Programa didáctico: Manuel Gallego. Arquitectura (1969-2015)

“A arquitectura debe mellorar a vida das persoas”

 A exposición sobre Manuel Gallego ensina unha arquitectura que reivindica a importancia da súa construción intelectual e a súa construción material, na procura da beleza e da emoción da súa experiencia, e faino poñendo de relevo dous conceptos representativos dos condicionantes na creación de todas as obras expostas, as ideas e o contexto.

A idea e o contexto. A idea como soporte conceptual da arquitectura, como argumento que ordena a súa materialidade, a súa construción, o seu uso, a súa forma e o seu significado. E o contexto, no seu sentido máis amplo, como o lugar físico onde se sitúa a construción, mais tamén como esa paisaxe que é expresión dunha orde sobre un territorio. É dicir, trátase de amosar as forzas exteriores e interiores que dominan o proxecto, desde o que chamamos espírito do lugar ata a idea máis abstracta que ordena e lle dá unha intención á arquitectura.”
 

A arquitectura constrúe espazos para crear lugares, espazos de acontecementos (...) A arquitectura é a creación dun lugar para usar e vivir.”
 

Obxectivos xerais do proxecto:

-Coñecemento dos principios básicos da arquitectura.

-Coñecemento de diferentes enfoques da modelística (maquetas).

-Achegar o público á linguaxe formal e conceptual de Manuel Gallego.

-Explorar os procesos creativos do arquitecto.

-Propor unha experiencia que involucre aspectos racionais e emotivos, amais de dinámicas que exploren os recursos psicomotrices.

 

OBRADOIROS PARA ESCOLARES

Participantes: Educación Infantil (2º Ciclo), Primaria, ESO, Bacharelato, Ciclos de Formación e Colectivos con diversidade funcional

Horarios: martes, mércores, xoves e venres, desde o 2 de novembro do 2016 ao 3 de marzo de 2017

1º obradoiro: de 10.00h a 11.30h

2º obradoiro: de 12.00h a 13.30h

3º obradoiro: de 16.00h a 17.30h

4º obradoiro: de 18.00h a 19.30h

Duración: 90 minutos (Educación Infantil: 60 minutos)

Máximo participantes: 25 nenos/as por grupo (máximo dous grupos simultáneos)

Previa reserva no teléfono 981 110 220, de martes a venres, de 12.00h a 14.00h e de 18.00h a 21.00h

 

EDUCACIÓN INFANTIL. Emocións na paisaxe das Pedras Vivas

Na visita á exposición iniciarémonos no mundo da arquitectura. O primeiro que aprenderemos é que é unha maqueta e para que serve?.

A través das múltiples maquetas que conforman a exposición analizaremos a forma dos edificios (os tellados, as fiestras, os muros, etc.). Compararémolas coas fotografías e cos debuxos. Preguntarémonos: de cantas formas distintas se pode debuxar un edificio? Entón descubriremos onde estaba situado o debuxante.

Atribuiremos aos materiais das maquetas calidades sensoriais e as poñeremos en relación co edificio. As maquetas, moitas veces van máis alá da mera representación, recreando a experiencia directa, sensorial, dos materiais e da luz.

Obxectivos didácticos:

-Relación entre maqueta, debuxo, fotografía e realidade.

-Achegamento á lectura de planos e xeolocalización básica.

-Valores expresivos dos materiais e das formas.

-Experiencia da creación en grupo. Colaboración non competitiva.

-Desenvolvemento de actividades que incentiven os procesos racionais e emotivos das persoas.

“Considerar o contexto como motor de ideas e estas á súa vez, como xermes xeradores de trocos do contexto. As súas relacións fálannos das raiceiras da arquitectura nun territorio e das continuidades e resonancias que poidan existir entre ambos os dous. Son resumo das tensións que conforman o espazo onde vivimos. Supón entender por que chegaron a ser o que son e as forzas que as provocaron.”

No espazo do obradoiro configuraremos unha gran paisaxe que se irá transformando, grazas á arquitectura e á vida, nun lugar de uso, de acontecementos. Unha paisaxe de emocións.

