Manuel Gallego. Arquitectura 1969-2015

Inicio / Patrimonio e Cultura / Exposicións / Manuel Gallego. Arquitectura 1969-2015

Manuel Gallego. Arquitectura 1969-2015

Do 28 de outubro de 2016 ao 5 de marzo de 2017, sede Vigo

A Fundación Barrié ofrece na súa sede de Vigo, do 28 de outubro de 2016 ata o 5 de marzo de 2017, un novo proxecto cultural e educativo: a exposición MANUEL GALLEGO. Arquitectura 1969-2015, a primeira retrospectiva do arquitecto galego e Premio Nacional de Arquitectura (1997). A exposición, comisariada polo propio autor e deseñada polo arquitecto e fotógrafo Pablo G. Picard, é unha produción propia da Fundación Barrié, organizada en colaboración co estudio de Manuel Gallego Jorreto.
 
A exposición componse dunha escolma de proxectos construídos e propón crear un fío argumental que permita desenvolver un discurso que facilite e provoque olladas diversas sobre a arquitectura, aproximándose así á súa complexidade. Para iso sublíñanse algúns dos argumentos conceptuais que foron a base destas arquitecturas: a idea e o contexto. A idea como soporte conceptual da arquitectura, como argumento que ordena a súa materialidade, a súa construción, o seu uso, a súa forma e o seu significado. E o contexto, no seu sentido máis amplo, como o lugar físico onde se sitúa a construción, mais tamén como esa paisaxe que é expresión dunha orde sobre un territorio. Isto é, trátase de amosar as forzas exteriores e interiores que dominan o proxecto, desde o que chamamos espírito do lugar ata a idea máis abstracta que ordena e lle dá unha intención á arquitectura.

A Fundación Barrié complementa este proxecto coa edición dunha publicación e cun amplo programa educativo de balde, para todos os públicos, arredor da obra de Manuel Gallego con obradoiros para familias e escolares e visitas guiadas, así como o ciclo de charlas-coloquio Conversas con Manuel Gallego.

 


Nota de prensa Manuel Gallego


Exposición Manuel Gallego


Programa didáctico

GALERÍA DE IMAXES

CONTIDOS RELACIONADOS