Inicio / Educación / Promoción do éxito escolar / Encontros de Educación Infantil / Relatores

Encontros de Educación Infantil

Relatores

Mª Teresa Sánchez Castaño

Profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Universidade de Santiago de Compostela

Relatorio: 
O desafío da creatividade na infancia

Sinopse: 
Existen múltiples concepcións sobre a creatividade. Algunhas falan da creatividade como un proceso, outras das características dun produto, algunhas dun determinado tipo de personalidade e, incluso, concíbena como o resultado dun ambiente determinado. O que está claro, segundo autores como Stenberg e Lubart, é que a creatividade está relacionada coa xeración de ideas que sexan relativamente novas, axeitadas e de alta calidade. É dicir, trátase de producir respostas novidosas e orixinais ante calquera tipo de problema en todas as áreas da humanidade, o que non é tarefa doada e, por iso, require adestramento e desenvolvemento, pois é "algo" que todos temos en diferente medida.
A creatividade é unha forma de pensar e de ser, e que se pode expresar en moitas áreas da vida. Tanto as familias como os mestres desexamos que os nosos alumnos/fillos sexan capaces de pensar por si mesmos e xerar ideas creativas, para iso debemos ter en conta que a creatividade ten que fomentarse, incentivarse e favorecerse desde os primeiros anos de vida.

Biografía: 
Mª Teresa Sánchez Castaño é Doutora en Psicoloxía pola USC e Profesora Titular do Depto. de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da devandita Universidade. A súa actividade docente está centrada principalmente na formación inicial e en activo do profesorado, así como na formación de profesionais da psicoloxía e da educación a través de mestradosey cursos de doutoramento especializados en temas de familia, calidade educativa, e problemáticas de xénero nos que colabora con asiduidade. Nos últimos anos formou parte de equipos de investigación multidisciplinares que traballan en problemáticas vinculadas coa infancia e a adolescencia, como as intervencións educativas nas altas capacidades, o tratamento dos trastornos da alimentación no ámbito escolar, a detección e intervención nos trastornos da personalidad en individuos novos e as Boas Prácticas na Educación Infantil. Coordinou e participou en programas educativos institucionais sobre a educación integral na infancia, dirixidos a pais e nais e docentes e na elaboración de materiais educativos. Ademais de publicacións derivadas das súas liñas de investigación en revistas especializadas,  coordinou e colaborou tamén en obras educativas de carácter divulgativo. 

Sofía Otero Álvarez

Coordinadora e acompañante do proxecto de educación na natureza Nenea, medrar creando.

Relatorio:
A creatividade participativa: a autonomía e a equidade de xénero na aula creativa

Sinopse:
Educación activa a través da natureza e a arte para nenos e nenas desde 3 ata 6 anos. Baseada no respecto á autonomía e aos diversos ritmos de desenvolvemento desde a equidade de xénero.

Biografía:
Licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid (2003). Mestrado en Investigación e Innovación en Educación pola UNED (2013) formacións ambas que lle permitiron realizar proxectos de investigación artística de creación tanto colectiva como individual en diferentes contextos educativos, entre outros, o proxecto LOVA (A ópera, un vehículo de aprendizaxe). Máis de 15 anos de experiencia docente, a Expresión Artística e a Innovación Educativa son dúas constantes no seu camiñar profesional e persoal, camiño que a levou a lugares próximos, como Lugo ou Madrid e afastados como Berlín. Desde o 2015 ata agora coordina o proxecto pedagóxico de Nenea Medrar Creando xunto a Bibiana Marful Castañal. Desde entón a Natureza configúrase como outro eixo fundamental, persoal e profesional, como elo que pecha unha tríade que resoa perfecta: Arte, Natureza e Educación. A través desta tríade obsérvase cada día como a infancia activa o seu ser natural en canto se lle dá a oportunidade, dialogando coa Natureza a través do xogo libre e a transformación. En cada vivencia no bosque, creadora e provocadora, apréndese algo fundamental para o ser; descóbrese quen un/ha é. Nas propostas e intervencións artísticas que se realizan no proxecto coa comunidade, tanto infantil como adulta, utilízanse os elementos que tan xenerosamente nos proporciona o medio natural para realizar pequenas transformacións que nos fan reflexionar sobre o propio concepto do espazo público e espazo natural, confluíndo experiencias, coñecementos e intercambio de toda a comunidade que acompaña. Dando lugar a un tecido plural, inclusivo e participativo.

Gladys García Fernández

Mestra de inglés do CRA Antía Cal de Gondomar, Pontevedra

Relatorio:
A natureza é creatividade

Sinopse:
O obxectivo desta charla é compartir o potencial do contorno natural e dos elementos naturais como base e inspiración do proceso creativo.

Biografía:
Mestra de inglés desde hai máis de 10 anos, traballa na área de infantil desde o 2013. Comezou a interesarse no mundo das pedagoxías alternativas e realizou entre outras as formaciones a seguir: Experta en pedagoxías alternativas, deseño de espazos de aprendizaxe, formación en materiais educativos Montessori e aproximación á experiencia Reggio Emilia.

