A morada do home. Fotografías da Colección Martin Z. Margulies

A morada do home. Fotografías da Colección Martin Z. Margulies

Do 3 de xuño ao 25 de setembro de 2011, sede A Coruña

A Fundación Barrié, en coprodución coa Fundación Foto Colectania de Barcelona, mostra por primeira vez en Europa a exposición A Morada do home. Fotografías da Colección Martin Z. Margulies na súa sede da Coruña.

A través de 49 autores e máis de 160 imaxes entre fotografías e vídeos, procedentes dos fondos da Colección Martin Z. Margulies de Miami, a mostra, comisariada por Régis Durand, explora a cuestión de como o home habita no mundo, interactúa con el, modifícao e, en definitiva, deixa a súa pegada na realidade das emocións, da vida, do traballo, da natureza. A exposición complétase con “Verán Fotográfico”, un amplo programa didáctico de balde arredor das dúas exposicións de fotografía que mostra a Fundación Barrié: Ricard Terré. Obras Mestras en Vigo e A morada do home. Fotografías da colección Martin Z. Margulies, na Coruña.

A idea da mostra nace a partir da relación dos coleccionistas Martin Z. Margulies e Mario Rotllant, presidente de Foto Colectania, entidade que traballou durante dez anos con importantes coleccións de fotografía internacionais, e se sostén no interese da Fundación Barrié por achegar a España coleccións e mostras de fotografía de máxima calidade. Para Mario Rotllant, “a idea de traer a Europa a Colección Margulies é un privilexio, ademais da amizade e admiración que sento por Martin e a súa dona Constance, é unha das coleccións máis relevantes a nivel internacional”.

José María Arias, presidente da Fundación Barrié e Banco Pastor engade que “con esta mostra, a Fundación Barrié prosegue a súa aposta pola contemporaneidade da fotografía como un dos eixes da súa programación cultural e didáctica, e por achegar a Galicia propostas expositivas que ofrezan ao público opcións para a reflexión sobre o mundo que habitamos”.

CONTIDOS RELACIONADOS