BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
ACTIVIDADE
LUGAR
DATA

CALENDARIO

A actividade da Fundación Barrié a mes ou semana vista


SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse


Xornada "Innovación sanitaria en Galicia", de ASOBECA

Venres 02 de Decembro de 2016
10:00-20:00

Sede A Coruña

Ata completar aforo

Require inscrición

Enlace aquí

A Asociación de Bolseiros da Fundación Barrié celebra na súa sede da Coruña (Cantón Grande, 9), unha nova edición da iniciativa Diálogos baixo o título Innovación sanitaria en GaliciaO formato Diálogos, xa na súa cuarta edición, propón un debate entre bolseiros e expertos externos á Fundación arredor de catro eixes temáticos fundamentais: a xestión sanitaria, a transferencia de novos coñecementos científicos á práctica clínica, a creación de novas titulacións para formar a especialistas en enxeñaría biomédica e a aplicación do ‘big data’ á mellora da atención sanitaria e a investigación médica. A asistencia á xornada é gratuíta, pero, posto que a capacidade do local é limitada, requírese inscrición na web http://becariosbarrie.org/dialogos-04-innovacion-sanitaria-en-galicia.

Na primeira mesa de debate, titulada “Xestión sanitaria: claves para un sistema público máis eficiente”, os bolseiros trazarán un panorama da xestión sanitaria en Europa, incidirán na necesidade de camiñar cara a unha sanidade centrada no paciente e suxerirán unha serie de medidas para mellorar a eficiencia do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). As propostas dos bolseiros recibirán a resposta de Marcos Saavedra Seoane, experto en ‘design thinking’ e de Eva Rodríguez Míguez, profesora do Departamento de Economía Aplicada da Unversidade de Vigo e experta en economía da saúde.

A segunda mesa redonda versará sobre a “Transferencia de descubrimentos científicos á práctica clínica”. Os bolseiros abordarán a investigación médica que non fan os médicos e presentarán innovacións clínicas que non implican grandes desembolsos económicos nin investimentos tecnolóxicos e que, porén, probaron xa o seu beneficio aos pacientes, como a rehabilitación cardiorrespiratoria mediante fisioterapia. Entre os expertos externos que comentarán as propostas dos bolseiros figuran Rafael López, xefe de oncoloxía no CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago), Xosé Bustelo, director do Centro de Investigación del Cáncer (Universidade de Salamanca-CSIC), e os científicos José Luis VillaverdeMontserrat Camiña e Susana Torrente, en representación da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da Universidade de Santiago.

Na mesa de debate “Formación en medicina e saúde pública: novas titulacións para novas demandas” os bolseiros proporán a creación dun máster en tecnoloxías sanitarias para Galicia e presentarán casos de éxito na formación sanitaria especializada coma o fellowship internacional de microcirurxía de Upsala (Suecia). Comentará estas propostas Ignacio Cimas, socio de recursos humanos da empresa biotecnolóxica Lonza.

A cuarta e última mesa redonda, titulada “Industrias da saúde: big data e tecnoloxías sanitarias” incluirá a presentación do proxecto CAPriCORN, unha iniciativa financiada pola lei sanitaria de Obama para utilizar o big data na detección e prevención de enfermidades nos hospitais da área metropolitana de Chicago. Abordarase tamén a viabilidade do ‘machine learning’ para a localización e cuantificación de discos invertebrais, así como a utilización do big data na investigación biomédica. Comentarán estas iniciativas expertos como Silvia López, consultora sanitaria en Gesmédica; Daniel Fernández, director executivo de Qubiotech Health Intelligence; Julius Klein, investigador de robótica biomédica en Tecnalia; Jaime Duarte, investigador do Sensory-Motor Systems Lab na Universidade Federal Politécnica (ETH) de Zúrich e experto en rehabilitación motriz axudada por robots, e Sonia Taborcia Hernández, directora de Big Data & Analytics de Sector Público da consultora Everis.

A xornada tuitearase a través do perfil de Twitter da Asociación de Bolseiros da Fundación Barrié (https://twitter.com/BarrieBecarios) co hashtag #SanidadBarrie.


PROGRAMA DO DÍA

 10:00hs.– 10:15hs. Apertura e Benvida

10:15hs.-12:00hs. Xestión sanitaria: claves para un sistema público máis eficiente

12:15hs.-14:00hs. Transferencia de descubrimentos científicos á práctica clínica 

14:00hs.- Pausa-Xantar

16:00hs.–17:45hs.  Formación en medicina e saúde pública: novas titulacións para novas demandas 

18:00hs.-19:45hs. Industrias da saúde: big data e tecnoloxías sanitarias 

19:45hs.-20:00hs. Clausura


LISTAXE DE PARTICIPANTES
 
Joaquín Peñalver de Andrés
Enxeñeiro industrial pola Universidade de Vigo. Becado pola Fundación Barrié, cursa un máster en enxeñaría biomédica na Universidade Técnica de Delft (Países Baixos). Na actualidade realiza a súa tese de máster na Universidade Politécnica Federal (ETH) de Zúrich sobre rehabilitación robótica.

Ana Lista Paz
Profesora e investigadora na Facultade de Fisioterapia da Universidade da Coruña. Becada pola Fundación Barrié en 2013 para unha estadía de investigación na Universidade de Brighton (Reino Unido).