Para iso traballaremos a arquitectura mineral e a vexetal, partindo de que a construción da paisaxe é un proceso colectivo cheo de referencias comúns. Trátase de resolver necesidades humanas esenciais, como resgardarse, relacionarse, organizar, etc.  De explorar a capacidade da arquitectura como xeradora de orde e de cambio nos procesos de urbanización e de como os lugares sociais de uso colectivo se transforman en referencias tanto a escala urbana como a nivel de experiencia cidadá.

Con esta experiencia educativa reflexiónase sobre a forma de implantarse no territorio, sobre os modos de habitar.

 

EDUCACIÓN PRIMARIA. Casas para todo

“A vivenda como o paradigma do espazo privado, establecendo a idea básica de que a súa construción é a creación dun lugar para vivir. Todos [os proxectos] propoñen crear unha orde que organiza o espazo e ofrece ao mesmo tempo o descubrimento das novas posibilidades que se dá ao usuario. (...) Un contedor de posibilidades de uso.”

Obxectivos didácticos:

- Relación entre maqueta, debuxo, fotografía e realidade.

- Que é unha maqueta e para que serve?

- Como se elixe o material?

- Que se quere expresar con ela?

-  Por que ás veces son macizas, como esculturas e outras veces se poden ver por dentro?

- Valores expresivos dos materiais e das formas.

- Achegamento á lectura de planos e xeolocalización básica.

- Onde estaba colocado o debuxante en relación ao edificio? Por que usou ese punto de vista? De cantas maneiras distintas se pode debuxar un edificio?

- Por que é tan importante o contexto?

- Como se enfronta un arquitecto a unha encarga?

Estas e outras cuestións serán resoltas durante a visita á exposición.

Xa no espazo do obradoiro a nosa tarefa consistirá en dar forma a grandes edificios que poñeremos en relación, entre eles e respecto a un contexto dado.

O uso da retícula como recurso organizador do espazo e o gusto polos materiais prefabricados serán o punto de partida da actividade proposta. A retícula como paradigma de orde e estrutura básica. Sobre ela iranse configurando os diferentes usos e baleiros. A proposta debe considerar a vivenda como o “centro condensado dun espazo habitable que se expande”. Así atenderemos tamén á configuración de espazos comúns, valorando ademais a contorna e a natureza.

A actividade implica un importante compoñente físico, dinámico, ademais dunha organización baseada na colaboración. Traduciranse dun xeito sinxelo as forzas físicas (peso, tensión, etc) implicadas na construción de edificios. 

Os participantes disporán de diferentes recursos volumétricos, construtivos e gráficos para desenvolveren a súa tarefa; e finalmente terán que explicar a súa proposta e defendela en público.

 

EDUCACIÓN SECUNDARIA. CADquitectura

“Os edificios son como condensadores do espazo público, por iso préstase especial atención á conexión do seu espazo co espazo urbano. A súa dimensión urbana fai deles que se poidan transformar en elementos xeradores de orde e de cambio nos procesos urbanos. Como lugares sociais de uso colectivo, transfórmanse en referencias tanto a escala urbana como a nivel de experiencia cidadá. O seu espazo lémbrase como imaxe pública e adquire importancia persoal e colectiva.”

CADquitectura céntrase nas posibilidades de creación de arquitectura con ferramentas dixitais. Traballaremos con modelos arquitectónicos en 3D cos programas de balde SketchUp e 3D Warehouse, que nos permitirán crear e modificar modelos 3D que logo poderemos introducir co Google Earth en contextos reais.

Propoñeremos a elaboración dun proxecto de intervención no casco urbano da localidade na que residan os participantes na experiencia educativa.

"Todo proxecto é unha aposta para reactivar o espazo. Mediante el recuperamos a vida do edificio ou do espazo e transformámolo nun lugar de uso, de acontecementos. O proxecto como acto creativo posibilita o cambio. El representa o cambio, a capacidade de modificación necesaria para continuar a vida."

A idea e o contexto, analizados na exposición, serán os condicionantes principais do proxecto. Traballaremos considerando o contexto como motor de ideas e estas á súa vez, como xermes xeradores de trocos destrutores do contexto. As súas relacións falarannos das raiceiras da arquitectura nun territorio e das continuidades e resonancias que poidan existir entre ambos os dous.

