Amigos do Museo Raíña Sofía

Inicio / Patrimonio e Cultura / Conferencias / Amigos do Museo Raíña Sofía

DO PRESENTE AO PASADO. VANGARDA E TRADICIÓN NA ARTE ESPAÑOLA CONTEMPORÁNEA

Ciclo de conferencias en colaboración coa Real Asociación Amigos do Museo Raíña Sofía

A Fundación Barrié no seu compromiso coa arte contemporánea inaugura na súa sede da Coruña un ciclo de conferencias en colaboración coa Real Asociación Amigos do Museo Raíña Sofía.

A través do comentario da obra dunha serie de artistas españois contemporáneos, todos eles de indubidable proxección internacional, o ciclo tenta levar a cabo unha análise crítica das fundamentais achegas de cada un deles mais, alén diso, profundando nas particulares raizames históricas da súa arte, o que supón promediar as súas novidosas contribucións na arte dos séculos XX e XXI á luz do seu ricaz pasado antropolóxico.

Deste xeito, realizarase unha apaixonante viaxe do presente cara ao pasado, a través da cal, grazas a esta, descubrirase máis e mellor o que aquela foi e está a ser, porque a arte é unha actividade en continua mudanza, mais sen que as súas eventuais modificacións fagan caducar o valor do que sucesivamente vai ficando tras da actualidade.

Neste senso, cada un dos conferenciantes convocados para esta aventura, seleccionados entre os mellores especialistas na materia, tratarán de descifrar nos artistas asignados os fundamentos históricos das súas respectivas linguaxes e traxectorias a través das obras que ao seu parecer mellor o acrediten.

Con este ciclo preténdese, en definitiva, non só revisar a singular e moi interesante historia da arte española contemporánea, senón tamén, ao ser a arte por natureza cosmopolita, abrir unha xanela ao que foi o seu pouso internacional.

As conferencias son de entrada libre ata completar a capacidade do recinto e celebraranse os xoves 19 e 26 de xaneiro e 2 e 9 de febreiro ás 20.00 horas na sede da Fundación na Coruña.


PROGRAMA

19 xaneiro:  A arte española entre o lume e o cristal, por  Francisco Calvo Serraller,  Catedrático de Historia da Arte, Universidade Complutense de Madrid.
 
26 de xaneiro:  Antonio Saura e a súa exploración da España escura: Goya e outros, por Manuela B. Mena Marqués, Xefe de Conservación de Pintura do século XVIII e Goya, Museo do Prado.
 
2 de febreiro:  Picasso e a arte medieval, por Juan José Lahuerta, Director da Cátedra Gaudí, Escola de Arquitectura de Barcelona.
 
9 de febreiro:  Salvador Dalí: tradicións, traizóns e outros labirintos, por Agustín Sánchez Vidal, Catedrático Emérito de Historia da Arte (Cinema e Outros Medios Audiovisuais), Universidade de Zaragoza.


Nota de prensa


Conferenciantes


Calvo Serraller


Mena Marqués


Lahuerta


Sánchez Vidal

VIDEO

Ciclo de conferencias: "Do presente ao pasado. Vangarda e tradición na arte española contemporánea"

Fundación Barrié

CONTIDOS RELACIONADOS