Arquivo de Víctor Said Armesto
Arquivo de Víctor Said Armesto
O Arquivo Said Armesto contén o arquivo persoal de Víctor Said Armesto, que foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa nunha universidade española. A súa prematura morte truncou a que prometía ser unha brillante traxectoria dentro do grupo de científicos e intelectuais españois identificado como xeración do 98.
O seu arquivo persoal foi doado á Fundación Barrié pola súa filla Eugenia Said Santoro en 1992.
En 2014, co gallo do centenario da morte de Víctor Said Armesto, levouse a cabo unha exposición arredor da súa figura, producíndose un incremento dos fondos por doazón dos seus netos, Txaro e Jorge Santoro Said e Johannes Ooms.
O arquivo contén os borradores manuscritos das conferencias e artigos de Víctor Said Armesto así como as notas de campo e papeletas froito da súa investigación e recollida na tradición popular. Inclúe tamén o seu epistolario persoal con importantes personalidades da súa época, coa correspondencia recibida de Miguel de Unamuno, Leopoldo Alas, Manuel Azaña, Américo Castro, José Echegaray, Marcelino Menéndez Pelayo, Ramón Menéndez Pidal, Eugenio Montero Ríos, Manuel Murguía, José Ortega y Gasset, Ramón Pérez de Ayala, Benito Pérez Galdós e Carolina Michäelis de Vasconcellos, entre outros.
Outro material destacado son as notas e comentarios para un dicionario etimolóxico galego, estudos sobre literatura galaico-portuguesa, literatura española, poesía provenzal e os manuscritos dalgunhas das súas obras teatrais, como La flor del agua.
CONTIDOS RELACIONADOS