerto Grosso op.6, Nº8 “fatto per la notte di Natale”, Arcangelo Corelli
Obra composta por encargo do cardeal Ottoboni, cuxa publicación se realizou de maneira póstuma no 1714 integrada nos 12 Concerti Grossi, Op. 6, aínda que parece ter sido estreada cara a 1690. Trátase dun concerto en seis partes ou seccións, con dous grupos de concertinos, o ripieno e o baixo continuo. Ditos movementos son curtos e diversos en tempo e carácter, cunha Pastorale ad libitum para pechar o concerto.
-Concerto para orquestra RV 121, Antonio Vivaldi
Obra en tres movementos, en disposición Allegro-Adagio-Allegro, dos primeiros en ser ideados por Vivaldi, ao que seguirían outras moitas composicións indistintamente denominadas concertos ou sinfonías. Marca da casa son as pasaxes contrastantes e en progresión harmónica, con certa exploración cromática. O adagio central, intenso e punzante, en valores mantidos e sotto voce.
-Concerto para frauta, TWV 51:D2, George Telemann
Exemplo acabado do estilo sintético non exento de fantasía de Telemann, este concerto admite a súa interpretación por óboe ou frauta solistas, acompañados por cordas e continuo. Desenvólvese en catro movementos Moderato-Allegro-Largo e Vivace, que despregan todos os recursos expresivos barrocos, con tuttis cheos de vitalidade e enerxía; o movemento lento garda pasaxes de extrema melancolía.
II parte
-Andante Festivo, Jean Sibelius
Trátase da única obra gravada de Sibelius dirixindo a orquestra, e que non por casualidade foi escollida por el mesmo como música para a súa cerimonia fúnebre. Orixinalmente escrita para cuarteto de cordas en 1922, e arranxada posteriormente para grande orquestra; salienta nela un ritmo solemne e procesional, con progresivo incremento da densidade sonora. Nesta breve obra, Sibelius concentra a profundidade e intensidade que caracteriza as súas obras maiores.
-Suite Saint Paul’s, Gustav Holst
Composta en 1912 pero publicada anos máis tarde como homenaxe á escola onde Holst desempeñou o seu labor docente ata 1934. Orixinalmente escrita para cordas, Holst engadiu partes de vento posteriormente. Estrutúrase en 4 movementos (Giga- Ostinato- Intermezzo- Finale). O primeiro deles é robusto e enérxico, seguido por un Presto en forma de ostinato mantido polos segundos violíns. O terceiro movemento Intermezzo desprega os solos de violín e viola, individualmente e a duo, sobre a base en pizzicato no resto da orquestra. O Finale é unha recreación de dúas tonadas populares, The Dargason e Greensleeves, interpretadas en paralelo ata o final.
-Seis Danzas Romanesas, Béla Bartók
Trátase de 6 danzas en miniatura sobre temas populares romaneses, de variada procedencia xeográfica. Foron compostas para piano solo en 1915 e arranxadas para orquestra de cordas polo seu amigo Zoltan Szekely. A música penetra en rexións emocionais de marcado cariz étnico, resultado das andanzas de Bartók por campos e aldeas da Europa balcánica: danzas de paus, polcas e bailes propiciatorios, todo iso en continuo crescendo e renovada complexidade rítmica e dinámica.
Orquestra de Cámara Galega
Fundada en 1995 por iniciativa de Rogelio Groba Otero, director-concertino, e Clara Groba, violonchelo principal e solista, e integrada por músicos formados en diversos conservatorios europeos. Desenvolveu unha intensa actividade que a levou a interpretar un amplo repertorio que abrangue desde o período barroco ata os nosos días, incluíndo a difusión de compositores galegos e facendo especial fincapé na extensa obra do compositor Rogelio Groba Groba, do cal se levaron a cabo numerosas estreas.
Con esta finalidade, a OCGA realizou a súa actividade musical polas principais salas de concerto españolas entre as que destaca o Auditorio Reina Sofía de Madrid, o Palau da Música de Barcelona, a Sala Mozart do Auditorio de Zaragoza, a Real Maestranza de Sevilla, o Teatro Jovellanos de Xixón, o Palacio da Ópera da Coruña ou o Auditorio de Galicia.
No eido internacional, actuou en Viena, “Spanien Modern Musikfestival”, Nova York, Merkin Hall da Fundación Kaufman, Bos Aires, Teatro Metropolitan e Holanda, Utrech, Dean Bosh, Ámsterdam, Middleburg e De Doelen Auditorium de Róterdam.
Colaborou con profesionais do talle de Teresa Berganza, Anthony Pay, Cecilia Lavilla, Ara Malikian, Juan de Udaeta, José Ramón Méndez, Juan Lomba, José Núñez e José Luis Estellés.
Ademais das súas gravacións en directo para TVE, TVG e Radio Clásica, a OCGA gravou tres cedés. O primeiro publicado polo selo Boanergies con música de Rakov, Elgar, Groba e Groba Otero, o segundo monográfico do compositor R. Groba co selo Autor no que destaca a primeira gravación do Concerto nº2 para chelo e orquestra interpretado por Clara Groba e o terceiro editado polo selo Almaviva do Centro de Documentación Musical da Junta de Andalucía coa primeira gravación mundial en directo da ópera Don Quixote do compositor Manuel García, na Real Maestranza de Sevilla.
ETIQUETADO EN: MÚSICA , ORQUESTRA DE CÁMARA GALEGA , 50 ANIVERSARIO FUNDACIÓN BARRIÉ
PRÓXIMOS EVENTOS
CONFERENCIA DAVID GARCÍA CUETO
CONFERENCIA CARLOS REYERO
DEBATE ACADÉMICO TDAG
-  
-
Xoves 28 de Novembro de 2024
19:30 -
Mércores 04 de Decembro de 2024
19:30 -
Mércores 22 de Xaneiro de 2025
Venres 07 de Febreiro de 2025
18:00-20:00 -  
-  
-
-
-
-  
-
-
-
-