Félix Cranz
Enxeñeiro mecánico, cursa un máster en enxeñaría biomédica na Universidade Técnica de Delft (Países Baixos). Na actualidade realiza a súa tese de máster na Universidade Politécnica Federal (ETH) de Zúrich sobre bioenxeñaría de tecidos.
 
Lola Casal
Traballadora social e socióloga. Becada pola Fundación Barrié en 2006 para realizar un máster en Traballo Social na Universidade de Nova York (EE.UU.).
 
María Jesús Movilla
Profesora e investigadora do Departamento de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña. 

Natalia Rivas Quarneti (non presencial)
Profesora de Terapia Ocupacional na Facultade Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña. Becada pola Fundación Barrié en 2014 para unha estadía de investigación na Universidade de Western Ontario (Canadá). 

María L. Quiroga
Neurocientífica. Becada en 2015 pola Fundación Barrié para realizar un máster no Karolinska Instituet de Suecia.

Marcos Saavedra Seoane
Deseñador de Produto, co-fundador de Designthinking.gal.
 
Eva Rodríguez Míguez
Profesora do Departamento de Economía Aplicada da Unversidade de Vigo e experta en economía da saúde.

David Martínez Martín
Doutor en Física, investigador na Universidade Federal Politécnica de Zúrich (Suíza) baixo o programa de excelencia científica internacional da Organización Europea de Bioloxía Molecular.
 
Guillermo Lorenzo
Enxeñeiro de Camiños, membro do Grupo de Investigación en Métodos Numéricos en Enxeñaría da Universidade da Coruña. Becado pola Fundación Barrié para a realización dunha estadía predoutoral en Brigham Young University (Provo, Utah, USA) entre setembro de 2014 e febreiro de 2015.
 
Montserrat Camiña
Bióloga, técnica da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE), servizo dependente do Vicerreitorado de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela. Gozou dun contrato do Programa Diana da Fundación Barrié para a realización dun estudo farmacoxenético en migraña.
 
Rafael López
Xefe do servizo de Oncolozía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Creador xunto a Alexandre de la Fuente e Miguel Abal da firma NasasBiotech, participada polo Fondo de Ciencia da Fundación Barrié.

José Luis Villaverde Acuña
Director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da Universidade de Santiago de Compostela.

Susana Torrente Vilasánchez
Doutora en Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela, especialista en propiedade industrial e intelectual da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da Universidade de Santiago de Compostela. 

Xosé Bustelo
Director do Centro de Investigación del Cáncer (Universidade de Salamanca-CSIC). 

Jaime Duarte
Investigador do Sensory-Motor Systems Lab na Universidade Federal Politécnica (ETH) de Zúrich e experto en rehabilitación motriz axudada por robots.

Julius Klein
Investigador de robótica biomédica en Tecnalia.

Andrés Rodríguez Lorenzo
Cirurxián plástico e director de microcirurxía no servizo de cirurxía plástica e maxilofacial do Hospital Universitario de Upsala, en Suecia. Becado pola Fundación Barrié, entre 2007 e 2009 realizou o Fellowship Internacional en Microcirurxía Reconstrutiva nos hospitais Glasgow Royal Infirmary, en Glasgow (Reino Unido) e Chang Gung Memorial en Taipei (Taiwan). 

Talar W. Markossian (non presencial)
Investigadora en Loyola University Chicago e doutora en Saúde Pública pola Universidade de Illinois en Chicago (UIC). 

Isabel López Andrade (non presencial)
Enxeñeira de Telecomunicacións, realiza becada pola Fundación Barrié, un máster en Machine Learning no Imperial College de Londres no curso 2014/2015. 

Iria Gómez Touriño
Investigadora posdoutoral no Departamento de Inmunobioloxía no King’s College de Londres, onde realizou unha estadía de investigación en 2012/2013 becada pola Fundación Barrié. 

Silvia López
Consultora sanitaria en Gesmédica. 

Daniel Fernández
Director executivo de Qubiotech Health Intelligence. 

Sonia Taborcia Hernández
Directora de Big Data & Analytics do Sector Público da consultora Everis.

Francisco Seoane Pérez
Secretario da Asociación de Bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza.

A Asociación de Bolseiros da Fundación Barrié

A Asociación de Bolseiros, creada en 1996, conta con case un milleiro de integrantes, todos beneficiarios dos programas de bolsas para investigación, estudos universitarios ou ampliación de estudos universitarios en España ou no estranxeiro. A Asociación, que forma parte do Ryder Club, desenvolve actividades encamiñadas a facilitar aos seus asociados o contacto con institucións profesionais e académicas de ámbito galego, nacional e internacional e sempre a manter e alimentar o vínculo coa Fundación. Neste senso, é unha rede de talento compartido, que canaliza as actividades daqueles bolseiros que queiran pór ao servizo de Galicia e, en particular, da Fundación, os seus coñecementos e experiencia, para que a formación adquirida durante o transcurso dos seus estudos e investigacións reverta no avance da sociedade galega.
 
A educación é un dos piares fundamentais da Fundación desde a súa creación en 1966 e continúa hoxe apostando polo talento e a excelencia en prol da formación e preparación dos profesionais que Galicia necesita, o cal se materializou na concesión, ata a data, de máis de 15.000 bolsas de estudos.

PRÓXIMOS EVENTOS

  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •  
  •