Programa Catedral de Santiago

Inicio / Patrimonio e Cultura / Conservación e recuperación do Patrimonio / Programa Catedral de Santiago

Programa Catedral de Santiago

A Fundación Barrié e a Catedral de Santiago
A Fundación Barrié financia o Programa Catedral con máis de 6 millóns de euros, pero o seu intenso vencello coa Catedral de Santiago, de máis de 40 anos, materializouse en investimentos por case 11 millóns de euros en proxectos de conservación e restauración, entre os que salientan a reconstrución do Coro pétreo do Mestre Mateo, a catalogación e dixitalización dos protocolos notariais dos arquivos catedralicios ou a reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria que se mostran na exposición permanente Pórtico Virtual situada no Pazo de Xelmírez en Santiago de Compostela.
O Programa Catedral é un proxecto promovido pola Fundación Barrié e a Fundación Catedral en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Instituto de Patrimonio Cultural de España do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
 
Restauración do Pórtico da Gloria – estado actual
Na actualidade está finalizando o estudo de correspondencia de policromías no Pórtico da Gloria, que permitirá obter un completo repertorio dos motivos decorativos aplicados e coñecer as diferentes técnicas de execución empregadas en todo o conxunto do nártex. Trátase dun método sistemático de estudo que se emprega en intervencións sobre escultura policromada e que consiste nun minucioso traballo de campo, examinando cada elemento con técnicas microscópicas e comparando os resultados cos estudos analíticos de laboratorio. Permitirá ademais poder realizar unha reconstrución virtual das distintas fases decorativas, das cores empregadas e da evolución estilística para adaptarse ao gusto de cada época.

Salientan os estudos realizados mediante fluorescencia de Raios X por Enerxía Dispersiva (EDXRF) que permitiron confrontar os materiais pictóricos dos estratos polícromos máis antigos do Pórtico da Gloria cos pigmentos identificados nas miniaturas sobre pergameo do Tombo A e do Tombo B do Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela. Tamén se conseguiu pór a policromía medieval e renacentista do Pórtico da Gloria en relación con outros monumentos do noroeste peninsular establecendo un catálogo de repertorios decorativos medievais, e contextualizando as decoracións na técnica flamenca coñecida como “brocado aplicado” con outras obras contemporáneas, chegando mesmo a propoñer a súa autoría.

Outra liña de investigación crucial foron a posta a punto dos tratamentos de restauración máis idóneos para estabilizaren os riscos de deterioración das policromías, realizando ensaios comparativos con sistemas tradicionais e novidosos perfeccionando a metodoloxía láser ou investigando innovadores sistemas nanotecnolóxicos, máis selectivos e inocuos, non agresivos para o monumento. A complexa situación conservativa do Pórtico da Gloria constitúe unha base óptima para a investigación e aplicación destas novas tecnoloxías. No ámbito deste proxecto cada tratamento de limpeza, láser e nanotecnolóxico, foi deseñado de maneira específica, a partir dun profundo coñecemento do estado de conservación, dos valores materiais e dos significados que evoca a extraordinaria empresa artística do mestre Mateo.

De forma paralela, estase a traballar nun sistema de xestión documental xeo-referenciado, en colaboración coa World Monuments Fund e a Fundación Catedral Santa María de Vitoria. Trátase dun sistema de fichas que inclúen información escrita clasificada en diferentes táboas e campos, así como documentación gráfica de imaxes fotográficas e cartográficas. Con este fin, levouse a cabo un escaneado láser 3D de alta definición. 


Mapa de Estudo do Pórtico


Quen é Quen no Pórtico da Gloria


Simposio A. W. Mellon


Nota de prensa A.W.Mellon

GALERÍA DE IMAXES

  • Pórtico de la Gloria
    Fotógrafo Juan Rodríguez

    Fundación Barrié

VIDEO

O Pórtico da Gloria: pasado, presente e futuro

Fundación Barrié