Rubén Molinero Malvido

Mestre de Educación Infantil do CEIP Balaídos, Pontevedra

Relatorio:
A creatividade dixital. O uso da tecnoloxía no desenvolvemento da creAPPtividade

Sinopse:
O seu estilo de ensinanza promove o uso das tecnoloxías desde a infancia. Cómpre conxugar a estimulación da creatividade aproveitando o potencial creador das ferramentas tecnolóxicas, as cales permiten que as creacións do alumnado teña un contido artístico e orixinal moito maior que utilizando só ferramentas analóxicas.

Biografía:
Mestre de Educación Física e Licenciado en CC da actividade física e deporte. Mestre de Educación Infantil desde 2013 no CEIP Balaídos onde tamén ocupou os cargos de Coordinador TIC e de formación. Asiduo colaborador con centros de formación do profesorado de Galicia nas áreas de tecnoloxía e robótica. Gañador de premios como o Mobile Learning 2015, o accésit á integración de tecnoloxía en proxectos da Fundación Impuls, a buxaina de prata en 2017 ao mellor blog educativo de Educación Infantil e o terceiro posto nos premios Educa Abanca ao mellor profesor de Educación Infantil de España.

Inés Fernández Núñez

Mestra e educadora infantil 0-3 da Escola Infantil As Galeras (A Galiña Azul), Oleiros

Relatorio:
As artes na infancia: imaxinación e creatividade

Sinopse:
A escola debe acompañar nos procesos de construción do ser, de cada individuo. Axudalos a fortalecerse tanto no seu interior como no seu exterior, na que sexan libres para elixir e decidir, creando uns espazos que xeren vida e estean cheos de beleza, onde por riba de todo convivan a harmonía, a serenidade, o benestar, a ledicia, o respecto. Para darlle sentido ao que queremos conseguir penetramos neste novo reto da creación de atmosferas, a través de espazos escenográficos dentro das salas da escola.
Espazos para facer e desfacer, para crear e descubrir, para adquirir novas habilidades, para aprender e tamén para errar, onde todas as experiencias vividas son de gran valor, xa que achegan o neno/a á complexidade do mundo adulto e os/as axuda no seu propio proceso de crecemento.

Biografía:
Mestra e educadora da Escola Infantil 0-3 de As Galeras, xestionou e formou parte da dirección da devandita escola desde o ano 2002 ata o ano 2008, a partir do ano 2008 pasou a formar parte do cadro de persoal da Rede da Galiña Azul de Galicia. Soñadora, curiosa, emprendedora, innovadora e tenaz. Apostando sempre por unha educación próxima, calma, respectuosa cos tempos de maduración, de desenvolvemento, dos instrumentos de facer e de entender, da escoita, da observación, da experimentación... Desde o ano 2014, leva á práctica a metodoloxía da creación de atmosferas, marcada pola experiencia psicomotricista da infancia de Bernard Aucouturier e da experiencia na creación de atmosferas de Javier Abad.

Javier Francisco Rouco Ferreiro

Profesor do CEIP Rosalía de Castro, A Coruña

Relatorio: 
A filosofía e a creatividade: promovendo o pensamento innovador

Sinopse: 
A través do diálogo e desde un enfoque lúdico pódese axudar ao alumnado a mellorar as súas habilidades de pensamento. A Filosofía para Nenos e Nenas ofrécenos unha liña de traballo extendida por todo o mundo que fomenta o pensamento crítico, creativo e coidadoso.

Biografía: 
Mestre de Educación Infantil desde 1990. Doutor en Pedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesor Asociado na Facultade de Ciencias da Educación da UDC. Durante nove anos formou parte das estruturas de Formación Permanente do Profesorado da Xunta de Galicia. Participou en diversos grupos de investigación e proxectos europeos sobre Didáctica da Educación Infantil. Foi relator en numerosas actividades formativas por varias Comunidades Autónomas.

Ximena Losada Arufe

Produtora audiovisual

Relatorio: 
A creatividade e a cultura audiovisual

Sinopse: 
Nas últimas décadas xurdiu e desenvolvéronse numerosas propostas educativas cuxa finalidade é que nenos e nenas se eduquen no eido audiovisual e sexan quen de realizar as súas propias obras de imaxe e son. Isto prodúcese en contornos sociais onde a dispoñibilidade e accesibilidade dos dispositivos tecnolóxicos permiten a produción audiovisual desde idades moi temperás. No entanto, o compoñente tecnolóxico é só unha parte do fenómeno. Nestas prácticas educativas desenvólvense diferentes maneiras de concebir ¨o audiovisual¨, variados propósitos formativos, estratexias de ensinanza, dinámicas de traballo grupal e vínculos coa comunidade. Como logros deste ir e vir de procesos e vivencias grupais, déixanse ver certos conceptos relacionados coa creatividade infantil, a simbiose ou sometemento o criterio do ¨adulto-asistente¨ e a formación dun discurso crítico en canto á disección do contido que abrangue cada peza e a narración utilizada. De todo iso despréndense preguntas como ¿Podemos empezar a formar o noso criterio audiovisual na idade temperá?, ¿Deberiamos incluír máis contido audiovisual nas aulas de primaria?, ¿Cómpre pór en alerta aos nenos e nenas en idades temperás verbo da variación dun discurso audiovisual?

