Obradoiros didácticos dirixidos a educación infantil, primaria, ESO, bacharelato e ciclos formativos

Introdución
Nos obradoiros didácticos, que sempre constarán dunha visita guiada previa e dunha actividade práctica, os participantes traballarán con dispositivos dixitais para crearen narrativas dixitais e interactivas. Inspirándose nas obras dos artistas que conforman a exposición, aprenderán a combinar debuxo tradicional e dixital coa finalidade de achegarse e coñecer a obra destes grandes mestres. A partir dun conxunto de microrrelatos que foron creados en función das obras que se inclúen nesta exposición, os participantes achegaranse a novos territorios de expresión e de aprendizaxe para explorar manualmente a tecnoloxía. Coas actividades que se formulan nesta Unidade Didáctica, os visitantes reflexionarán sobre o traballo e os materiais utilizados por estes grandes artistas. Con esta finalidade, serán animados a identificar e valorar as diferentes temáticas artísticas, e a coñecer diferentes técnicas pictóricas, que eles mesmos experimentarán, utilizando unha variedade de medios e materiais que inclúen pinturas, acuarelas e crayones.

OBXECTIVOS EDUCATIVOS: - Coñecemento e análise do traballo dos artistas do realismo holandés e da arte barroca flamenca. - Promover a creatividade e o desenvolvemento da imaxinación. - Estimular a capacidade plástica e visual. - Achegamento a novas tendencias educativas e enfoques para aproximarse ao pensamento computacional - Fomentar a aprendizaxe transversal, activa e significativa a través da arte - Potenciar as destrezas comunicativas interpersoais.

Ferramentas tecnolóxicas:
Makey Makey é una placa semellante ao mando dunha videoconsola que simula ser un teclado ou rato, o que permite enviar ordes ao ordenador ao que se encontre conectado. No canto de premermos os botóns o que facemos é pechar o circuíto mediante contactos ou pinzas de crocodilo e deste xeito simúlase ter premido un botón. Desta forma, permítenos converter calquera obxecto da vida cotiá nun teclado, un mando ou un rato de ordenador.
Bare Touch é unha placa que pode converter case calquera material ou superficie nun sensor. Esta placa é semellante a Makey Makey e funciona con calquera material condutor de electricidade. Cómpre conectar o material a unha das súas entradas para reproducir MP3 ou outras funcións como o control de motores, permitindo crear facilmente instrumentos musicais, interruptores de luz ou superficies interactivas.
Scratch é unha linguaxe de programación visual desenvolvido polo Grupo Lifelong Kindergarten do MIT Media Lab.? A súa principal característica consiste en que permite o desenvolvemento de habilidades mentais mediante a aprendizaxe da programación sen ter coñecementos profundos sobre o código.

Educación infantil: PAISAXES MUSICAIS
Ao explorar as obras que inclúen as paisaxes na exposición, o máis destacado son as paisaxes temperás dos artistas Hans Bol e Matthijs Cock. Ambos artistas flamencos destacan polo seu gusto pola técnica da acuarela, unha técnica dominante na creación de paisaxes desta época. Co obxectivo de que os máis pequenos se acheguen a estes traballos, iniciaráselles á técnica da acuarela para que estes coloreen diferentes paisaxes coa finalidade de crearen un mural colectivo. Axudados da placa Makey Makey, poderán explorar esta técnica de maneira sinxela e dotar de son estas paisaxes.
Ferramentas tecnolóxicas: Makey Makey



Educación primaria: CRAYON, PASTEL E TESOIRAS
Ao achegarnos ás obras da exposición que inclúen retratos e estudos de figuras, destacamos os debuxos das figuras de Rubens. Nestos debuxos, o uso por parte do artista de materiais como o crayon ou o xiz son fundamentais para realizar a composición. Divididos en grupos de dous, os participantes seleccionarán unha obra de Rubens, e realizarán a súa propia interpretación destes debuxos utilizando estes materiais, e outros novos, como a pintura condutora de electricidade. A continuación, axudados por dispositivos dixitais como Scratch e Makey Makey construirán un sinxelo xogo. Coa finalidade de fomentar a experimentación e fomentar a súa creatividade, traballarán nun xogo dixital xa predefinido que inclúe microrrelatos sobre os diferentes elementos da obra de Rubens.
Ferramentas tecnolóxicas: Scratch e Makey Makey



ESO (Educación Secundaria Obrigatoria): KIT DE DEBUXO PARA HISTORIAS QUE NUNCA SE REMATAN
Unha sección da exposición está dedicada a temas relixiosos, mitolóxicos e alegóricos, incluídos debuxos de Rembrandt, Van Dyck e Jacob Jordaen. Estes temas serán o punto de partida para crear un cartel interactivo. Para iso, primeiro animaremos os participantes a reflexionar sobre algúns conceptos e ideas relacionados co período histórico no cal estes artistas crearon estas obras. Nesta actividade, os participantes contarán con diferentes fichas dixitais de apoio que conteñen os datos máis relevantes sobre os debuxos destes autores. A continuación, por grupos e inspirados directamente polos temas destes mestres, os visitantes desenvolverán de xeito colaborativo un cartel producindo as súas narrativas con rotuladores, lapis e outros materiais novidosos. Para rematar, axudados por dispositivos dixitais como Scratch e Makey Makey converterán o seu cartel en interactivo. Durante a primeira parte da actividade traballarase de maneira individual para crear o cartel, e en grupos de traballo de dous alumnos para incorporaren a interacción ao cartel.
Ferramentas tecnolóxicas: Scratch e Makey Makey


 
Bacharelato e Ciclos Formativos: FANZINE FLAMENCO E HOLANDÉS
Nesta exposición salienta o compromiso de diferentes artistas co mundo natural. Isto demóstrase a través da representación de diferentes flores e naturezas, por exemplo, nas obras de artistas flamencos como Paul Bril e Jan Breughel. Nesta actividade, o mundo natural será a principal fonte de inspiración para crear un fanzine. A través de técnicas sinxelas e inspirados directamente polo traballo destes mestres, os participantes elaborarán a súa propia revista. Seguindo os parámetros que rexen a creación dun fanzine, e coa finalidade de estimular o pensamento crítico e creativo ante estas obras, pediráselles aos participantes que debuxen nun soporte común co mesmo material. Así mesmo, animaráselles a que axudados pola ferramenta dixital Bare Touch inclúan sons dixitais ou graven mensaxes para converteren o seu fanzine en interactivo. Os participantes traballarán en grupos de tres.
Ferramenta tecnolóxica: Bare Touch