BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
FECHA

Memoria Anual 2024

Memoria corporativa y ediciones anteriores

SUSCRIPCIÓN AL NEWSLETTER

Reciba en su correo toda la actualidad de la Fundación Barrié

Suscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imagen Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


02-07-2026

  • Juan Lema, presidente da RAGC: “É a institución civil que máis ten contribuído ao progreso da ciencia e da investigación en Galicia”
  • Pilar Romero, presidenta da Fundación Barrié: “É un recoñecemento que sentimos compartido con todas as persoas que fan avanzar a ciencia co seu traballo e compromiso”

En primeiro plano, de esquerda a dereita: Juan Lema, presidente da RAGC; Pilar Romero, presidenta da Fundación Barrié; Alicia Estévez, vicepresidenta da RAGC; e Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, no momento da entrega da medalla. Ao fondo, Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, acompañado de representantes do goberno autonómico, das universidades galegas e do Consello da Cultura Galega.
© Fundación Barrié

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2026.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) creou a súa Medalla de Ouro, máxima distinción que outorga a institución, para recoñecer o apoio de profesionais e entidades ao desenvolvemento da ciencia na nosa comunidade. A primeira Medalla decidiu concederse á Fundación Barrié. O evento de entrega celebrouse esta tarde no Paraninfo da  Universidade de Santiago.
 
A Medalla recolleuna a presidenta da Fundación, Pilar Romero, de mans do presidente da Academia, Juan Lema. Ao acto asistiron, ademais de académicas e académicos e membros do Padroado da Fundación Barrié, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García; a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra. Houbo, así mesmo, unha nutrida representación de institucións políticas, culturais, económicas, científicas, académicas e sociais galegas. 
 
A Fundación Barrié colabora coa RAGC desde os seus inicios. Esta colaboración materializouse ademais na recente creación dos `Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC´, que -tal como salientou o presidente da Academia- “permiten recoñecer a mellor ciencia que se fai en Galicia, poñer en valor o traballo das nosas investigadores e investigadoras e transmitir á sociedade a mensaxe fundamental que Galicia ten ciencia de primeiro nivel, talento e futuro”.
 



Juan Lema: “O futuro constrúese con educación, investigación, cultura e cunha confianza sostida nas capacidades das persoas”
 
O presidente da RAGC lembrou que a Fundación Barrié cumpre 60 anos ininterrompidos de mecenado en Galicia: “Seis décadas de apoio sostido á educación, á cultura, á acción social e, dun xeito moi singular, á ciencia e á investigación. Non é esaxerado afirmar que, historicamente, é a institución civil que máis contribuíu ao progreso da ciencia e da investigación en Galicia”. Lema puxo de relevo que “hoxe recoñecemos unha traxectoria exemplar, pero tamén unha maneira de entender o compromiso con Galicia: confiar no talento, apostar pola educación, impulsar a investigación, coidar a cultura e contribuír, con xenerosidade e visión de futuro, ao progreso colectivo. A Fundación entendeu que a ciencia non medra illada: precisa universidades fortes, institucións sólidas, cultura, empresas innovadoras, sociedade civil activa e unha cidadanía que confíe no coñecemento. Esa visión ampla é precisamente a que a Real Academia Galega de Ciencias quere recoñecer hoxe”.
 
“Nun momento no que Galicia afronta desafíos decisivos, desde a transición ambiental e dixital ata a retención do talento, desde a innovación industrial ata a cohesión social, o exemplo da Fundación Barrié conserva plena actualidade. O seu percorrido lémbranos que o futuro non se improvisa; constrúese con educación, con investigación, con cultura, con colaboración institucional e cunha confianza sostida nas capacidades das persoas” -indicou o presidente-.
 
Carmen Arias: “Unha sociedade industrial moderna non pode progresar sen unha adecuada investigación”
 
Ao recoller a Medalla, a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero Vázquez-Gulías, manifestou: “Recibimos esta medalla con enorme gratitude e cun profundo sentido de responsabilidade. É un recoñecemento que sentimos compartido con todas as persoas que fan avanzar a ciencia co seu traballo e compromiso”.
 
Pola súa parte, a directora da Fundación, Carmen Arias, agradeceu a concesión desta distinción e salientou que “o feito de que proceda precisamente da RAGC faina aínda máis valiosa para nós, porque representa o recoñecemento dunha institución que simboliza a excelencia científica de Galicia e de quen consagrou a súa vida ao avance do coñecemento”.
 
Nas súa intervención, Arias lembrou tamén a visión de Pedro Barrié, fundador da entidade, ao sinalar que “unha sociedade industrial moderna non pode progresar sen unha adecuada investigación científica e técnica, e para que esta poida levarse a cabo é preciso apoiar centros onde os investigadores poidan traballar coas garantías necesarias”. “É neste contexto onde a Fundación desenvolveu unha importante labor” -concluíu-.