Os participantes disporán de diferentes recursos gráficos para desenvolveren a súa tarefa. Ademais experimentarán as súas ideas con modelos físicos tridimensionais para comprobaren a experiencia dos espazos, o seu espazo, a súa funcionalidade, a súa luz, etc, en definitiva, as experiencias sensoriais que promovan unha “vida mellor”; y finalmente terán que explicar a súa proposta e defendela en público.

 

COLECTIVOS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL. Arquitectura emocional

“O significado da arquitectura maniféstase en como se utiliza e sobre todo, en como se experimenta, ante a sensación inmediata de materia, espazo e luz.”

Durante a visita á exposición centrarémonos na propia experiencia física e emocional do espazo expositivo. A través da súa articulación con paneis e da presenza de imaxes e de luz, trataremos de entender a arquitectura desde o punto de vista dunha experiencia sensorial.

No espazo do obradoiro propoñémosvos traballar cunha “masa” construtiva de receita caseira que poderedes repetir nas vosas casas. A textura, cor e peso poderase configurar á vontade de cada quen.

Trátase de modelar a materia e o espazo a través das emocións, coas nosas propias mans. Sentir, experimentar a sensación do cheo e do baleiro, da materia, da forma e do espazo.

 

OBRADOIROS PARA FAMILIAS. Esqueletos minerais
 

Participantes: nenos/as a partir de 4 anos acompañados dalgún adulto (mínimo 10 nenos/as + adultos; máximo, 15 nenos/as + adultos)

Horarios: sábados e domigos alternos, de 12.00h a 13.30h e de 18.00h a 19.30h

Datas:           12, 13 / 26, 27 de novembro 2016
                        17 e 18 de decembro 2016
                        14, 15 / 28, 29 de xaneiro 2017
                        11, 12 / 25, 26 de febreiro 2017 
 

Previa reserva no teléfono 986 110 220, de martes a venres, de 12.00h a14.00h e de 18.00h a 21.00h

Manuel Gallego é un arquitecto ao cal lle gustan as construcións económicas e sostibles. En numerosas ocasións ten proxectado estruturas e cerrados de fachada con prefabricados de formigón, de doada montaxe polo seu deseño e ademais de sinxelo mantemento.

Na lonxa de Lira (Carnota) realiza unhas grandes estruturas de formigón encofrado de gran singularidade que, ata certo punto, definen a personalidade do edificio e intégrano no contexto.Tamén as murallas (“valados”) de pedras de infinitas formas, tan típicas da xeografía galega, configurando estruturas de consolidación e protección froito dun traballo colectivo que dá orde ao informe.

No obradoiro traballaremos no deseño de encofrados e moldes para morteiro de formigón de fraguado rápido. Intentaremos crear unha serie de pezas de formigón que poidan configurar unha arquitectura e á vez convértanse no elemento definidor, singularizador, da construción.

  

VISITAS COMENTADAS PARA ADULTOS

Na visita á exposición iniciarémonos no mundo da arquitectura de Manuel Gallego, analizaremos a súa linguaxe formal e conceptual, os seus procesos creativos e a súa relación co territorio e o seu contexto. Idea e contexto son dous conceptos nos que profundaremos de xeito especial.

Nunha montaxe expositiva deseñada polo propio arquitecto poderemos experimentar física e emocionalmente o espazo expositivo. A través da súa articulación con paneis e da presenza de imaxes e a luz, trataremos de entender a arquitectura desde o punto de vista dunha experiencia sensorial. 

 

Visitas comentadas para grupos de adultos

Grupos: máximo 25 participantes por grupo (posibilidade de facer grupos dobres)

Horarios: previa consulta

Duración: 60 minutos

Previa reserva no teléfono 986 110 220, de martes a venres, de 12.00h a 14.00h e de 18.00h a 21.00h

 

Visitas comentadas para particulares

Horarios: sábados e domingos alternos, de 20.00h a 21.00h

Duración: 60 minutos

Datas:           12, 13 / 26, 27 de novembro 2016
                        17 e 18 de decembro 2016
                        14, 15 / 28, 29 de xaneiro 2017
                        11, 12 / 25, 26 de febreiro 2017
 

Sen reserva previa