Fundación Amigos do Museo do Prado

Inicio / Patrimonio e Cultura / Conferencias / Fundación Amigos do Museo do Prado

A ERA DOS XENIOS. DE MIGUEL ÁNGEL A ARCIMBOLDO

Ciclo de conferencias 2017-2018 en colaboración coa Fundación Amigos do Museo do Prado

As conferencias son de entrada libre ata completar a capacidade do recinto e celebraranse os xoves 2, 9, 16 e 23 de novembro ás 20.00 horas na sede da Fundación na Coruña. O ciclo trasladarase en 2018 a Santiago de Compostela e as conferencias celebraranse os xoves 8 e 22 de febreiro e 1 de marzo no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago.

Nun apertado feixe de datas mudou o destino histórico de Europa e, xa que logo, o da arte. Cómpre ao respecto citar algúns dos acontecementos máis salientables dese momento crucial: no 1492, Colón descobre o novo continente americano; no 1517, o frade agostiño Martín Lutero estampa nas portas da igrexa do castelo de Wittenberg as 95 teses que configuran a Reforma protestante; no 1527, as tropas de Carlos V asolan Roma; no 1545, iníciase o Concilio de Trento, que establece a doutrina da Contrarreforma. Son os fitos principais da xestación dun mundo novo en todas as ordes.
As consecuencias destes acontecementos revolucionarios, que se suceden case todos durante a primeira metade do século XVI, envorcaron a concepción tradicional da arte tanto do punto de vista simbólico como formal. Por unha parte, a iconoclastia protestante revolucionou os xéneros artísticos nos países nos que triunfou, mentres que a reafirmación católica das imaxes sagradas animou o seu culto con formulacións máis dramáticas e naturalistas. No medio destas tendencias, desenvolveuse unha concepción sofisticada e subxectiva do artístico, logo bautizada co nome de manierismo, que relaxou o canon clásico ata case a súa ruptura. Sexa como for, todas estas turbulencias esporearon o individualismo artístico, sen o cal non se xestaría o toque do xenial ata a actualidade. Porque o xenial supón que a inspiración natural se impón sobre calquera regulamento establecido con menor ou maior virulencia. Neste sentido, a imaxinación imprime o seu selo nas futuras obras de arte. O século XVI, polo tanto, despunta o culto á personalidade na arte. No presente curso, abordarase o estudo das obras dalgúns dos máis conspicuos representantes deste apaixonante momento, crucial para o desenvolvemento da arte moderna.


PROGRAMA

A CORUÑA (2017)

2 novembro: O nacemento dos xenios. Teoría artística manierista, por Francisco Calvo Serraller, catedrático de Historia da Arte, Universidade Complutense de Madrid.

9 novembro: Giuseppe Arcimboldo. Metamorfose da natureza, por Thomas DaCosta Kaufmann, profesor Frederick Marquand de Arte e Arqueoloxía, Princeton University, Nova Jersey.

16 novembro:  Benvenuto Cellini, libero de lingua a la par che di manopor Cristóbal Belda, catedrático emérito de Historia da Arte, Universidade de Murcia.

23 novembro:  O Greco, paradigma do xenio, por Leticia Ruiz, xefa de Departamento de Pintura Española do Renacemento e Primeiro Naturalismo, Museo do Prado.


SANTIAGO DE COMPOSTELA (2018)

8 febreiro: Renacemento e manierismo na escultura dos Leoni, por Fernando Checa, catedrático de Historia da Arte, Universidade Complutense.

22 febreiro:  Último Rafael: arquitecturas e pinturas, por Fernando Marías, catedrático de Historia da Arte, Universidade Autónoma de Madrid.

1 marzo: Jacopo da Pontormo. Manierismo e melancolía, por Francisco Jarauta, filósofo.


Exposición "Cupido"


Concurso "Cupido"


Políptico informativo


Calvo Serraller


DaCosta


Belda


Exposición "Cupido"


Ruiz


Checa


Marías


Jarauta


Conferenciantes 2017-18

CONTIDOS RELACIONADOS