Biografía: 
Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Bos Aires e produtora audiovisual. Formou parte do equipo organizativo do S8, Mostra de Cinema Periférico da Coruña.
As súas áreas de especialización son os festivais de cinema e eventos culturais.

Concepción Sánchez Blanco

Profesora Titular na Facultade de CC. Educación. Universidade da Coruña

Relatorio:
Prácticas docentes creativas para o desenvolvemento da reflexión crítica no marco do Proxecto Europeo Erasmus +: “Interpretando as prácticas centradas en nenos e nenas para apoiar a calidade e a diversidade na Educación Infantil e os coidados”

Sinopse:
O relatorio desenvolverá un conxunto de liñas críticas xurdidas no traballo de investigación realizado no marco do devandito Proxecto Europeo, encamiñadas á formación e innovación docente na Educación Infantil e que teñen como eixe de actuación a pedagoxía centrada nos nenos e nenas.

Biografía:
Profesora Titular na Universidade da Coruña (Facultade de CC. Educación. Universidade da Coruña). Investigadora Principal e Coordinadora do Proxecto Europeo Erasmus + “Interpreting Child-Centredness to support Quality and Diversity in Early Childhood Education and Care" (Número de Referencia do Proxecto: 2017-1-UK01-KA201-03679).  Participante en numerosos Congresos e Conferencias de ámbito nacional e internacional e autora dos libros individuais e compartidos, así como artigos en prestixiosas revistas do ámbito educativo:  Fuego, meteoritos y elefantes. Cruzando fronteras en Educación Infantil (2018); Infancias nómadas. Educando en el derecho a la movilidad (2013); Peleas y daños físicos en la educación infantil (2009); Violencia física y construcción de identidades: propuestas de reflexión crítica para las escuelas infantiles (2006).  Ver web: http://concepcionsanchezblanco.es/

Julia Oliveira Formosinho

Universidade do Minho e fundadora da Asociación Criança

Relatorio:
Un desafío á escola: crear unha gramática para a expresividade artística [Relatorio en portugués]

Sinopse:
O potencial do desenvolvemento estético do cal dispón a arte medra moito cando se reconceptualiza como pedagoxía e como epistemoloxía. Cando a arte entra na escola e racha o imperialismo da gramática escolar, converte a escuela nun espazo máis plural onde a cognición e a emoción se entrecruzan, onde a expresión artística forma parte da pedagoxía e do currículo. A re-creación da pedagoxía dos ambientes educativos esixe que a interactividade entre os obxectos, as situacións e as relacións permita a integración do saber e do sentir, do facer e do pensar, do dicir e do expresar.
Este relatorio desenvólvese nestas liñas de pensamento pedagóxico e amosa unha escola que cre que a arte, a natureza e a cultura axudan a todos e a cada un a soñar a súa identidade.

Biografía: 
Julia Oliveira-Formosinho é profesora xubilada do Instituto de Educación da Universidade de Minho e profesora asociada convidada da Universidade Católica Portuguesa. Directora do Centro de Investigación da Asociación Crianza (Braga). Co-autora con João Formosinho da perspectiva educativa da Asociación Crianza: a Pedagogía-en-Participación. Premio Nuno Viegas Nascimento da Fundación Bissaya Barreto, como Vicepresidente da Asociación Crianza, en 2009.
No marco da avaliación institucional foi membro da Comisión de Avaliación Externa dos Cursos de Formación de Profesores en Educación de Infancia e Ensinanza Básica do Primeiro Ciclo. Foi consultora e avaliadora dos programas de Early Excellence Centers e de formación en liderado na educación da infancia (NPQICL- National Professional Qualification in Integrated Center Leadership) do goberno inglés.
No marco da longa asociación da Asociación Crianza coa Fundación Aga Khan, é consultora do Programa de Educación e Desenvolvemento da Infancia.
Integra a Dirección da Asociación Europea de Educación para a Infancia (European Early Childhood Education Research - EECERA). É miembro do Consello Editorial da respectiva revista (EECERj) e responsable dos seus números monográficos. É membro do Consello Editorial do RELADEI (Revista LatinoAmericana de Educación Infantil). É consultora de proxectos de investigación en Brasil, Inglaterra, Finlandia, Suecia e África do Sur, entre outros.
Guiou teses de mestrado, doctoramento e pos doutoramento en Portugal, Brasil e Inglaterra sobre os temas que publica.
Iniciou en Portugal e na Asociación Europea de Investigación en Educación Infantil (EECERA) un movemento de debate sobre o lugar das pedagoxías participativas na construción da calidade na educación infantil e a iniciación de nenos e nenas á vida democrática.
Publicou extensivamente, a nivel nacional e internacional, en temas como a Formación de Educadoras, a Formación en Contexto de Traballo, a Pedagoxía da Infancia e a Aprendizaxe Experiencial, a Investigación Praxeolóxica.