Espazo Divulgativo do Pórtico da Gloria

Inicio / Patrimonio e Cultura / Exposicións / Espazo Divulgativo do Pórtico da Gloria

Espazo Divulgativo do Pórtico da Gloria

Pazo de Xelmírez da Catedral de Santiago de Compostela

A Fundación Barrié e a Fundación Catedral de Santiago promoven o novo Espazo Divulgativo do Pórtico da Gloria na Sala de Armas do Pazo de Xelmírez da Catedral de Santiago.  Este espazo permanente aborda a historia, iconografía e o programa de restauración que se está a desenvolver no Pórtico da Gloria: o Programa Catedral, financiado pola Fundación Barrié con catro millóns de euros.
 
Baixo o asesoramento científico de Francisco Prado-Vilar, experto internacional en arte medieval, os contidos deste espazo ofrecen unha visión e un discurso didáctico novos e únicos sobre a historia, a iconografía e a restauración da grande obra do mestre Mateo. Aplicacións interactivas, fotografías de gran formato e paneis explicativos expoñen o alto grao de deterioración e a urxencia de intervención, así como os traballos desenvolvidos entre 2008 e 2012 por equipos multidisciplinares de expertos de Alemaña, Italia e España (documentación histórica e planimétrica;  análises construtivas e estructurais; estudos da policromía, da biodeterioración, de sales, da humidade e da pedra e morteiro: a monitorización das condicións ambientais; e as probas dos distintos tratamentos químicos e con láser).
 
Así mesmo se detallan polo miúdo os traballos na actualidade en marcha na primeira fase da restauración iniciada en xuño de 2014 que conta coa codirección técnica do Instituto do Patrimonio Cultural de España do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a Xunta de Galicia. Este plan de restauración está a ser implementado en dúas fases: a primeira delas comprende a finalización da documentación, da investigación histórica e unha serie de medidas preventivas (estudo xeotécnico do subsolo xunto ás torres do Obradoiro, mapa de alteracións provocadas polas sales solubles nos paramentos da tribuna, restauración de reixas e colocación de filtros nas fiestras da fachada do Obradoiro). A segunda corresponde á aplicación dos tratamentos axeitados de conservación e restauración.