Catalá-Roca. Obras mestras
Catalá-Roca. Obras mestras
Do 4 de marzo ao 30 de maio de 2010, sede Vigo
A Fundación Barrié presenta a exposición Catalá-Roca. Obras mestras, en coprodución con La Fábrica, e comisariada por Chema Conesa. Tras o seu paso por Vigo, visita Valladolid, Zaragoza, Porto, Sevilla, Madrid e San Sebastián.
A exposición, artellada en espazos diferentes que permiten facer unha relectura da traxectoria global do fotógrafo catalán Francesc Català-Roca, un dos grandes da fotografía española e o principal representante da vangarda fotográfica catalá, presenta 150 fotografías en branco e negro que funcionan como verdadeiros documentos históricos que inclúen paisaxes urbanas, imaxes das súas xentes e retratos, ata organizar unha historia coidadosamente trazada. Para iso, realizouse un fondo e exhaustivo labor de investigación e indagación sobre os seus máis de 200.000 negativos de diversos formatos e técnicas, depositados no arquivo do Colexio de Arquitectos de Cataluña.
Ademais, a exposición inclúe un vídeo documental de nova realización, que se proxecta paralelamente á mostra en horario continuo, e que formula un percorrido completo pola súa fotografía e pola súa vida, establecendo paralelismos e liñas cruzadas entre as súas circunstancias persoais e o seu traballo ofrecendo unha ollada cara ao mundo e á obra de Francesc Català-Roca, unha achega á súa personalidade, o seu contorno, e a súa filosofía a través dos grandes temas que máis lle interesaron: a Barcelona dos anos 60; a Arquitectura; o concepto da luz e da cor; a decisión final: o reencadre; a ollada e o momento decisivo.
CONTIDOS RELACIONADOS

Pechar